protestantismo
(
-
s
m
[RELIX]
Conxunto das confesións cristiás xurdidas da Reforma do s XVI ou influídas por ela. Esta designación provén da Dieta de Spira (1529), aínda que por razóns teolóxicas e históricas, algúns grupos consideraron mellor ser denominados evanxélicos ou reformados. Antes da Reforma houbo outros movementos que a anticiparon, comos os valdenses (s XII), os loardos de J. Wycliffe (s XIV) e os husitas (s XIV), e, con posterioridade, xurdiron as catro tradicións protestantes principais: luterana, calvinista, anabaptista e anglicana. Aínda que teñen diferenzas nas súas prácticas e doutrinas, coinciden no rexeitamento da autoridade do papa e a importancia concedida á Biblia, e á fe individual. Orixinariamente pretendían volver á doutrina e ás prácticas apostólicas, pero a separación da Igrexa Católica converteuse nun feito. Valórase a predicación da Palabra por riba do sacramentalismo e das cerimonias litúrxicas e consérvanse dous sacramentos: o bautismo e a eucaristía. Rexeitan a vida monástica, entendida como unha obra humana, oposta á fe, e cambian a ascese pola ética individual. As principais formas de goberno son a episcopal, na que exercen a autoridade os bispos (anglicanos, metodistas, episcopais); presbiteriana, na que se elixe aos presbíteros para que senten a comunidade (presbiterianos, reformados); e a congregacionalista, na que a congregación é a máxima autoridade (congregacionalistas, baptistas). Historicamente, distínguense a Reforma (s XVI); a ortodoxia protestante (s XVII); o pietismo do s XVIII, como unha reacción contra o racionalismo e o nacemento da teoloxía crítica; o liberalismo do s XIX, ao lado doutras correntes destacadas, como o revivalismo, que influíron na vida dos fieis e a teoloxía da conciliación; e o protestantismo contemporáneo, influído pola teoloxía dialéctica e a desmitoloxización.
O protestantismo en España
No s XVI o protestantismo estendeuse por España entre os membros da clase nobre e culta que tiñan relación co humanismo. Pero, desde o primeiro momento foron perseguidos pola Inquisición, polo que permaneceron na clandestinidade ou se exiliaron. Aínda así continuaron a publicarse edicións da Biblia. Desde finais do s XVIII os estranxeiros protestantes comezaron a gozar dunha certa liberdade de conciencia pero non de culto, e no s XIX produciuse o establecemento e o desenvolvemento das igrexas evanxélicas grazas ao aumento da tolerancia cara aos estranxeiros non católicos que residían en España, ao labor dos misioneiros, fundamentalmente estranxeiros, e pola acción dos evanxélicos españois exercida na clandestinidade. Despois da Revolución de 1868 concedeuse a liberdade de cultos e a Constitución de 1869 garantiu a liberdade relixiosa, polo que se abandonou a clandestinidade. A esta época denominouse en España a Segunda Reforma. En 1870 constituíuse a Unión Evangélica Española baixo rito presbiteriano e o nome de Iglesia Cristiana Española. As diversidades internas levaron á adopción en 1880 do rito episcopaliano e en 1883 a asumir o nome de Iglesia Reformada de España. Ademais existiron outros grupos como a Iglesia Evangélica Española, constituída en 1886. Durante a Restauración o protestantismo exerceuse de xeito máis moderado despois de que a nova Constitución de 1876 non permitise a celebración de cerimonias nin manifestacións públicas doutras relixións que non fose a do Estado, a católica. Coa chegada da Segunda República (1931-1936) e a proclamación na Constitución de 1931, na que o Estado español non tiña relixión oficial, viviuse unha época de crecemento das comunidades evanxélicas. Despois da Guerra Civil chegou unha etapa de intolerancia que se estendeu ata 1966. Durante estes anos as propiedades da Igrexa evanxélica foron saqueadas ou expropiadas e perdéronse moitos bens e incluso títulos de propiedade de cemiterios, igrexas, colexios e outros inmobles. Volveuse de novo a vivir na clandestinidade ata que en 1966 se permitiu a apertura de capelas e unha permisividade cara ás actividades desenvolvidas por protestantes e outras minorías relixiosas. Coa chegada da democracia e da Constitución de 1978 comezou un proceso de normalización relixiosa que culminou coa sinatura de acordos de cooperación entre o Estado e as relixións non católicas en 1992, no caso dos evanxélicos coa Federación de Asociaciones Religiosas Evangélicas de España. No s XVIII os protestantes establecéronse nas zonas costeiras e rurais: Xibraltar (desde onde se estendeu por Sevilla e Málaga), València, Murcia, Balears, Catalunya (sobre todo Barcelona), Galicia e Madrid. As comunidades autónomas que teñen un maior número de evanxélicos son Catalunya, Madrid, Galicia, Comunitat Valenciana e Andalucía, dándose a maior concentración nas cidades costeiras e en Madrid e nas zonas rurais de Jaén, Pontevedra e València. Unha característica peculiar do protestantismo en España é a súa implantación entre a comunidade xitana, na que entre un 10 e un 15% profesan esta fe. En Galicia a súa expansión comezou nas zonas costeiras, onde existía un maior contacto co exterior, e realizouse a partir da venda de Biblias e outros libros por parte das Sociedades Bíblicas; polas predicacións evanxélicas, sobre todo a partir de 1875, en Ferrol, Betanzos, Vigo, Redondela, Morgadáns (Gondomar), Vilagarcía de Arousa, Carril, Pontevedra e Marín; e pola formación de comunidades estables, sobre todo a partir de 1883, pertencentes moitas delas ás Asembleas de Irmáns ou Movemento Evanxélico de Irmáns. Xunto a estas asembleas, existían grupos pertencentes á igrexa anglicana, baptistas e membros da Iglesia Cristiana Española. -
protestantismo liberal
[RELIX]
Correntes teolóxicas protestantes, sobre todo luteranas, encamiñadas a conciliar a teoloxía coas ideas liberais dos ss XVIII e XIX, moi combatidas polas posicións tradicionais e ortodoxas. Partindo dun estudo do cristianismo como feito histórico e, con métodos exclusivamente históricos e filolóxicos, os primeiros teólogos liberais (D. F. Strauss, F. Ch. Baur, B. Bauer) baseáronse na filosofía da relixión de F. E. Daniel Schleiermacher, no romanticismo de F. W. Joseph von Schelling e no idealismo hegeliano. Os máximos representantes foron os discípulos de A. Ritschl, E. Troeltsch e A. von Harnack, un dedicado ás cuestións de historia cultural e social e outro máis sensible á historia dos dogmas. Ligadas a estas posicións hai diversas correntes máis recentes, como o escatoloxismo de A. Schweitzer, a Formgeschichte de M. Dibelius, R. Bultmann e H. Gunkel.