Paderne

Paderne


Concello da comarca de Betanzos, situado no O da Comunidade Autónoma de Galicia, no L da provincia da Coruña, a 43° 16’ de latitude N e 8° 10’ de lonxitude O. Limita ao N co concello de Miño (comarca de Betanzos), ao L co de Irixoa, ao S cos de Betanzos e Coirós, e ao O co de Bergondo (comarca da Coruña) e a ría de Betanzos. Abrangue unha superficie de 39,8 km 2 , en que acolle unha poboación de 2.710 h (2007) distribuídos nas parroquias de Adragonte, Obre, Paderne, Quintas, San Pantaleón das Viñas, San Xulián de Vigo, Souto, Vilamourel e Vilouzás. A súa capital é o lugar do Consistorio, situado na parroquia de Paderne. Localízase a 26 km ao L da cidade da Coruña e a 62 km de Santiago de Compostela. Está adscrito á arquidiocese de Santiago e ao partido xudicial de Betanzos.

Xeografía física
O relevo está constituído por diferentes superficies de erosión, cunha altitude que descende gradualmente de L a O desde os 400 m ata o nivel do mar no seu extremo noroccidental, onde comeza a abrirse a ría de Betanzos. As superficies de erosión dan lugar a unha paisaxe central achairada, unicamente interrompida por pequenos relevos residuais que acadan a maior altitude no monte Petón (338 m). Climaticamente, forma parte do dominio oceánico húmido, cun réxime térmico suave no inverno e no verán, cunha temperatura media anual de 12,3°C, onde o mes máis frío é xaneiro, con 9°C de media, mentres que o máis quente é agosto, con 18°C. A súa posición no fondo da ría favorece a influencia dos ventos húmidos que veñen do mar, cunhas precipitacións elevadas, que acadan os 1.500 mm anuais. O réxime pluviométrico ten un máximo no inverno e un mínimo no verán cun pequeno déficit hídrico. Cara ao interior domina un clima oceánico temperado que reduce as precipitacións polo efecto de abrigo que producen as áreas elevadas. A altitude aumenta no interfluvio que separa as concas do río Lambre, polo N, e a do Mandeo polo S, que desemboca formando a ría de Betanzos. Ambos os dous, xa nos últimos tramos dos seus cursos, forman estreitos vales de vertentes acusadas. A rede hidrográfica vén marcada por estes dous ríos, o Lambre e o Mandeo, de dirección NO-SL, e os seus pequenos afluentes. A vexetación natural vese favorecida pola abundancia e regularidade das chuvias. O 56% da superficie do concello é espazo forestal, onde predominan o eucalipto e as especies autóctonas nas ribeiras dos ríos.


Xeografía humana
O concello tiña a comezos do s XX unha poboación de 4.737 h, 2.000 persoas máis ca en 2001. Nos tres primeiros cuartos do s XX, o crecemento natural foi elevado grazas a unha alta taxa de natalidade e a diferentes correntes emigratorias internas e externas que compensaron nos diferentes censos as pequenas variacións. A diminución demográfica produciuse sobre todo a partir da década de 1970, debido ao intenso éxodo rural cara ás cidades próximas de Betanzos e A Coruña, e á redución do crecemento vexetativo pola perda da natalidade. O descenso do número de habitantes mantívose nos seguintes anos, e no período intercensual 1991-2001 acadou unha baixa do 6,68%. A poboación mantense estable nos primeiros anos do s XXI- A causa e a consecuencia desta evolución demográfica foi o avellentamento da poboación. En 2006 o crecemento natural foi de signo negativo (-12,8‰), a taxa da natalidade moi baixa (3,8‰) e a de mortalidade alta (16,6‰). Esta crise demográfica queda reflectida tamén na estrutura por idades. Así, a poboación ata os 20 anos supón o 10,4% do total e os maiores de 65 anos acadan o 31,3%. A distribución por sexos reflicte unha superioridade feminina, que constitúe o 51,14% de efectivos fronte ao 48,85%. A poboación está distribuída uniformemente por todo o concello, pero é o lugar da Insua (San Pantaleón das Viñas) a entidade con maior poboación.

Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Paderne é do 44,5% (52,9% a masculina e 36,8% a feminina); a taxa de ocupación é do 40,6% (48,5% a masculina e 33,4% a feminina); e a taxa de paro sitúase no 8,7% (8,3% a masculina e 9,2% a feminina). A estrutura do emprego amosa un equilibro entre os tres sectores: o primario ocupa ao 24,1% da poboación activa, o terciario ao 44,9% e o secundario ao 31,1% (16,9% pertencentes á industria e 14,2% á construción). A economía local baséase nas actividades agropecuarias, as explotacións agrarias dedícanse, en primeiro lugar, á gandaría bovina, e despois a unha agricultura de horta. Tamén destacan as actividades dedicadas á agricultura de autoconsumo atendidas a tempo parcial e á explotación dos recursos forestais. Depende economicamente da proximidade da vila de Betanzos e das áreas urbanas da Coruña e Ferrol. A maioría dos traballadores do sector secundario e terciario exercen os seus empregos fóra de Paderne, polo que as actividades económicas non agropecuarias apenas están representadas. O sector industrial está reducido a pequenas fábricas relacionadas cos recursos naturais que xeran poucos empregos, ao igual ca o sector da construción, tamén minoritario, que atende as demandas de vivenda do concello. O sector terciario limítase a determinados servizos moi básicos ao non existir ningún núcleo urbano nin especializado neles. A principal vía de comunicación é a estrada N-VI, Madrid-A Coruña, que discorre polo sector occidental onde se atopan os principais núcleos de poboación. A estrada AC-640, Betanzos-Viveiro, atravesa o concello de O a L.
Historia
Os restos arqueolóxicos mencionados, dos que destaca o castro de Adragonte, mostran un antigo poboamento nestas terras. Durante a Idade Media, a familia dos Andrade exerceu o seu señorío sobre este territorio, os Bermúdez de Castro sobre algunha das súas parroquias e o conde de Maceda tivo o padroado sobre outras tres parroquias. Todas elas repartíanse entre as xurisdicións de Betanzos, Pruzos e Vilamorel, integradas na extinguida provincia de Betanzos. Tras a división provincial de Galicia (1822), pasaron a pertencer ao partido xudicial de Betanzos, na provincia da Coruña e desde 1835, coa división municipal, constituíuse o concello de Paderne.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos, destacan as igrexas románicas de San Salvador de Vilouzás, San Pantaleón das Viñas e Santa María de Souto. Da arquitectura civil sobresaen as casas de Montecelo (San Pantaleón das Viñas) e pontes como a ponte do Porco (s XIV) ou a ponte Lambre, ambas as dúas na parroquia de San Pantaleón das Viñas. O lugar de Chelo, situado entre os concellos de Coirós e Paderne, na ribeira do río Mandeo, foi declarado BIC (1972). Do seu patrimonio natural destaca o espazo de Betanzos-Mondeo, declarado Lugar de Importancia Comunitaria dentro da Rede Natura 2000. Entre as festas que se celebran destacan a de Nosa Señora dos Remedios en Souto, a da Virxe do Carme en Paderne, a de San Pantaleón en San Pantaléon das Viñas e a de San Salvador en Vilouzás

Datos de poboación (2007)

Provincia A CORUÑA
Comarca Betanzos
Extensión 39 Km2
Poboación Total 2710 h
Poboación Homes 1324 h
Poboación Mulleres 1386 h
Densidade de poboación 69.49 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias