republicanismo

republicanismo

(< republicano)

  1. s m

    Calidade de republicano.

  2. s m [HIST/POLÍT]

    Doutrina dos partidarios da república como forma de goberno. A partir das achegas ideolóxicas de John Locke, Montesquieu e Jean-Jacques Rousseau, apareceu moi relacionado inicialmente co liberalismo. Tivo as súas primeiras realizacións prácticas nos estados da Unión nortemericana e na Primeira República Francesa e estendeuse ao longo do s XIX nos novos estados latinoamericanos. O establecemento en EE UU dunha república federal significou un forte impulso para a expansión do republicanismo, que se baseou no consenso popular e nos dereitos do home. En Francia, os republicanos comezaron a organizarse a partir da revolución de 1830 e conseguiron a instauración da Segunda República (1848-1852). Durante o Segundo Imperio foron reprimidos, pero fixeron avances importantes ata obteren o triunfo definitivo coa instauración da Terceira República (1870-1940). En Italia, o republicanismo comezou con G. Mazzini, que fundou a Nova Italia (1831-1848) e despois da ditadura fascista, proclamouse a república (1946). En España, o republicanismo mantívose nos primeiros anos do s XIX na clandestinidade e fíxose presente na loita absolutista dos liberais e desde 1937 dos progresistas. Manifestouse no Partido Democrático a partir de 1849. A primeira formulación doutrinal elaborada foi a de F. Pi i Margall, artífice principal do Partido Republicano Democrático Federal (1868). Aproveitando o baleiro de poder ocasionado pola abdicación de Amadeo I de España, os republicanos conseguiron proclamar a Primeira República Española (1873-1874). Deixado de lado polo sistema da Restauración de A. Cánovas del Castillo, o republicanismo perdeu eficacia a causa das súas divisións internas. Aínda así, houbo algún intento de coordinación (Unión Republicana) e de alianza cos liberais (1908) e cos socialistas (1909-1919). Non obstante, non conseguiu espallarse por riba dos diferentes partidos ata a Ditadura de Primo de Rivera, feito que permitiu, tras a súa caída e coa crise da monarquía, a proclamación da Segunda República Española (1931). Durante o Franquismo, o ideal republicano foi reprimido con enerxía, pero a institución republicana mantívose no exilio. Coa democracia, a maioría dos partidos de esquerda adiaron de feito a esixencia da instauración da forma de goberno republicana.
    O republicanismo en Galicia
    Nos primeiros anos do s XIX non houbo en Galicia ningún grupo claramente republicano. Durante este século o republicanismo vinculouse ao federalismo que se desenvolveu principalmente durante o Sexenio Revolucionario (1868-1874). Dos seus integrantes destacaron I. Armesto, X. M. Paz Novoa, F. Tapia, R. Pérez Costales e E. Chao. O enfrontamento entre os federalistas galegos e a dirección, de carácter centrista, do Partido Republicano Democrático Federal ou Partido Federal e a insurrección republicana de Ferrol de 1872 levou á creación, no marco da Asemblea Cantonal de Galicia, do Partido Federal de Galicia que defendeu a proclamación da república federal e a autonomía de Galicia. A el pertencían, entre outros, Aureliano X. Pereira, Ramón Pérez Costales e Segundo Moreno Barcia. Nas eleccións ás Cortes que se celebraron en maio de 1873 os republicanos federalistas acadaron 37 dos 45 escanos de Galicia. Durante a Restauración (1874-1931) os republicanos galegos limitaron a súa ideoloxía á defensa dos ideais laicos e democráticos e da república como forma de goberno, ademais permaceron divididos en diversas faccións: unha cercana a Pi i Margall dirixida por Moreno Barcia e que defendía o réxime federal; unha rexionalista dirixida entre outros por Aureliano X. Pereira; e unha corrente anarquista que rexeitaba a autonomía rexional. As agrupacións de Manuel Ruiz Zorrilla e Nicolás Salmerón absorberon a maior parte dos republicanos federalistas galegos na década de 1880. A partir de 1881 a reorganización do antigo Partido Republicano Democrático Federal de Galicia, iniciouse desde os comités locais da Coruña, Lugo e Pontevedra, liderado este por Andrés Muruais e Ricardo Mella Cea. Na Segunda Asemblea Federal da Rexión Galega (1887), aprobouse o Proxecto de Constitución para o Estado Galaico (1887), elaborado por Segundo Moreno Barcia. En 1892 a visita a Galicia de Francesc Pi i Margall propiciou o intento de reagrupación dos republicanos galegos na Unión Republicana de Galicia. Desde comezos do s XX o republicanismo experimentou unha revitalización que atopou apoio entre os republicanos progresistas da provincia de Pontevedra con Emiliano Iglesias, nos sectores do agrarismo próximos a Basilio Álvarez Rodríguez e nos republicanos coruñeses de Xerardo Abad Conde. As ideas de A. Lerroux García conseguiron a ruptura do republicanismo galego en dous bloques: os federalistas e os radicais que pasaron a engrosar as filas do Partido Republicano Radical (PRR). Ademais xurdiron novas forzas políticas republicanas que acadaron o seu desenvolvemento político durante a Segunda República Española (1931-1939). En 1929 xurdiu a Organización Republicana Gallega Autónoma (ORGA), en que converxeu o republicanismo representado por Santiago Casares Quiroga e o nacionalismo de Antón Villar Ponte. Xunto con Alianza Republicana e o Partido Radical creou, polo Pacto de Lestrobe (1930) a Federación Republicana Gallega (FRG) que tiña como obxectivos a instauración da república e a autonomía para Galicia. Esta coalición mantívose ata 1932 e presentouse aliada co PSOE nas eleccións de 1931. A ORGA reorganizouse en 1932 co nome de Partido Republicano Gallego (PRG) e en 1934 foi absorbida por Izquierda Republicana. A Derecha Liberal Republicana de Niceto Alcalá Zamora e Gabriel Maura tamén tivo presenza en Galicia, sobre todo nas provincias da Coruña e Lugo. A súa división en Partido Republicano Conservador e Partido Republicano Progresista tamén se reflectiu en Galicia aínda que só o primeiro obtivo representación nas Cortes en 1933 e en 1936. O Partido Republicano Radical (PRR) tamén tivo representación nas Cortes de 1931 e 1933. En 1934 houbo unha escisión no Partido Radical a escala nacional pola que se formou o Partido Radical Democrático que se uniu a unha facción do Partido Republicano Radical Socialista para crear Unión Republicana, á que só se adscribiron 4 dos deputados galegos. Por outra banda, o Partido Republicano Radical Socialista só tiña forza en Galicia na Coruña e en Ourense. Escindiuse en 1933 en dúas faccións, a dirixida por G. Ordás e que se uniu a D. Martínez Barrios, e a de Marcelino Domingo que formou Alianza Socialista, que se integrou en Izquierda Republicana. O Partido Agrario Radical Galego, dirixido por Amador Rodríguez Guerra, foi un dos intentos de crear un partido agrario. Tivo certa implantación na Coruña e Lugo. En 1936 M. Portela Valladares creou o Partido de Centro, que acadou 5 deputados por Galicia nas eleccións de febreiro. Neste contexto da Segunda República naceu o Partido Galeguista, que non se declarou republicano pero os seus membros fixeron declaracións a favor da república. Polo que respecta a outros partidos que tamén defendían a república, o PSOE acadou representación por Galicia en 1931 e 1936 e o Partido Comunista só obtivo un deputado nas eleccións de 1936.

  3. s m

    Pensamento favorable á forma de goberno republicana.