raposo -sa

raposo -sa

(< lat rapu ‘rabo’)

  1. [ANIMAL]
    1. s

      Mamífero carnívoro, que adoita pasar do metro de lonxitude, coa cabeza non moi grande, fociño longo e afiado, ollos de pupila elíptica e orellas altas e afiadas. O tronco é longo e esvelto, as patas longas e robustas e a cola longa e con abondosa pelaxe. A cor da pelaxe é moi variable, pode ser gris, avermellada ou amarelenta, as patas e as orellas son sempre negras e a punta do rabo pode ser branca ou negra. É fundamentalmente unha especie con actividade nocturna, con actividade ao serán e ao amencer. Xeralmente son solitarios, aínda que en España descríbense desde parellas ata grupos como unidades de organización social. A finais do verán comeza o período de dispersión dos cachorros que se prolonga ata o outono. A madurez sexual acádaa no primeiro ano de vida. Durante o celo, emiten chamadas nocturnas moi características. Os apareamentos teñen lugar desde novembro a marzo e, tras unha xestación de 52 días, o parto ocorre nun tobo ou cubil de difícil acceso escavado na terra, entre matos ou penedos. É un carnívoro oportunista, cunha dieta que se basea no recurso máis abondoso e consome micromamíferos, prea, aves de curral, galináceas, invertebrados e froitos. É o carnívoro de máis ampla distribución mundial; atópase na totalidade do continente europeo e é común en toda a Península Ibérica. Habita en todo tipo de ambientes, desde o subártico ata o deserto, tanto en medios forestais coma en espazos abertos, e incluso cidades. En Galicia é moi abondoso e vive en todos os hábitats por moi degradados que estean. Aínda que durante na década de 1980 a presión cinexética fixo baixar a súa poboación, está totalmente recuperado e en expansión. No folclore galego aparece como astuto, intelixente, enguedellador e tramposo e tamén existe a crenza de que se berra de noite anuncia un morto na parroquia. Nos contos populares galegos ten especial inimizade co lobo, ao que burla continuamente, aínda que é burlado polos máis pequenos como galiñas, gatos, sapos e paxaros.

    2. raposo orelludo [Otocyon megalotis, Fam dos cánidos]

      Mamífero carnívoro, de 90 cm de longo, dos que 30 corresponden ao rabo e 40 cm de alzada á cruz. É pardo amarelado, co fociño e os extremos das patas e o rabo negros. É de costumes nocturnos e aliméntase de insectos, vexetais, pequenos mamíferos e de prea. Habita nas rexións áridas de África oriental e meridional.

  2. raposo do mar [ANIMAL/ICT]

    Peixe cartilaxinoso, duns 4 m de lonxitude, con corpo cilíndrico e forte, cabeza pequena e de perfil dorsal convexo, cun fociño arredondado e curto. Amosa un lóbulo superior da caudal curvado cunha lonxitude case igual ao resto do corpo. É cinsento azulado no dorso e branco no ventre que se vai estendendo nas bases das aletas pectorais. É de hábitos costeiros nas plataformas continentais e insulares e epipeláxico cando se distribúe a longa distancia da costa. Aliméntase de clupeidos, cabalas, lanzóns, calamares, polbos e crustáceos peláxicos. OBS: Tamén se denomina tiburón raposo.

  3. adx e s

    Que ou quen é astuto e malicioso.

Refráns

  • Cada raposo garda o seu rabo.
  • En marzo nazo, en abril estou no cubil, en maio xa saio, en san Xoán xa fuxo ao can, en santa Mariña xa pillo a galiña e en agosto xa son bo raposo.
  • En marzo nazo; en abril estou no cubil; en maio xa saio; en san Xoán xa fuxo ao can; na santa Mariña xa pillo a galiña e en agosto xa son bo raposo.
  • En san Xoán xa foxe o raposo ao can.
  • Pola santa Mariña, xa o raposo pilla a galiña.

Palabras veciñas

Raposeiras | Raposeiras | raposeiro -ra | raposo -sa | Raposo, campo do | Rapoxeira | RAPP