Ragusa
Ragusa
Nome tradicional da cidade croata de Dubrovnik, situada na costa de Dalmacia. Fundada polos superviventes eslavos da antiga Epidauro e por un grupo de prófugos romanos a comezos do s VII, organizouse como república e converteuse nun importante porto comercial. Os venecianos impuxéronlle a súa soberanía (1205-1358), e despois formou parte do Reino Húngaro-croata (1358-1526). Foi tributaria dos turcos. O cambio de orientación do comercio marítimo trouxo a decadencia da cidade, á que tamén contribuíu un terremoto (1667). Napoleón I Bonaparte aboliu a república (1808) e pola Paz de Viena pasou ao Imperio Austrohúngaro. Desde 1918 formou parte de Iugoslavia e desde 1991 de Croacia, como Dubrovnik.