relatividade
(< relativo)
-
s
f
Calidade de relativo.
-
teoría da relatividade
[FÍS]
Conxunto de postulados e formulismos que dan unha explicación do mundo físico máis ampla ca a denominada mecánica clásica, de acordo coas experiencias sobre o electromagnetismo desenvolvidas na segunda metade do s XIX. Foi exposta en 1905 por Einstein. A modificación dos conceptos tradicionais comezou coa discrepancia entre os postulados do movemento relativo newtoniano e o experimento de Michelson Morley (1881), que determinou a constancia da velocidade da luz no baleiro e a existencia do éter. H. Lorentz supuxo en 1895 que todos os corpos en movemento respecto ao éter teñen tendencia a contraerse no sentido do movemento, hipótese que non contradicía a mecánica clásica. A teoría da relatividade deduce a contracción de Lorentz a partir dun reformulamento dos conceptos de tempo e espazo da física clásica e establece que a propagación dunha interacción non é instantánea, como postula a mecánica clásica, senón que ten un valor finito, que é o da velocidade da luz, e é constante en todos os referenciais de inercia. Na formulación das leis físicas, pásase da mecánica relativista á clásica, tendo en infinito o valor da velocidade da luz que intervén. Segundo Einstein, todo movemento é relativo e, polo tanto, é imposible atopar un sistema de referencia absoluto. Todos os referenciais de inercia son equivalentes para todos os fenómenos. A masa (m) e a enerxía (E) son dúas formas diferentes dunha mesma cousa: a masa pode converterse totalmente en enerxía, e viceversa. A relación que hai é E = mc 2 , onde c é a velocidade da luz no baleiro. Cómpre substituír as dúas leis de conservación da masa e da enerxía da física clásica por unha soa: a enerxía relativista total dun sistema illado é constante. Minkowski desenvolveu (1908) o formulismo matemático da teoría da relatividade e introduciu o concepto de acontecemento. En 1916 Einstein xeneralizou a teoría da relatividade a calquera tipo de movemento, non só ao rectilíneo e uniforme.
Refráns
- Algúns caen para que outros se ergan.
- auen o seu mal tena por moito, cóntello a outro.
- Cada cal sente o frío como anda vestido.
- Cada un di da feira como lle vai nela.
- Cada un fala da feira segundo lle foi nela.
- Cada un ten o frío como ten o vestido.
- Cegos e mancos, todos somos sans no Camiño de Santiago.
- Debaixo da manta o mesmo é a preta cá branca.
- Hai diferencia do que se ve a ollo ao que se ve por anteollo.
- Leva o teo fillo ao concello: e uns diranche que é branco e outros que é negro.
- Non hai feira mala: o que un perde outro gaña.
- Non hai mal en que non haxa ben.
- Non hai mal que non teña peor.
- Non se está nunca tan ben que non se poida estar mellór, mn tan mal que non se poida estar peor.
- O ano que é bo para a serra non é bo para a ribeira.
- Ó escarabello os seus fillos parécenlle ouro fino.
- O home que incha, se é mozo, sana; se é vello, na cova rincha.
- O que aproveita a unha cousa, prexudica ás veces a outras.
- O que é bo para o fígado é malo para o bazo.
- O que non queiras para ti non o queiras para min / para ninguén.
- Para que uns vivan é mester que outros morran.
- Quen fai a casa na praza, uns dirán que é boa e outros dirán que é mala.
- Rapaz que vela e vello que dorme, sinal é de morte.
- Tras de tempos veñen tempos, que o mundo dá moitas voltas.
- ¡Malla a espiña que de seu non pica!