referendo

referendo

(< lat referendu)

  1. s m [DER]

    otación popular que se fai para aprobar ou non unha lei ou acto administrativo, proposta polo corpo lexislativo ou polo xefe de estado. Constitúe unha manifestación do autogoberno do pobo. Segundo a materia á que se refira pode ser constitucional, lexislativo ou relativo a decisións políticas aínda non formalizadas en textos desa natureza; segundo que a súa convocatoria veña ou non esixida para a aprobación dunha norma ou a adopción dunha decisión, clasifícase en preceptivo ou facultativo; en relación coa vixencia da norma distínguese entre o suspensivo, que suspende a vixencia dunha norma aprobada pero non promulgada, e o abrogativo, en que se somete á decisión do electorado a continuidade dunha norma xa en vigor. Durante o Franquismo, despois da Lei de Referendo Nacional, promulgada o 22 de outubro de 1945, en que se dispuxo a utilización do referendo cando a transcendencia de determinadas leis o aconsellasen, celebráronse dous referendos: en 1947, para someter a decisión popular a Lei de Sucesión na Xefatura do Estado, e en 1966 para a aprobación da Lei Orgánica do Estado, promulgada o 10 de xaneiro de 1967. Despois da morte de Franco, celebrouse o 15 de decembro de 1976 o referendo da Lei para a Reforma Política, que regulaba a transformación do réxime franquista nunha democracia. O 6 de decembro de 1978 celebrouse o referendo que aprobou a Constitución Española. Esta prevé a realización do referendo constitucional, do referendo perceptivo e vinculante para aprobación dos estatutos de autonomía e o referendo facultativo de carácter consultivo. A mesma constitución regula os referendos sobre materia autonómica, mentres que a Lei de Bases de Réxime Local os de ámbito local. Ademais dos referendos que aprobaron os estatutos de autonomía, en España celebráronse o referendo sobre a permanencia na OTAN (12 de marzo de 1986) e o referendo sobre o Tratado polo que se establece unha Constitución para Europa (20 de febreiro de 2005). En Galicia efectuose o 28 de xuño de 1936 o primeiro referendo sobre o Estatuto de Autonomía, que non entrou en vigor polo comezo da Guerra Civil Española. Co establecemento do estado das autonomías, o 21 de decembro de 1980 celebrouse o referendo que aprobou o Estatuto de Autonomía vixente. OBS: Tamén se denomina referendum.

    Confrontacións: plebiscito.
  2. s m

    Despacho en que un axente diplomático pide novas instrucións sobre algún asunto ao seu goberno.

Palabras veciñas

referencial | referendar | referendario -ria | referendo | referendum* | referente | referíbel