Québec

Québec

Provincia de Canadá (1.540.680 km2; 7.237.480 h [2001]). A súa capital é Québec. Limita co estreito de Hudson e a baía de Ungava ao N, o Mar do Labrador ao L, o golfo de San Lourenzo e New Brunswick ao SL, EE UU ao S e Ontario e a baía de Hudson ao O. A parte setentrional do territorio é unha penechaira que levanta cara ao S ata a orla paralela ao río San Lourenzo. Os principais cultivos son a forraxe, a remolacha azucreira, o tabaco e as froiteiras. Os recursos mineiros máis importantes son o amianto, o cobre, o ferro, o cinc e o ouro. A industria combina as industrias tradicionais (fiadura, tecidos, confección, coiro, tabacos e alimentaria), coas modernas, como a construción de material ferroviario, naval, de maquinaria, as derivadas da madeira e da enerxía hidráulica e a industria química. A poboación autóctona (alonquinos e iroqueses) apenas representa o 2% da poboación total, formada principalmente por francófonos (85%). O 13% restante está constituído por anglófonos. A principal aglomeración urbana é Montréal. Colonizada polos franceses, tras a derrota destes na Guerra dos Sete Anos pasou a Inglaterra polo Tratado de París (1763). Os ingleses quixeron convertela nunha colonia máis pero, as peculiaridades sociolóxicas do territorio, obrigáronos a outorgarlle un réxime especial, a Quebec Act (1774), que tratou de acomodar as institucións coloniais inglesas á mentalidade francesa. Durante a primeira metade do s XIX a poboación inglesa aumentou considerablemente en relación coa francesa e dominou a política e a economía. En 1867 converteuse en provincia autónoma dentro do marco do dominion de Canadá. Desde ese momento existe un sentimento nacionalista por parte dos francófonos que se acelerou coa creación, en 1963, da Front de Libération du Québec (FLQ), que propugnou a loita armada, e do Parti Québécois (1968), de René Lévesque. En 1977 a lingua francesa foi declarada a única oficial e limitouse o uso oficial do inglés. En 1980 o goberno de R. Lévesque celebrou un referendo para obter o mandato de negociar a soberanía política do Québec con Canadá, pero non obtivo a maioría de votos. O goberno de Ottawa propuxo unha reforma da constitución do Canadá que reforzaba o poder central en detrimento do provincial (novembro de 1981) e Québec foi a única provincia que rexeitou este proxecto; pese a isto, a nova constitución entrou en vigor en 1982. En 1987 Québec aceptou asinala a cambio do poder de veto sobre algúns cambios constitucionais. Pero este acordo fracasou ao opoñerse as provincias anglófonas en 1990. Ese mesmo ano emerxeu un novo partido nacionalista, o Bloq Québécois, que, liderado por Lucien Bouchard, pretendeu acadar a soberanía desde Ottawa. A finais de 1995 convocouse un segundo referendo para a soberanía. O resultado foi favorable a permanencia de Québec en Canadá por unha estreita marxe (50,6% contra 49,4%). Jean Chrétien, primeiro ministro do Canadá, concedeu dúas medidas para frear o desexo independentista dos quebequeses: o dereito de vetar calquera modificación da constitución e o recoñecemento da provincia francófona como “sociedade diferenciada” dentro do Canadá.