PSA Peugeot Citroën

PSA Peugeot Citroën

Grupo empresarial do sector automobilístico que reúne, entre outras, as marcas Peugeot e Citroën. En 1974 Peugeot adquiriu o 38,2% de Citroën S.A, mantendo cada marca os seus propios modelos, e en 1976 Peugeot absorbeu a Citroën e formouse PSA Peugeot Citroën. En 1978 tomou o control de Chrysler Europa e en 1980 fusionouse con Talbot. Xunto coas actividades de construción e venda de automóbiles, o grupo inclúe outras actividades fóra do sector automobilístico como Banque PSA Finance e GEFCO, empresa de transporte e loxística. Ademais asinou convenios con outros construtores de automóbiles para producir conxuntamente bases de vehículos ou órganos como motores. Conta con 14 centros de produción, entre eles o de Vigo e Madrid, e 14 fábricas de mecánica e elementos de fundición. En 2003 produciu 3.309.000 vehículos, facturou 54.238 millóns de euros, vendeu 3.285.600 unidades e tiña 200.000 empregados. En 1957 Citröen instalouse en Vigo nunhas instalacións que a Zona Franca dispuña no porto. Citröen Hispania creouse cun capital de 100 millóns de pesetas dos que o 45% foi subscrito por Automobile Citröen. En 1958 saíron das súas instalacións as primeiras furgonetas AZU. En 1959 comezou a construción das instalacións nos terreos da Zona Franca, Balaídos, ampliados en anos posteriores. En 1972 comezou un plan de expansión que levou, ademais da modernización e ampliación da fábrica de Vigo, á creación dunha unidade de produción de produtos de órganos metálicos no polígono de San Cibrao das Viñas e un centro de distribución de vehículos para o mercado español en Porriño. É a primeira empresa de Galicia. A planta conta con talleres de embutición, soldadura, pintura e montaxe. En 2004 produciu 458.550 vehículos dos modelos Citröen Xsara Picasso, C15 e Berlingo e Peugeot Partner, dos que o 86% foron exportados, e 51.500 coleccións de CKD (conxunto de pezas que permiten construción de automóbiles en plantas de montaxe), e contaba con 9.000 traballadores. Ademais ao seu redor desenvolveuse unha industria auxiliar e filial que provén a factoría. A primeira empresa auxiliar foi Tallares Viza que a mediados dos anos oitenta comezou a fabricar armaduras para os asentos dos 2CV. Entre estas empresas destacan Copo Ibérica SA e Dalphi Metal SA.

Palabras veciñas

Przybyszewski, Staniséaw | PS | PS | PSA Peugeot Citroën | Psamético I | Psamético II | Psamético III