radioastronomía
(< 1 radio- + astronomía)
Rama da astronomía que estuda as ondas radioeléctricas que chegan do espazo exterior. A posibilidade da existencia destas ondas xa foi prognosticada a finais do s XIX, e en 1930 K. G. Jansky observou a existencia dunhas ondas parasitas que chegaban sempre dunha mesma dirección do firmamento. En 1936 Grote Reber construíu o primeiro radiotelescopio e elaborou o primeiro mapa radioeléctrico do ceo. As emisións radioeléctricas provenientes do Sol foron descubertas por J. S. Hey en 1942, quen observou que os sinais de radar eran moitas veces perturbados por un sinal de orixe descoñecida e constatou que na superficie do Sol aparecían unha serie de manchas de grandes dimensións, co que chegou á conclusión de que a fonte das perturbacións era o mesmo Sol. Este descubrimento dado a coñecer ao mundo científico en 1945 fixo que se formasen os primeiros grupos de radioastrónomos en Gran Bretaña e Australia, e logo en EE UU, Francia, Alemaña e Xapón. A orixe das emisións radioeléctricas estudadas pola radioastronomía está sempre nos corpos celestes, das que as máis importante son as de orixe térmica e as producidas a causa da radiación de sincrotrón. Desde 1946 detectáronse na Lúa emisións de orixe térmica, e desde 1956 emisións procedentes dos planetas. A radioastronomía galáctica estuda as emisións que teñen a súa orixe fóra do sistema solar pero dentro da Galaxia. Cabe distinguir neste caso tres tipos de fenómenos: a emisión continua da Galaxia, a emisión dos restos das supernovas e a emisión do hidróxeno neutro. As técnicas interferométricas e a combinación de radiotelescopios permitiron mellorar notablemente a resolución das medidas radioastronómicas.