Puerto Rico
Estado das Antillas, asociado a EE UU, situado a uns 80 km ao L de La Española e constituído pola illa homónima e as illas Vieques, Culebra, Mona e outras máis pequenas (9.104 km2; 3.847.000 h [estim 2001]). A súa capital é San Juan.
Xeografía
A illa de Puerto Rico ten unha forma alongada. O 71% da superficie está composta por terras altas. O relevo está marcado pola Cordillera Central que a atravesa de O a L (Cerro de Punta, 1.338 m). A zona montañosa, composta por pequenas concas deprimidas ofrecen boas terras agrícolas. Os ríos son estacionais. O clima é tropical, cálido e húmido. A economía, que era esencialmente agrícola, foi transformándose pola industrialización. A agricultura baséase no café, os vexetais, a cana de azucre, os ananás e o tabaco. Os recursos mineiros son escasos (pedra calcaria e sal) e a produción de enerxía é feble. A industrialización foi posible ao entrar a illa no sistema aduaneiro estadounidense. En 1982-1983 recibiu créditos importantes para parar a emigración cara a EE UU. Ao lado das industrias da transformación agrícola desenvolvéronse sobre todo as do cemento e materiais eléctricos e electrónicos. As comunicacións interiores presentan 22.588 km de estradas. Os ferrocarrís só serven ás factorías azucreiras, mentres que os contactos exteriores céntranse no aeroporto e o porto de San Juan. O turismo contribúe apreciablemente á economía. O comercio internacional vese favorecido pola zona franca de Mayagüez e, desde 1982, pola do porto de San Juan. Os intercambios comerciais son fundamentalmente de produtos químicos, alimentarios e de maquinaria eléctrica. As importacións e exportacións teñen lugar principalmente con EE UU. A balanza corrente é negativa, pero a balanza de capitais, favorable, permite saldar o déficit. A unidade monetaria é o dólar estadounidense. É un país de alto crecemento demográfico (10,2%, 1993) por mor da forte natalidade (18‰). O crecemento, con todo, é absorbido en gran parte pola forte emigración, especialmente cara a EE UU. A densidade de poboación é elevada (431,2 h/km2, 2000), pero a distribución da poboación é irregular. A parte máis poboada da illa é o NL, onde se localiza a capital, San Juan (421.958 h [2000]). Outras cidades importantes son Bayamón (205.400 h [2000]), Carolina (169.800 h [2000]), Ponce (156.500 h [2000] e Caguas (89.500 h [2000]). A poboación urbana representa o 75,6% (2001).
Sociedade e goberno
A poboación de Puerto Rico é principalmente mestiza, descendente de españois, escravos africanos, taínos e pequenos grupos de emigrantes. Os idiomas oficiais son o castelán, desde 1991, e o inglés, desde 1993. Non existe relixión oficial, aínda que a maioría da poboación é católica (74%), seguida da protestante (4,7%). O ensino primario e secundario é gratuíto. A esperanza de vida ao nacer é de 71 anos para os homes e de 80 para as mulleres, e o PNB por habitante é de 7.010 $ EE UU.
Goberno e política
Antiga colonia española, en 1898 pasou a formar parte de EE UU. Desde 1952 é un estado libre asociado a EE UU. A poboación ten a cidadanía estadounidense, pero non pode votar nas eleccións estadounidenses. O estado goza de autonomía interna, pero EE UU resérvase as relacións exteriores, a defensa, a xustiza, a dirección da economía e a facultade de derrogar as leis elaboradas polo parlamento portorriqueño. Segundo a súa Constitución, ratificada o 3 de marzo de 1952, aprobada polo Congress o 3 de xullo de 1952, e efectiva o 25 de xullo de 1952, o poder lexislativo pertence ao parlamento bicameral, denominado Asamblea Legislativa. Está formado por dúas cámaras, que se renovan por catro anos: a Cámara de Representantes, formada por 51 membros, e o Senado, composto 27 senadores, aínda que este número pode ampliarse ata 68 e 36, respectivamente, dependendo dos resultados electorais. O poder executivo teno un gobernador que é elixido por un período de catro anos. O sistema legal baséase no código civil español. Conta cunha Corte Suprema, os xuíces desígnaos o gobernador con consentimento de Senado. As principais forzas políticas son: o Partido Popular Democrático (PPD), liberal; o Partido Nuevo Progresista (PNP), conservador; e o Partido Independentista Puertoriqueño (PIP), socialdemócrata e separatista.
