quinina

quinina

(< quina + -ina)

s f [QUÍM/MED]

Alcaloide presente na quina. Empregouse en América do Sur para o tratamento do paludismo, e foi introducida en Europa polos casteláns no s XVII. Foi illada en estado puro por P. J. Pelletier e J. B. Caventou en 1820, a súa estrutura foi elucidada por P. Rabe en 1931 e a súa síntese total foi feita por R. B. Woodward e W. E. von Doering en 1944. Ten acción antimalárica e antidisentérica, e é inhibidora dos enzimas oxidativos, polo que tamén presenta acción antipirética, e actúa sobre os centros nerviosos, especialmente o cerebro, polo que provoca unha gran diminución da sensibilidade ante a dor. Emprégase no tratamento de neuralxias e cefalalxias e, polo seu gusto amargo, como aditivo sápido na auga tónica e noutras bebidas non alcohólicas.