repoboación
(< re- + poboación)
-
s
f
Acción e efecto de repoboar.
-
s
f
[HIST]
Acción desenvolvida durante a Reconquista (ss IX e XIII) na Península Ibérica. Tivo como finalidade volver poboar con cristiáns os territorios que foran conquistados polos musulmáns durante o s VIII, para asegurar a súa defensa e a explotación agrícola e gandeira. Beneficiou especialmente os mosteiros, as ordes militares e a nobreza. Nos reinos occidentais fíxose inicialmente por medio da presuria e nos orientais pola aprisio. O repoboamento de Galicia, val do Douro e o alto Ebro (ss VIII-X) foron obra de homes libres e de mosteiros bieitos. Mentres en Galicia e León os campesiños foron absorbidos axiña polos grandes propietarios, en Castela mantívose a pequena propiedade. Nos ss XI e XII a repoboación chegou ata o Tajo e o val do Ebro. Nas zonas fronteirizas favoreceuse pola concesión ás cidades de foros, cartas de franquía ou poboamento, con exencións fiscais. No interior repobouse o Camiño de Santiago, con francos e mosteiros cluniacenses, e outras zonas ata entón desérticas, con monxes cistercienses. Extremadura e A Mancha foron repoboadas polas ordes militares e en Aragón o repoboamento foi máis lento, ao permanecer parte da poboación musulmá asentada no territorio. A repoboción do Algarve, Andalucía e Murcia (s XIII) beneficiou sobre todo os nobres e as ordes militares, moitas veces en forma de repartimento. Economicamente supuxo o asentamento de colonos en terras do rei ou da nobreza mediante o establecemento de contratos de explotación.
A repoboación en Galicia
Na zona NO peninsular a repoboación tivo carácter de reorganización máis ca de substitución da poboación árabe vencida por outra nova, xa que non existían valeiros demográficos nin a presenza de árabes no territorio era numerosa. As necesidades económicas e organizativas potenciaron a repoboación dalgúns territorios do interior de Galicia, como a do bispo Odoario. A loita polo control da terra provocou tensións entre a Igrexa, apoiada polos monarcas asturleoneses, e a nobreza laica, que culminaron coa perda de influenza dos laicos tras a aparición da tumba do Apóstolo Santiago. Durante o reinado de Afonso I o Católico (739-757) conformouse unha terra de ninguén na conca do Duero tras o abandono dos núcleos de asentamento musulmáns. A zona foi repoboada lentamente á vez que se ampliaba o territorio reconquistado polo Reino Asturleonés. As repoboacións posteriores non foron ocupacións de territorios deshabitados, senón consecuencia da integración dos territorios no reino. Para que os asentamentos fosen efectivos desenvolveuse a presuria, que desde o s VIII se documenta en Lugo e no val de Sarria, efectuada por habitantes procedentes doutros puntos da Península. Froila I favoreceu o repoboamento mozárabe de Samos e, coa fundación de Oviedo, trasladou alí a nova poboación. No s IX os protagonistas das presurias foron os nobres ao servizo da monarquía. -
repoboación forestal
reforestación.