psiquiatría
(< psiqu- + -iatría)
Ciencia que ten por obxecto o estudo, a diagnose e o tratamento das desordes e as enfermidades mentais, e dos problemas de adaptación da personalidade. Desenvolveuse historicamente no marco da medicina. O estudo da patoloxía psíquica comezou propiamente no s XVI, coas achegas dos médicos renacentistas Paracelso e F. Patter, pero a constitución da correspondente especialidade non chegou ata finais do s XVIII, con W. Cullen, V. Chiarugi, J. Daquin, J. G. Langermann e Ph. Pinel. No s XIX houbo unha extraordinaria floración da psiquiatría no mundo xermánico; cómpre destacar a W. Griesinger, P. J. Moebius, que distinguiu psicoses endóxenas e esóxenas; e E. Kräpelin. En canto á psiquiatría francesa, destacan P. de Vinay, V. Magnan, B. A. Morel e P. Janet. Sucesivas achegas no campo psiquiátrico foron, entre outras, as da terapia hipnótica, as das técnicas da psicanálise e as dos máis modernos descubrimentos farmacolóxicos, así como a aplicación doutros métodos terapéuticos, como por exemplo os eléctricos ou os cirúrxicos (como a psicocirurxía). O uso abusivo destes métodos determinou a aparición da chamada antipsiquiatría, unha corrente psiquiátrica que tenta humanizar a terapéutica das enfermidades mentais.