Historia
As orixes e a colonización
Habitada polos taínos, a illa de Borinquen foi descuberta en 1493 por Cristovo Colón e, en 1508, Juan Ponce de León comezou a súa colonización coa fundación da cidade de Puerto Rico nunha estratéxica badía. Cara a 1530 esgotouse a explotación mineira e a economía pasou a ser agrícola, baseada no cultivo de cana de azucre, e escravista. En 1521, a illa recibiu o nome de Puerto Rico e a súa capital estableceuse en San Juan. Atacada constantemente polos indios caribes e polos piratas durante os ss XVII e XVIII, o seu ritmo económico non se acelerou ata 1815, cando unha real cédula liberalizou o comercio de froitas. A inmigración fixo medrar a poboación, pero tamén motivou as primeiras loitas pola independencia en 1835, 1839 e 1848. En 1868 un grupo dirixido por Ramón Emeterio Betances proclamou a independencia de Puerto Rico en Lares (Grito de Lares), pero foi derrotado polos españois. O movemento independentista cubano estendeuse a Puerto Rico e en 1897 España concedeulle a independencia. O primeiro goberno autónomo constituíuse en 1898, presidido por Francisco Mariano de Quiñones. Con todo, co estopido da guerra entre España e EE UU, Puerto Rico foi ocupado por EE UU e, malia a resistencia española e popular, o Tratado de París (1899) traspasou a soberanía española a EE UU. A administración estadounidense impuxo o inglés como idioma e tentou transformar a illa nunha plantación de cana de azucre e base militar. En 1917, pola Lei Jones, concedeu a cidadanía estadounidense aos habitantes de Puerto Rico. A oposición aos estadounidense continuou e en 1922 fundouse o Partido Nacionalista (PN), que levou a cabo rebelións reprimidas violentamente por EE UU. En 1947 EE UU permitiu que Puerto Rico elixise ao seu propio gobernador. Puerto Rico posúe un representante no Congress de EE UU pero apenas pode votar en comités e non no plenario.
A proclamación de Puerto Rico como estado libre asociado
En 1948 elixiuse como primeiro gobernador a Luis Muñoz Marín, líder do Partido Popular Democrático (PPD), que pretendía transformar Puerto Rico nun estado libre asociado a EE UU, status que EE UU recoñeceu en 1950. Dous anos despois os estadounidense ratificaron a súa constitución. Desde 1978 o Comité de Descolonización da ONU recoñece o seu dereito á autodeterminación e independencia. Reelixido en 1956 e 1960, L. Muñoz Marín promoveu a industrialización, por medio de fortes investimentos estadounidenses. Ao longo da década de 1950, a agricultura foi decaendo, ao tempo que produciu un desprazamento da man de obra que provocou a emigración en masa a EE UU. Aínda que na década de 1960 o movemento independentista cobrou forza, no referendo de 1967 apoiouse a continuidade como estado libre asociado a EE UU. Desde 1968 o PPD e o Partido Nuevo Progresista (PNP) alternáronse no cargo de gobernador. A L. Muñoz Marín sucedeuno Luis Antonio Ferré (1968-1973), do PNP, e a este Rafael Hernández Colón (1973-1976), do PDP. O PNP retornou ao goberno con Carlos Romero Barceló (1976-1984), que tentou convocar un referendo para decidir a transformación de Puerto Rico nun estado estadounidense. En 1984 accedeu de novo ao cargo de gobernador Rafael Hernández Colón (1984-1991), que converteu o castelán en lingua oficial en 1991, ano en que o pobo portorriqueño recibiu o Premio Príncipe de Asturias das Letras pola defensa desta lingua. En 1991 celebrouse un novo referendo que volveu apoiar a condición de estado libre asociado. O goberno tornou ao PNP con Pedro Roselló (1991-2000), partidario da conversión de Puerto Rico en estado de EE UU, opción rexeitada nun novo referendo en 1993, ano en que se proclamou o inglés idioma oficial xunto co castelán. En 2000 elixiuse gobernadora de Puerto Rico a Sila María Calderón, do PPD. En 2003, a mariña estadounidense retirouse definitivamente da illa de Vieques, onde viña realizando probas nucleares que provocaron o rexeitamento da poboación e a dexeneración das condicións de vida e medioambientais. Tras as eleccións de 2004 converteuse en gobernador Aníbal Acevedo Vila Calderón do PPD.
A presenza galega en Puerto Rico
No s XIX, o número de galegos que chegou a Puerto Rico foi moi escaso: só 3.117 persoas, que representaron o 7,3% dos españois instalados no país. A maioría eran militares (62%) e o resto exerceu profesións diversas, como comerciantes, albaneis ou canteiros. Dos galegos que chegaron neste século destacou o padre Rufo Manuel Fernández Carballido (1790-1855), cóengo da catedral de San Juan en 1832 e principal impulsor do desenvolvemento científico de Puerto Rico. Tras a Guerra Civil Española, un grupo pequeno pero selecto chegou exiliado. Deles destacaron o historiador e arqueólogo Sebastián González García-Paz, o escultor Francisco Vázquez Compostela, o pintor e escultor Ángel Botello Barros ou Eugenio Fernández Granell. O Centro Galego de Puerto Rico creouse, en maio de 1974, nunha reunión de 25 galegos que se xuntaron nun pequeno local do colexio San Jorge en San Juan, cedido gratuitamente por Perfecto Pérez (galego e párroco do colexio). Celebran actividades culturais, sociais, recreativas e deportivas, e contan cunha oficina na Casa de España en San Juan. A súa publicación é Ecos del Centro Gallego, de periodicidade anual e gratuíta.