Rairiz de Veiga
Concello da comarca da Limia, situado no SL da provincia de Ourense, no S da Comunidade Autónoma de Galicia. Limita ao N co concello de Allariz (comarca de Allariz-Maceda), ao S con Porqueira (comarca da Limia), ao O coa Bola (comarca de Terra de Celanova), Verea (comarca da Limia), e Bande (comarca de Baixa Limia) e ao L con Vilar de Santos (comarca da Limia). Abrangue unha superficie de 72,1 km 2 cunha poboación de 1.732 h (2007), distribuídos nas parroquias de Candás, Congostro, Guillamil, Lampaza, Ordes, Rairiz de Veiga, Sabariz e Zapeaus. A súa capital é Rairiz de Veiga, situado a 42° 05’ 18’’ de latitude N e 7° 49’ 48’’ de lonxitude O, a unha distancia de 41 km da capital provincial. Está adscrito á diocese de Ourense e ao partido xudicial de Xinzo de Limia.
Xeografía física
O relevo en que se asenta o concello de Rairiz de Veiga presenta unha topografía uniforme, xa que se localiza na parte N da depresión da Limia. Así, a altitude media do conxunto oscila entre os 600 e os 900 m, cunha pendente moi suave cara á parte occidental e setentrional. As maiores altitudes, Penamá (927 m) e o Congostro (914 m), sitúanse no N e O do termo, respectivamente. Cara ao L e o S ábrese a depresión da Limia, chea de sedimentos aluviais especialmente por onde discorre o Limia e onde se acadan as cotas máis baixas. O clima inclúese dentro da variedade oceánica continental, con certos matices mediterráneos dada a súa latitude e a súa altitude. As temperaturas medias anuais son bastante baixas (10,5°C), con invernos fríos (4-5°C) e veráns bastante calorosos (20-21°C). As precipitacións medias sitúanse ao redor dos 900 mm, debido ao efecto pantalla dos montes que pechan o concello polo occidente. A neve non é descoñecida no inverno e as xeadas son frecuentes. O principal curso fluvial é o Limia, que exerce de límite natural con Porqueira, cun afluente que cruza o termo de N a S, o Bidueiro.
Xeografía humana
Rairiz de Veiga mostra unha evolución negativa no seu número de habitantes ao longo do s XX. En 1900 a poboación era de 4.084 h, manténdose con lixeiras variacións ata 1950 (4.463 h), data en que acadou o seu máximo demográfico. Posteriormente o descenso foi lento ata 1981 (3.819 h en 1970 e 3.721 en 1981), data a partir da que se produciu unha caída moi forte que provocou a perda de máis dunha terceira parte da poboación (2.363 h en 1991, 2.001 h en 1996,1.799 h en 2001 e 1.732 h en 2007). Esta caída tan brusca relacionouse coa masiva emigración cara á cidade de Ourense. En 2006 o crecemento vexetativo é negativo (-16,2‰), froito dunha moi baixa natalidade (2,8‰) e unha elevada mortalidade (19‰). A composición por idades mostra o elevado grao de avellentamento da poboación pois os maiores de 65 anos representan o 40,6% da poboación fronte ao 6,9% dos menores de 20 anos; o grupo intermedio representa o 52,5%. Por sexos dominan as mulleres: 51,32% fronte ao 48,67%. A poboación do concello é totalmente rural, con aldeas que oscilan entre os 10 ou 12 habitantes e unha capital municipal que concentra a maior parte da poboación, con certo protagonismo como espazo de prestación de servizos e equipamentos a nivel municipal.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Rairiz de Veiga é do 35,2% (45,4% a masculina e do 25,6% a feminia); a taxa de ocupación é do 31% (38,9% a masculina e 23,6% a feminia); e a taxa de paro é do 12% (14,3% a masculina e 8,1% a feminina). Trátase dun concello rural en que o 24,1% da poboación activa está ocupada no sector primario, no que as principais actividades agrogandeiras son o cultivo da pataca e a gandaría porcina e avícola. A pataca ocupa unha gran superficie nas terras de cultivo, xa que se sitúa na zona de produción de patacas protexidas pola Indicación Xeográfica Protexida Pataca de Galicia subzona da Limia. A gandaría porcina e avícola introduciuse no concello a raíz o desenvolvemento da empresa COREN, que posúe a maior parte das granxas. O secundario abrangue o 36,7% do emprego (12,4% na industria e 24,3% na construción), con algunhas pequenas empresas de transformados metálicos, madeira e mobles, e con actividades construtivas. Os servizos ocupan o maior número de empregos, co 39,2% dos ocupados. Destacan os servizos públicos e o comercio de índole municipal. A principal vía de comunicación do concello é a estrada OU-531.
Historia
A antigüidade do poboamento destas terras móstrase nos restos megalíticos atopados en Monte Albán. Durante a ocupación romana o territorio estaba atravesado pola vía XVIII que unía Bracara Augusta con Asturica Augusta e que entra na Limia por Rairiz de Veiga. Durante o Antigo Réxime as parroquias que integran o actual concello pertenceron ás xurisdicións de Rairiz de Veiga, señorío do conde de Monterrei, e Celme, señorío do conde de Montezuma. A proclamación da Constitución de 1812 supuxo a abolición do réxime señorial e a súa substitución por unha administración municipal do territorio. Daquela creáronse os concellos de Rairiz de Veiga e Lamapaza, aínda que en 1822 só aparecen reflectidos os de Lampaza e Ordes. A derrogación da Constitución de 1812 por parte de Fernando VII en 1823 supuxo a restauración do réxime señorial. A definitiva recuperación do municipalismo produciuse en 1835, coa creación do concello de Rairiz de Veiga.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados, destacan as igrexas parroquias de Santo André de Guillamil e San Xoán de Rairiz de Veiga, e o castelo da Saínza, BIC en 1994. No eido do patrimonio natural, a Veiga de Ponteliñares, foi declarada espazo natural (2001) dentro da Rede Natura 2000. Xunto coas festas parroquias, destaca a romaría da Saínza (Rairiz de Veiga), declarada de Interese Turístico Galego (2001), que se celebra a derradeira fin de semana de setembro coa procesión da Virxe da Mercé, e o combate entre mouros e cristiáns.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | OURENSE |
|---|---|
| Comarca | Limia, A |
| Extensión | 72 Km2 |
| Poboación Total | 1732 h |
| Poboación Homes | 843 h |
| Poboación Mulleres | 889 h |
| Densidade de poboación | 24.06 h/Km2 |