Punxín

Punxín


Concello da comarca do Carballiño, situado ao O da provincia de Ourense e ao S da Comunidade Autónoma de Galicia. A súa posición xeográfica é 42° 18’ de latitude N e 7° 59’ de lonxitude O. Limita ao N co concello de Maside (comarca do Carballiño), ao S co de Cenlle (comarca do Ribeiro), ao L cos de Amoeiro e Ourense (comarca de Ourense), e ao O co de San Amaro (comarca do Carballiño). Abrangue unha superficie de 17,1 km 2 , en que acolle unha poboación de 907 h (2007), distribuída entre as parroquias de Barbantes, Freás, Ourantes, Punxín, Vilamoure e Vilela. A capital é o lugar da Forxa, situada na parroquia de Punxín, localizada a 17 km da cidade de Ourense. Está adscrito á diocese de Ourense e ao partido xudicial do Carballiño.
Xeografía física
O relevo está formado por dúas importantes unidades, a superficie de erosión e o val do río Barbantiño. A superficie de erosión sitúase entre os 380 e os 450 m de altitude, e na parte occidental do concello culmina no monte San Trocado, unha especie de domo que se eleva a 550 m sobre o val do Miño. O val do río Barbantiño, afluente do Miño, discorre por unha fractura de dirección N-S. Os materiais que forman este relevo están moi alterados, tanto pola tectónica como pola erosión diferencial. Trátase de granitos de dúas micas, nas áreas elevadas e nas planicies, mentres que no val do Barbantiño abondan os sedimentos cuaternarios, moi aptos para o cultivo. O clima, de tipo oceánico, está matizado pola situación do concello nunha área de transición. Trátase dun clima oceánico con matiz mediterráneo, pola propia localización do concello entre o val do Miño e a planicie. A temperatura media anual sitúase en 14°C, o mes máis frío é xaneiro con 6°C e o máis cálido agosto con 22°C. As precipitacións oscilan entre os 1.500 mm das áreas máis elevadas e os menos de 900 mm dos vales. As xeadas invernais son frecuentes, mentres que no verán se acusa un período de aridez. A vexetación está condicionada pola abundante presenza de especies de repoboación que case desprazaron totalmente a vexetación autóctona de carballos, cerqueiros e castiñeiros, que conviven con extensas superficies de mato.
Xeografía humana
O concello de Punxín contou con dúas etapas de evolución demográfica ao longo do s XX, desde 1900 ata 1950 en que a poboación se mantivo estancada, entre os 2.173 e os 2.100 habitantes; e a partir de 1950 cando o concello comezou a perder efectivos demográficos a causa da emigración, o que reduciu a máis da metade (1.025 h en 1996) a poboación municipal. No s XXI continua o descenso: 937 h en 2001 e 907 h en 2007. En 2006 o crecemento natural foi negativo (-13,4‰) cunha taxa de natalidade baixa (2,2‰) amplamente superada pola alta taxa de mortalidade (15,6‰). A estrutura por idades mostra un acusado índice de avellentamento, marcado polo éxodo rural e o forte descenso da natalidade: os menores de 20 anos supoñen o 8,8% da poboación fronte aos maiores de 65 anos que son o 38,4%; o grupo intermedio representa o 52,8%. Por sexos dominan as mulleres: 52,59% fronte ao 47,40% de homes. A distribución da poboación responde á disposión do relevo, situándose a meirande parte na área do val do Barbantiño. Trátase de aldeas de tamaño pequeno que apenas superan os 100 h, a capital municipal, A Forxa, posúe menos de 30 h, polo que non existe ningún centro urbano de importancia no concello, aínda que é evidente a concentración de servizos e equipamentos na cabeceira.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Punxín é do 40,4% (52,2% a masculina e 30% a feminina); a taxa de ocupación é do 34,2% (45,3% a masculina e 24,4% a feminina), e a taxa de paro sitúase no 15,4% (13,2% a masculina e 18,7% a feminina). Punxín sitúase nunha comarca dunha ampla tradición agraria, pero as actividades relacionadas co campo deixaron de ser as máis importantes do concello, e só dan traballo ao 7,4% dos activos. As parcelas son de pequenas dimensións, o que denota a elevada fragmentación da terra. As terras labradas supoñen o 15% da superficie, das que o 53% está ocupada pola vide, que chega a ser practicamente un monocultivo no fondo do val, alternado con herbáceas nas ladeiras, e menos importante na altiplanicie. A produción vitícola comercialízase nunha importante proporción, mentres que o resto se dedica ao consumo local. A poboación empregada no sector secundario ascende ao 37,3% (24,2% na industria e 13,1% na construción); moitos destes traballadores desprázanse diariamente a traballar a Ourense. Apenas existen empresas de relevancia, só destacan as adegas e algúns serradoiros. No sector terciario traballa o 55,2% da poboación activa, fundamentalmente fóra do concello ou nos servizos públicos da administración, a sanidade e a educación, xa que se trata dun concello de escasa actividade comercial. As principais vías de comunicación son as estradas N-541, que atravesa o termo municipal en dirección N-S e a N-120, con dirección L-O. A liña de ferrocarril Vigo-Ourense atravesa o concello na súa parte meridional.
Historia
As primeiras mostras do poboamento son as mámoas e pezas megalíticas localizadas en Vilela e Ourantes. Co concello veciño de San Amaro comparte o castro de San Cibrao de Las. Nos séculos medievais o territorio estivo baixo a influencia do bispo de Ourense e do mosteiro de San Clodio de Leiro. Durante o Antigo Réxime as parroquias que integran o actual concello de Punxín pertenceron á xurisdición de Maside, señorío do conde de Ribadavia, compartido con outro señor nunha das súas parroquias. A proclamación da Constitución de 1812 supuxo a abolición do réxime señorial e a súa substitución por unha administración municipal do territorio. Daquela creouse o concello de Punxín, que en 1822 pasou a denominarse Barbantes. A derrogación da Constitución de 1812 por parte de Fernando VII en 1823 supuxo a supresión destes concellos e a restauración do réxime señorial. A definitiva recuperación do municipalismo produciuse en 1835. Daquela, as parroquias do actual concello integráronse no concello de Maside, ata que en 1870 se configurou o concello de Punxín.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados, destacan as igrexas románicas de San Xoán de Ourantes e Santa María de Vilela, e as de Santiago de Barbantes (ss XVIII-XIX), Santa María de Freás (s XVIII), Santa María de Punxín, que conserva no seu interior o sarcófago de san Vintil (s IX), e Santo Estevo de Vilamoure. Sobresaen tamén os pazos do Souto en Freás e o de Punxín. As principais festas son as de Santo Antón en xullo e as de San Vintil en decembro.

Datos de poboación (2007)

Provincia OURENSE
Comarca Carballiño, O
Extensión 17 Km2
Poboación Total 907 h
Poboación Homes 430 h
Poboación Mulleres 477 h
Densidade de poboación 53.35 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias