Proxecto de Constitución para o Estado Galaico

Proxecto de Constitución para o Estado Galaico

Proxecto presentado polo Partido Republicano Democrático Federal de Galicia en 1887. Contou con 100 artigos divididos en XVI títulos en que desenvolvía o conxunto de principios básicos dun estado de carácter federal, autónomo e soberano dotado dun goberno baseado nun sistema democrático e republicano. Definiu a Galicia como un estado integrante da nación española. Establecía diversos dereitos fundamentais, o sufraxio universal, e a capacidade de autoorganización do Estado galaico. O seu ámbito territorial integraba as catro provincias, mantiña os modelos de organización local vixentes e baseábase na separación dos poderes executivo, lexislativo e xudicial. O seu órgano de representación lexislativa era a Asemblea Rexional. Definiu tamén outros aspectos fundamentais como a facenda, o exército e a educación, e estableceu as atribucións dos municipios como entidades autónomas no seu ámbito de actuación. Non chegou a aprobarse.