Pedro/Petra
Antropónimo que ten a súa orixe no latín Petrus, forma masculina de petra, ‘pedra, rocha’. Presenta a variante Pero. Entre os santos que levan o seu nome destaca o apóstolo san Pedro, que ten distintas celebracións: 29 de xuño, aniversario do seu martirio; 1 de agosto, san Pedro ad víncula, en conmemoración do seu paso pola cadea; 22 de febreiro, a Cátedra de san Pedro, que celebra a súa primacía. San Pedro é titular de 322 parroquias (18 compartidas con san Fiz). É patrón dos concellos de Leiro, Melide, Miño, Muras, Crecente, Nigrán, O Pino, Quintela de Leirado, Riotorto e Xunqueira de Ambía, onde se celebra o 29 de xuño; tamén o é de Agolada, que o celebra o día 28 de xuño. Outros santos son san Pedro Mezonzo que se celebra o 10 de setembro; san Pedro Nolasco, o 29 de xaneiro; san Pedro Canisio o 21 de decembro; Pedro Crisólogo o 30 de xullo; san Pedro Chanel o 28 de abril, e san Pedro Damián o 21 de febreiro.