queimada
(
Bebida alcohólica tradicional galega que se elabora nun recipiente de barro queimando augardente, con azucre, uns grans de café e unha codia de limón. O sabor e a forza do licor dependerán das características dos ingredientes básicos e do tempo de duración do proceso de queimado, xa que a combustión pode interromperse segundo se desexe. En ocasións, pódese preparar xarope de azucre queimado, que lle proporciona un peculiar sabor e cor. Adoitaba realizarse no ámbito rural como remate dos xantares relacionados co magosto, a matanza, o nadal ou o entroido así como en reunións festivas ou calquera tipo de celebración. Pénsase que ten unha orixe medieval, inserida entre os variados ritos ao redor do lume, que se mantivo refuxiada no mundo rural cun valor fundamentalmente terapéutico, pasando a mediados do s XX a tomar unha dimensión folclórica e lúdica rodeada de connotacións purificadoras ou místicas coa recitación de conxuros específicos para a ocasión, e como símbolo de unión e confraternidade entre os galegos. OBS: Tamén se denomina augardente queimada.