reintegracionismo

reintegracionismo

(

s m [LING]

Corrente de codificación da lingua galega que defende a recuperación e o uso da escrita histórica do galego, a escrita galego-portuguesa -a mesma que emprega o luso-brasileiro na actualidade-, porque considera que o galego e o portugués son a mesma lingua e, consecuentemente, variantes dun mesmo diasistema. Polo tanto, seguindo estes criterios, a lingua que se fala en Galicia tamén se fala en Portugal, Brasil, diversos países africanos e Timor Oriental. Dentro do reintegracionismo pódense distinguir dúas correntes: unha partidaria de acollerse sen límites á norma portuguesa (a mesma ortografía ca o portugués e practicamente a coincidencia total nos outros aspectos; sería a postura que defende, por exemplo, a Associação Cultural de Língua, Literatura e Cultura Lusófonas-Irmandades da Fala da Galiza e Portugal) e outra partidaria dun achegamento máis moderado ao portugués. A proposta máis radical foi definida por Manuel Rodrigues Lapa que consideraba o galego como un dialecto rústico que tiña como rexistro culto o portugués. Algúns dos grupos reintegracionistas desta liña participaron, xunto aos países de fala portuguesa, no Acordo da ortografia simplificada (1986) de Rio de Janeiro. Na corrente máis moderada destaca a proposta da Associaçom Galega da Língua (AGAL), autora dun Estudo crítico das Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego (ILG-RAG) (1983), cunha segunda edición en 1989 en que se define a súa proposta normativa -segue o uso das letras basicamente común á tradición galego-portuguesa antiga e ao portugués moderno, como pode ser o uso de g e j, lh e nh; sufixo -çom...)- e do Prontuário ortográfico galego (1985). Esta postura contou con algún antecedente antes da Guerra Civil Española (Viqueira, Correa Calderón, etc) e na década de 1960 con Guerra da Cal. Comezou a ter a súa formulación en termos de regras ortográficas en 1976, máis pormenorizada nas Directrices para a reintegración lingüística galegoportuguesa (1979), de José-Martinho Montero Santalha, e noutras propostas entre as que destacou a de Carvalho Calero na década de 1980. En 1980 a Asociación Sócio-Pedagóxica Galega (AS-PG) deu a coñecer as súas Orientacións para a escrita do noso idioma, coñecida posteriormente como proposta de concordia ou mínimos, que defende unha aproximación ao portugués sen o galego renunciar a nada de seu. Seguiron esta opción moitos escritores, profesores e intelectuais galegos nas décadas de 1980 e 1990, así como diversos colectivos e asociacións, prensa escrita como o xornal A Nosa Terra e diferentes sectores do nacionalismo.

Palabras veciñas

reintegrábel | reintegrable | reintegración | reintegracionismo | reintegracionista | reintegrar | reintegro