prospección

prospección

(< latprospectĭōne)

  1. s f [XEOL]

    Conxunto de operacións e técnicas destinadas á localización de xacementos de hidrocarburos, de minerais ou depósitos subterráneos de auga, baseadas no estudo dos caracteres superficiais do terreo. A partir da década de 1920, co afán da busca de minerais -en particular de petróleo-, comezaron a se adaptar cada vez máis as técnicas xeofísicas que, orixinariamente, foran ideadas para investigar a estrutura profunda da Terra, ata que foron aplicadas ao problema das estruturas xeolóxicas pouco profundas, en traballos de enxeñaría civil. O seu obxectivo é detectar e localizar corpos, estruturas ou superficies xeolóxicas e, cando sexa posible, determinar as dimensións, a profundidade, ou algunha das súas propiedades físicas. Os métodos xeofísicos máis empregados son gravimétricos, magnéticos, eléctricos e sísmicos, segundo se estude e midan as perturbacións do campo gravitatorio terrestre ou do seu campo magnético, as variacións da condutividade eléctrica no subsolo ou as ondas captadas ou producidas por explosións provocadas no subsolo. Os datos obtidos trasládanse mediante curvas ao plano do terreo, e a súa observación e análise permiten formular previsións respecto da posible presenza de minerais en determinados puntos ou zonas. As prospeccións petrolíferas adoitan efectuarse en tres etapas: determinación das rexións favorables á almacenaxe polo que se refire á súa xénese e ás súas condicións hidrodinámicas, localización das estruturas xeolóxicas axeitadas para a almacenaxe e sondaxes programadas para coñecer a importancia do xacemento e a calidade do hidrocarburo.

  2. prospección arqueolóxica [ARQUEOL]

    Conxunto de operacións e técnicas destinadas á localización ou identificación de xacementos arqueolóxicos. Dos medios utilizados destacan o traballo con fontes documentais (fontes escritas, debuxos, fotografías), orais (folclore, toponimia), e de diversos métodos de recoñecemento: visuais, fotográficos, eléctricos, magnéticos, acústicos ou xeoquímicos.