rectificación

rectificación

(< latrectificatĭōne)

  1. s f

    Acción e efecto de rectificar.

  2. s f [DER]

    Recoñecemento dun erro ou corrección dun defecto do que podería derivarse algún prexuízo para un terceiro.

  3. s f [FÍS]

    Conversión dunha corrente alterna a unha corrente unidireccional. Pódese suprimir unha das dúas alternancias (rectificación de media onda) ou ben cambiar de signo unha das dúas e deixar a outra como estaba (rectificación de onda completa). No primeiro caso, e para unha corrente monofásica, utilízase un só rectificador, mentres que para o segundo son necesarios dous (e un transformador con toma intermedia) ou ben catro. Para correntes trifásicas empréganse diversas montaxes (en estrela, en dobre estrela, en ponte) que necesitan tres ou seis rectificadores. Nos sistemas hexafásicos son necesarios seis ou doce, e nos dodecafásicos doce ou vinte e catro.

  4. s f [MAT]

    Determinación da lonxitude ou do arco dunha curva.

  5. s f [TECNOL]

    Operación de acabado, realizada nunha rectificadora, á que se someten as pezas mecanizadas, especialmente as que foron temperadas e teñen unha tolerancia permitida moi baixa. Esta operación ten como obxectivo corrixir definitivamente as irregularidades de carácter xeométrico das súas superficies, tanto se son planas como se son cilíndricas ou cónicas, ou tanto se son interiores como exteriores, pola acción dunha moa sobre elas.

  6. [QUÍM]
    1. s f

      Destilación fraccionada á que se somete un líquido para purificalo ou separar os seus constituíntes.

    2. rectificación azeotrópica

      Rectificación que se realiza con mesturas que resultan difícil de separar por destilación simple. Consiste en engadir un axente separador que forme un azeótropo cun dos compoñentes da mestura, que teña un punto de ebulición menor ca os compoñentes da mestura.

  7. s f [TÉXT]

    Operación de acabado dos tecidos para poñer rectos os fíos da trama.

  8. [TECNOL]
    1. rectificación do cegoñal

      Operación que consiste en rectificar de novo os colos e os cóbados do cegoñal para que as novas caixas montadas na estrutura do bloque e nas cabezas das bielas se axusten perfectamente.

    2. rectificación dun cilindro

      Operación que consiste en axustar escrupulosamente o cilindro dun motor a un pistón novo, para que o seu desprazamento sexa correcto.

Palabras veciñas

recti- | rectificábel | rectificable | rectificación | rectificador -ra | rectificadora | rectificar