Qumrān
Ruínas dun antigo centro relixioso xudeu, probablemente esenio, situado a 1 km da ribeira occidental do Mar Morto e a 12 km ao S de Xericó. O establecemento comprendía un gran refectorio, unha sala de escritorio, un taller de tinturaría, dous fornos de cerámica, almacéns e unha torre de defensa. Un acueduto na superficie da terra conducía as augas do torrente veciñas a diversas cisternas. Ao redor das ruínas foron descubertos catro cemiterios. Os denominados rolos de Qumrān ou manuscritos do Mar Morto conteñen non só uns dos manuscritos máis antigos da Biblia coñecidos, senón tamén as regras da comunidade, salmos, comentarios bíblicos, literatura apócrifa e apocalíptica, e outras obras. De carácter sectario, esotérico e escatolóxico, esta literatura revela unha mentalidade semellante á de certos apócrifos do Antigo Testamento e afinidades con algúns libros do Novo Testamento. Escritos a maioría en hebreo, tamén os hai en arameo e grego. Un personaxe central que figura, o Mestre de Xustiza, probable fundador da seita, comparouse con Xesús Cristo respecto á Igrexa, pero con apenas carácter mesiánico. En 1922 chegouse a un acordo para publicar a primeira edición facsímile de todos os documentos.