radiotécnica

radiotécnica

(< 1 radio- + técnica)

s f [COMUN]

Técnica da transmisión a distancia de información (son, imaxes, sinais ou datos) por medio de ondas radioeléctricas ou hertzianas. Toda transmisión precisa dun emisor e un receptor. O emisor transforma a información que se quere transmitir en sinais eléctricos, e estes en ondas electromagnéticas mediante a antena. O conxunto das instalacións destinadas á emisión constitúe a estación emisora, ou simplemente emisora. O receptor capta as ondas da emisión mediante a antena, transfórmaas en sinais eléctricos e con estes restitúe a información inicial. Recórrese á modulación dunha portadora, para a que se emprega unha onda de radiofrecuencia (RF) determinada, situada nunhas bandas axeitadas. Para a radiodifusión e a televisión utilízanse unhas bandas e unhas canles concretas, establecidas en convenios internacionais. No emisor está o oscilador, o elemento de entrada da información, o modulador, os amplificadores e a antena emisora. O receptor consta da antena receptora, o selector ou sintonizador, que selecciona a emisora desexada; o amplificador de radiofrecuencia, o detector, encargado de facer a detección ou demodulación; o amplificador de baixa frecuencia e o altofalante. As ondas electromagnéticas, estudadas por Maxwell (1867), foron experimentadas por H. Hertz (1887). En 1890 É. Branly presentou o seu cohesor, que permitía comprobar a presenza de radiacións. En 1896 A. S. Popov introduciu a antena para emitir e recibir ondas. G. Marconi, considerado o pai da radio, construíu en 1896 un emisor de chispas baseado nunha bobina de indución, e desde Inglaterra conseguiu atravesar o Canal da Mancha (1897) e o Atlántico (1901). En 1897 O. J. Lodge inventou a sintonización. En 1904 J. A. Fleming presentou o seu díodo que, como detector, substituíu o cohesor de Branly e o cristal de galena. En 1906 Lee de Forest inventou o tríodo. As primeiras aplicacións da radiotécnica, radiotelegrafía e radiotelefonía deron lugar á radiodifusión.