Quiroga

Quiroga


Concello da comarca homónima, situado ao SL da provincia de Lugo e ao L da Comunidade Autónoma de Galicia. A súa posición xeográfica é 42° 28’ de latitude N e 7° 14’ de lonxitude O. Limita ao N co concello de Folgoso do Courel (comarca de Quiroga); ao S cos de Ribas de Sil (comarca de Quiroga) e A Pobra de Trives e Manzaneda (comarca da Terra de Trives); ao L cos de Vilamartín de Valdeorras, A Rúa e Larouco (os tres da comarca de Valdeorras) e coa provincia de León; e ao O cos da Pobra do Brollón (comarca de Terra de Lemos) e Ribas de Sil (comarca de Quiroga). Abrangue unha superficie de 317,4 km 2 , cunha poboación de 3.939 h (2007), distribuída entre as parroquias de Augas Mestas, Bendilló, Bendollo, Bustelo de Fisteus, Cereixido, A Enciñeira, A Ermida, Fisteus, O Hospital, Montefurado, Nocedo, Outeiro, Pacios da Serra, Paradaseca, Quintá de Lor, Quiroga, A Seara, Sequeiros, Vilanuíde, Vilar de Lor, Vilarmel e Vilaster. A súa capital é a vila de Quiroga, localizada 86 km da cidade de Lugo. Está adscrito á diocese de Lugo e ao partido xudicial de Monforte de Lemos.
Xeografía física
O seu relevo é dunha gran complexidade debido á acción da tectónica, con horsts e fosas, que son aproveitadas polos ríos Sil, Lor, Soldón e Quiroga para formar vales de fondo máis ou menos plano. No N do concello, as elevacións da serra do Courel forman unha paisaxe de montaña, con cumes suavizados, fortes pendentes e profundas gargantas. Os cumios de maior altitude son o Piapáxaro [Pía Páxaro] (1.607 m), o Montouto (1.546 m) e o Formigueiros (1.639 m). O Val do Sil, no S, ábrese amplamente nas inmediacións da capital, cun fondo que se sitúa a uns 300 m e que se volve angosto na confluencia co Lor. O clima do concello está moi influenciado tanto pola presenza de elevadas altitudes que refrescan as temperaturas e incrementan as precipitacións, como pola existencia dun val pronunciado e pechado á entrada de borrascas. Pódese falar dun clima oceánico de matiz mediterráneo no val do Sil e os seus afluentes, no que as temperaturas medias están ao redor dos 14°C, con invernos frescos (5-6°C), veráns calorosos (22-23°C), e precipitacións escasas que chegan aos 600-700 mm, sendo frecuentes as xeadas e as néboas, e un clima de montaña na parte N con temperaturas baixas e precipitacións elevadas e en forma de neve no inverno. A rede hidrográfica organízase ao redor do río Sil e dos seus afluentes, entre os que destacan o Lor, o Quiroga, o Soldón e o Bibei. A vexetación do concello, incluída no Espazo Natural Protexido da Serra do Courel, é moi variada e cunha gran riqueza en especies endémicas. Trátase dunha área onde conflúen as rexións eurosiberiana e mediterránea, de aquí o seu interese en canto a especies vexetais adaptadas ás diferentes condicións topográficas, climáticas e edáficas. Destacan as devesas do Courel, formadas por carballos, faias, bidueiros, teixos, acivros e abeleiras, que adoitan ocupar as áreas de maior pendente, mentres que os soutos se sitúan nas áreas de fondo de val.
Xeografía humana
En Quiroga o descenso poboación foi constante ao longo de todo o s XX como consecuencia da emigración a áreas urbanas. Este éxodo rural foi moi forte, pero viuse freado pola propia atracción demográfica da capital, a vila de Quiroga, que se converteu nun centro terciario. A poboación mostra un forte avellentamento na zona rural, e menos acusado na vila. Desde principios de s XX e ata comezos do s XXI a poboación foi descendendo paulatinamente. En 1900, os efectivos ascendían a 8.889 h, que pasaron a 7.115 h en 1960. Desde esa data, o éxodo rural cara ás cidades, imposto polas difíciles condicións da montaña e a escasa atracción da capital municipal para absorber a poboación residente no rural, fixeron que esta diminuíse ata a metade a comezos do s XXI (4.169 h en 2001 e 3.939 h en 2007). O elevado avellentamento fai que a mortalidade (18‰, 2006) sexa máis elevada ca a natalidade (2,6‰), polo que o descenso demográfico segue a ser un fenómeno constante e o saldo vexetativo é negativo (-15,4‰). O poboamento caracterízase pola presenza de aldeas compactas de montaña, cun tamaño pequeno, rodeadas de leiras, prados e bosques, típicos de montaña. No val do Sil, o poboamento rural é máis disperso. A vila de Quiroga é o único espazo urbano, xa que conta cunha poboación de 2.002 h e unha concentración de servizos e equipamentos que serven a toda a poboación da comarca. Os menores de 20 anos son o 10% da poboación fronte ao 37,1% dos maiores de 65 anos e o 52,9% do grupo intermedio. Por sexos dominan lixeiramente as mulleres (51,91%).
