prosa

prosa

(< lat prosa)

  1. s f [LIT]
    1. Forma ordinaria da linguaxe, falando ou escribindo, non suxeita á medida nin ao ritmo do verso.

    2. Forma da linguaxe empregada nos discursos públicos e nas diferentes obras literarias, que se pode manifestar de moitas maneiras: prosa rítmica, animada cunha cadencia musical semellante á da prosa libre; prosa poética, cando imita os recursos da poesía; ou prosa lírica, a que se inspira no lirismo. Con referencia ao estilo, pódese falar de prosa densa, concisa, etc.

  2. s f [LIT]

    Conxunto da obra escrita en prosa dun autor ou dun período.

  3. s f [LIT]
    1. Aquilo que se contrapón á poesía.

    2. Obra que, na estética contemporánea contraposta á poesía, non acada a plenitude de expresión artística ou ben só responde a unhas finalidades prácticas.

  4. s f

    Carencia de poesía, de idealismo e, por contra, exceso de submisión ás necesidades prácticas, ás esixencias diarias e materiais.

  5. s f [RELIX/MÚS]

    Canto litúrxico rimado que se executaba xeralmente tras o aleluia da misa e da capítula de vésperas. Orixinariamente era un texto, a maneira de tropo, adaptado a unha vocalización dun canto litúrxico, pero no s X xa designaba o texto extenso e vagamente rimado que se cantaba despois do aleluia da misa. Nos manuscritos litúrxicos xermánicos denomínase secuencia. A reforma de Pío V (1568) só conservou catro.

Palabras veciñas

prorrogar | prorromper | Prorsus | prosa | prosador -ra | prosaico -ca | prosaísmo