Raxoi, pazo de

Raxoi, pazo de

Construción situada en Santiago de Compostela. Mandouno construír o arcebispo Bertomeu Rajoy para seminario e vivenda dos nenos do coro, acólitos e sacerdotes, e como cárcere e casa consistorial. Deseñado polo enxeñeiro francés Carlos Lemaur, recolle o estilo neoclásico francés e destaca pola súa horizontalidade. De planta rectangular, conta con tres pisos e un ático con bufardas, percorrido por unha balaustrada. A planta baixa está porticada. A fachada principal, que dá á praza do Obradoiro, segue un esquema simétrico ordenado segundo un frontón central triangular e dous frontóns semicirculares laterais asentados sobre columnas xigantes de orde xónica. No frontón central presenta un relevo coa figura ecuestre do Apóstolo Santiago na Batalla de Clavijo, realizada polo obradoiro de Gambino e Ferreiro. No interior do pazo destaca a escaleira rococó. É sede do Concello de Santiago de Compostela e da presidencia da Xunta de Galicia.