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Quiroga é do 37,8% (49% a masculina e 27,3% a feminina); a taxa de ocupación é do 34,5% (46% a masculina e 23,8% a feminina) e a taxa de paro é do 8,6% (6,1% a masculina e 12,8% a feminina). Ata hai pouco, Quiroga baseaba a súa estrutura produtiva no sector primario, pero o desenvolvemento doutras actividades, coma a minaría, fixeron, que tanto a agricultura como a gandaría perdesen gran parte da súa importancia. A porcentaxe de poboación empregada no primario ascende ao 10,3%. As actividades máis importantes son a agricultura nas áreas de menor altitude e a silvicultura nas zonas de monte. A superficie dedicada a pastos e cultivos é bastante pequena (606 e 476 ha respectivamente), comparada coas áreas cubertas de monte (5.648 ha). As actividades agrarias están representadas polo cultivo da vide, en especial no val do Sil, onde existe un total de 320 ha dedicadas á produción vitivinícola, baixo a Denominación de Orixe Ribeira Sacra. En Quiroga existe unha pequena, pero significativa, produción de aceite (9 ha) que se está recuperando para a súa comercialización. En canto á silvicultura, cabe sinalar que é importante malia a protección imposta polo espazo natural e a gran cantidade de montes comunais, antigamente aproveitados para pastoreo e agora abandonados ou protexidos. O sector secundario dá emprego ao 44,2% dos activos (29,9% na industria e 14,3% na construción). Destaca a actividade mineira. A presenza de lousas de gran calidade fixo que se explotasen determinadas áreas a ceo aberto, co que se produce un certo deterioro do medio natural. A produción de enerxía eléctrica tamén é importante, xa que existen dúas centrais nas parroquias de Sequeiros e Quiroga. O terciario ocupa ao 45,4% da poboación activa e sitúase maioritariamente na capital municipal, centro reitor da comarca de Quiroga, onde están presentes os servizos sanitarios, educativos, administrativos e sociais, cos seus respectivos equipamentos públicos. Destacan tamén o comercio, na vila, e os transportes, xa que Quiroga está nunha importante ruta entre Galicia e La Meseta. As principais vías de comunicación son as estradas N-120, que discorre polo S do concello, e LU-651, Quiroga-Folgoso do Courel. A liña de ferrocarril Monforte de Lemos-Ponferrada atravesa o concello pola parte SO e SL.
Historia
As mostras máis antigas de poboamento nas terras que forman o concello de Quiroga son as mámoas megalíticas localizadas en Quintá de Lor e Vilar de Lor, e os castros de Bendilló, Augas Mestas e Centeais en Montefurado. A presenza dos romanos, atraídos pola explotación aurífera, foi moi importante e localizáronse numerosos restos da súa estadía neste territorio. Penetraron nos ss II e I a C e realizaron unha grande obra de enxeñaría, a desviación do curso do Sil en Montefurado por medio da construción dun túnel, para unha mellor explotación das minas de ouro. De época tardorromana cítase unha vila nas inscricións localizadas no crismón de Quiroga. En época medieval contaba con dous castelos xa arruínados, que indican a importancia da vila nese tempo. Ademais, o hospital de Quiroga era unha parada para os peregrinos que chegaban desde Castela. No s XVI os Reis Católicos prohibiron o cultivo de olivos en Quiroga coa finalidade de parar a produción de aceite, aínda que clandestinamente se seguiu a realizar. Xa no s XIX, o concello foi escenario de combates contra os franceses onde destacou Xoán Ramón Quiroga Uría, o cura de Casoio. Durante o Antigo Réxime as parroquias que integran o actual concello de Quiroga pertenceron ás xurisdicións de Quiroga, señorío da Encomenda de Quiroga, compartido nunha parroquia co mosteiro de Samos; Angüieiros, rexida por dous señores laicos; Montefurado, rexida por dous señores laicos; Caurel, señorío de reguengo; e Seara, señorío da Encomenda de Quiroga. A proclamación da Constitución de 1812 supuxo a abolición do réxime señorial e a súa substitución por unha administración municipal do territorio. Daquela creáronse os concellos de Quiroga, Hospital, Montefurado, Bendollo e Seara, aínda que en 1822 xa non aparece o de Montefurado. A derrogación da Constitución de 1812 por parte de Fernando VII en 1823 supuxo a supresión destes concellos e a restauración do réxime señorial. A definitiva recuperación do municipalismo produciuse en 1835 coa creación do concello de Quiroga, que se conformou definitivamente en 1870 ao integrárense dúas parroquias do concello de Folgoso do Caurel.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados e dos restos de minas romanas, destacan as igrexas parroquiais de Santa María Madalena da Seara, San Miguel de Montefurado, Santa María de Outeiro, Santa María da Ermida e a capela de San Xoán do Hospital. Sobresaen tamén os restos dos castelos dos Novais (BIC, 1994) e de Sequeiros (BIC, 1994); o antigo hospital de peregrinos situado en San Salvador do Hospital (ss XII-XIII), e os pazos de Carballedo, Lamela e Ponte da Rodela no Hospital, ou o de San Martiño de Abaixo. Da arquitectura popular destacan as características construcións denominadas cortiñas ou alvarizas para protexer as colmeas do ataque dos osos. Do seu patrimonio natural destaca o espazo dos Ancares-Courel, declarado Lugar de Importancia Comunitaria dentro da Rede Natura 2000. Das festas que teñen lugar en Quiroga están as de San Martiño de Quiroga, as de San Bertomeu no Hospital o 24 de agosto e a romaría da Virxe dos Remedios, que se celebra o 8 de setembro na Ermida; e as gastronómicas Feira do Viño e a Mostra do Mel do Val de Quiroga do mes de abril.

Datos de poboación (2007)

Provincia LUGO
Comarca Quiroga
Extensión 317 Km2
Poboación Total 3939 h
Poboación Homes 1894 h
Poboación Mulleres 2045 h
Densidade de poboación 12.43 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias