Ramirás
Concello da comarca de Terra de Celanova situado no SL da provincia de Ourense e no S da Comunidade Autónoma de Galicia. A súa posición xeográfica é 42° 11’ 08’’ de latitude N e 8° 01’ 40’’ de lonxitude O. Limita ao N co concello de Cartelle (comarca de Terra de Celanova), ao S cos de Celanova e Quintela de Leirado (comarca de Terra de Celanova), ao L novamente co de Celanova e ao O co de Gomesende (comarca de Terra de Celanova). Abrangue unha superficie de 40,7 km 2 cunha poboación de 2.018 h (2007), distribuída entre as parroquias de Casardeita, Escudeiros, Freás de Eiras, Grixó, Mosteiro, Paizás, Penosiños, Rubiás, Santo André de Penosiños e Vilameá de Ramirás. A súa capital está no lugar do Picouto, na parroquia de Freás de Eiras, localizada a 38 km da capital provincial. Está adscrito á diocese de Ourense e ao partido xudicial de Celanova.
Xeografía física
O relevo do concello ten unha orientación SL-NO e está dividido en dúas unidades. No N, atópase o val do Arnoia con altitudes de 250-500 m e formado por suaves pendentes que van ascendendo lentamente ata os rebordos meridionais. A segunda unidade está formada polas pequenas aliñacións montañosas da serra da Moura, que o separan do concello de Quintela de Leirado e que culminan no pico da Moura (939 m). Neste espazo incide o río Tuño que, procedente do concello de Celanova, abre un val estreito que se vai ampliando ata confluír no Arnoia. Os materiais que forman o substrato litolóxico pódense considerar dentro do grupo das rochas ígneas, entre as que predominan os granitos e as cuarcitas, especialmente nas zonas de montaña. Desde o punto de vista climático, Ramirás ten unha variedade de clima de montaña, pero con matices mediterráneos, dada a latitude e a altitude á que se atopan parte das súas terras. As temperaturas no val sitúanse ao redor dos 13°C, mentres que na montaña baixan a 10°C, os invernos son fríos na montaña (4°C) e máis benignos no val (6°C), e os verán son frescos no S (16-17°C) e máis quentes no N (20-21°C). As precipitacións, con valores de 700-800 mm, son escasas polo efecto de abrigo das montañas da Dorsal Occidental Galega, aínda que na montaña pódense rexistrar valores que chegan aos 1.500 mm, que ás veces son en forma de neve. Na rede hidrográfica destaca o río Arnoia, que forma o límite N do concello,e o seu afluente o Tuño que, procedente de Celanova, cruza o termo ata a súa confluencia co río principal. Aínda existen exemplos de vexetación clímax, sobre todo no val, pero está a ser substituída por especies de repoboación. Na zona de montaña predomina a matogueira composta por uces e xestas.
Xeografía humana
A evolución demográfica de Ramirás presenta certas particularidades que non comparte con outros concellos veciños. O descenso xeral da súa poboación desde comezos do s XX viuse matizado por altos e baixos de considerable magnitude que indican posibles erros no cómputo ou unha emigración masiva. En 1900 contaba cunha poboación de 5.453 h, que se mantivo estancada ata 1940 (5.933 h), ano no que se acadou o máximo poboacional histórico. A partir desta data, comezou un período de descenso xeneralizado (5.147 h en 1950 e 4.285 h en 1960), aínda que en 1970 volveuse producir un novo crecemento, feito pouco habitual nun concello completamente rural sen ningún indicio de industrialización, e acadáronse os 4.752 h e en 1970 os 4.850 h e 1981. A partir de 1981 a perda demográfica foi de máis do 50%, o que fai pensar nunha poboación ficticia nos censos de 1970 e 1981. En 1991 a poboación xa pasou a 2.156 h. O descenso da poboación mantívose nos inicios do s XXI e así pasouse dos 2.065 h en 2001 a 2.018 h en 2007. En 2006 o crecemento natural foi fortemente negativo (-21‰), froito dunha baixísima natalidade (2,5‰) e una moi elevada mortalidade (22,5‰), oque leva a un forte avellentamento poboacional. Os maiores de 65 anos representan o 44,1% fronte ao 9,7% dos menores de 20 anos; o grupo intermedio representa o 46,3%. Por sexos dominan as mulleres: 53,76% fronte ao 46,23% de homes. A poboación do concello é rural, e o principal núcleo é O Picouto.