radiotelescopio
(< 1 radio- + telescopio)
Instrumento destinado a captar as ondas radioeléctricas que chegan á Terra procedentes dos corpos celestes. Está constituído esencialmente por unha superficie colectora metálica que recolle as ondas e as fai chegar ata unha pequena antena que as envía a un detector. Este aparato está conectado a un instrumento de análise e a un sistema de gravación. As calidades máis importantes dun radiotelescopio son a sensibilidade e o poder separador. Dos diversos tipos de antena que se empregan a máis simple está constituída por unha soa superficie receptora de grandes dimensións, de forma xeralmente parabólica, que concentra as ondas radioeléctricas no foco, onde hai unha pequena antena auxiliar (ou antena de alimentación) conectada a un receptor. Outro tipo de radiotelescopio, chamado cruz de Mills, está constituído por dúas antenas lineais, moi longas e estreitas, orientadas en sentido este-oeste e norte-sur respectivamente. Os interferómetros ou radiointerferómetros están constituídos por dúas ou máis antenas que reciben os sinais dun mesmo corpo celeste e os envían a un mesmo receptor, conseguindo un gran poder de resolución, comparable ao dun radiotelescopio de grandes dimensións.