resurrección
(< lat tardíoresurrectīone)
-
s
f
Acción e efecto de resucitar.
-
s
f
[RELIX]
Dogma dalgunhas relixións polo que o corpo humano volverá da morte para unha vida nova e definitiva. Pode referirse á reanimación dun morto, ao acto final da historia en que Deus resucitará os mortos e o retorno á vida de Xesús Cristo ao terceiro día. A idea de rexurdir, erguerse de novo, alzarse, reanimar, aplicada a un cadáver, ten un sentido metafórico: se o cadáver é o signo visible da morte, a súa resurrección ou reanimación simboliza o retorno á vida. A partir do Novo Testamento o tema converteuse en núcleo fundamental da mensaxe cristiá: o anuncio da resurrección de Xesús Cristo, garantía para os crentes a propia resurrección. Trátase non só da reanimación dun cadáver nin do retorno á vida temporal, senón da superación definitiva da morte, do traspaso a unha vida de plenitude perpetua alén da morte. De aí vén a imposibilidade de definir con nocións precisas e de fundamentar criticamente dunha maneira segura a realidade da resurrección de Xesús Cristo. Equivalería a demostrar con razóns perentorias o contido da fe cristiá. Para a mentalidade grega a idea de resurrección era descoñecida e practicamente inaceptable. A concepción do home como dualidade descompensada e separable en corpo e alma, a idea dunha inmortalidade da alma e a concepción do corpo como signo e sombra do espírito semellaban incompatibles coa mensaxe evanxélica dunha resurrección salvadora. Hai que destacar o esforzo da teoloxía actual para recuperar a concepción unitaria do home e o concepto dunha resurrección total e plena segundo a mensaxe do Novo Testamento. Este tema é dos máis frecuentes ao longo da iconografía cristiá. Ao lado das numerosas representacións da resurrección final e das diversas escenas evanxélicas de resurreccións de mortos (Lázaro, a filla de Xairo), o tema da resurrección de Xesús Cristo é o máis rico e variado. Descoñecido para a Igrexa primitiva, o descenso aos infernos converteuse axiña no símbolo clásico e tomou o nome de anástase (resurrección).