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Ramirás é do 30,7% (42,2% a masculina e 21,1%); a taxa de ocupación é do 23,3% (32,5% a masculina e 15,6% a feminina) e a taxa de paro do 24,1% (22,8% a masculina e 26,4% a feminina). Na estrutura do emprego o 11% da poboación activa está ocupada no sector primario, o 40,6% no secundario (21,1% na industria e 19,5% na construción) e o 48,4% no terciario. O descenso de activos no primario e o desenvolvemento do terciario foi a tendencia de finais do s XX. As explotacións, caracterizadas por unha excesiva fragmentación da terra, dedícanse tanto á gandaría bovina como á explotación vitícola, aínda que esta xa non é tan importante. A explotación forestal destaca especialmente nas áreas de media ladeira. A industria non é excesivamente relevante, só destaca a produción láctea do Picouto, algúns serradoiros en Vilavidal (Santo André de Penosiños) e O Picouto, e a fabricación de transformados metálicos. O desenvolvemento do terciario fixo que se instalasen algúns servizos públicos no concello e que destaque como centro de comercio agropecuario, aínda que moitos dos ocupados neste sector traballan en concellos veciños. A principal vía de comunicación é a estrada OU-531 (Cortegada -Xinzo de Limia).
Historia
Os primeiros restos arqueolóxicos atopados pertecen á cultura castrexa, entre os que destacan os castros ás marxes dos ríos Arnoia e Tuño e tamén foi moi destacada a influencia do castro de Castromao de Celanova. Ademais do poboamento prerromano, o máis interesante na Historia do concello data de 1017 coa primeira mención do mosteiro de San Pedro de Ramirás. En 1137 instaláronse nel as monxas beneditinas que no s XV sufriron as inxerencias dos nobres laicos. A finais do s XV o mosteio foi anexado por San Paio de Antealtares coa oposición das relixiosas. Durante o Antigo Réxime, as parroquias que forman o actual concello de Ramirás formaban parte das xurisdicións de Milmanda, señorío de marqués de Malpica; Paizás e Encomuiña, señorío do mosteiro de San Salvador de Celanova; e Ramirás, señorío do mosteiro de San Pedro de Ramirás e posteriormente polo mosteiro de beneditinas de San Paio de Antealtares de Santiago de Compostela. A proclamación da Constitución de 1812 supuxo a abolición do réxime señorial e a súa substitución por unha administración municipal do territorio. Daquela produciuse a creación dos concellos de Ramirás, Penosiños e Paizás. En 1823 o Rei Fernando VII derrogou a constitución o que supuxo a supresión destes concellos e a restauración do réxime señorial. A definitiva recuperación do municipalismo produciuse en 1835 cos concellos de Freás de Eiras e Villameá, que se fusionaron en 1926 para crear este concello.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos mencionados destacan, entre outras, as igrexas parroquiais de San Salvador de Penosiños e de San Salvador de Paizás, que conserva a fachada románica, a igrexa do mosteiro de San Pedro de Ramirás, e a ermida de San Paio dos Pitos. Entre as festas que se celebran no concello destacan as do Carme en Vilavidal (Santo André de Penosiños) o 16 de xullo, a de Santa Apolonia en Grixó, en febreiro, e as romarías de Santo en xuño no Viso (Santo André de Penosiños), a de San Xoán, tamén en xuño na ermida de Calvos (Penosiños), e a de San Paio dos Pitos en xullo.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | OURENSE |
|---|---|
| Comarca | Terra de Celanova |
| Extensión | 40 Km2 |
| Poboación Total | 2018 h |
| Poboación Homes | 933 h |
| Poboación Mulleres | 1085 h |
| Densidade de poboación | 50.45 h/Km2 |