1 r
-
s
m
[ESCR]
Décimo sétima letra do alfabeto galego, denominada erre.
-
s
m
[FILOL/LING]
Grafía que representa o fonema consonántico líquido vibrante simple alveolar sonoro /ɾ/ e o fonema líquido vibrante múltiple alveolar sonoro /r/, que se opoñen só en posición explosiva interior intervocálica, realizándose, respectivamente, como [ɾ] e [r]: caro /’kaɾo/ vs carro /’karo/; para /’paɾa/ vs parra /’para/; torar /to’ɾaɾ/ vs torrar /to’raɾ/. Nas demais posicións neutralízanse no arquifonema /R/, que se realiza como [r] en posición explosiva inicial e interior tras consoante (romper, roxo, tenro) e como [ɾ] en posición implosiva e cando tras oclusiva ou /f/ constitúe o segundo elemento dun grupo silábico (mar, bicar, dobre, prata, compracer). Escríbese sempre <r> en posición inicial de palabra, en posición final de sílaba e cando segue a outra consoante (ravo, mercar, progreso, xenro). En posición explosiva interior intervocálica escríbese <rr> (carracho, ferro); ademais, cando a unha palabra que comeza por <r> se lle antepón outra ou un prefixo rematados en vogal non separados dela por guión, hai que duplicar a consoante (redor/arredor, rei/vicerrei, románico/prerrománico). Diacronicamente a grafía <r> procede fundamentalmente: a) dunha consoante vibrante en posición inicial (raíz < RADĪCE), en posición posconsonántica despois de [l] ou [n] (melro < merlo < MĔRŬLU, xenro < genro < GĔNĔRU), en posición intervocálica (fero < FĔRU), en posición final é moi frecuente que se manteña pola desaparición do -E despois de R (lar < LARE, beber < BĬBĔRE); b) da simplificación dunha consoante xeminada latina -RR-, que se converte en vibrante múltiple [r] (carro < CARRU, verruga < VĔRRŪCA); e c) pode aparecer un [ɾ] non etimolóxico formando grupo cunha consoante oclusiva (estrela < STĒLLA, congostra < COANGŬSTA).