Revolução dos Cravos

Revolução dos Cravos

Movemento que derrubou o réxime salazarista en Portugal en 1974, restableceu as liberdades democráticas e promoveu transformacións sociais no país. A decadencia económica e o desgaste orixinado pola guerra colonial provocaron o descontento nas Forzas Armadas e na poboación, mentres que a ausencia de liberdade e os abusos da policía política favoreceron a aparición dun movemento contra a ditadura. A revolución iniciouse o 25 de abril de 1974, cando empezou a soar nunha emisora de radio o tema “Grândola, Vila Morena” de Zeca Afonso. Marcelo José das Neves Caetano foi deposto polos militares e o xeneral António Sebastião Ribeiro de Spínola, xefe-adxunto do Estado Maior das Forzas Armadas, asumiu a presidencia. Legalizáronse os partidos políticos, incluíndo o Partido Comunista Português (PCP) e o Partido Socialista (PS). Portugal entrou nun período de grande axitación revolucionaria e Spínola renunciou ao goberno en setembro, que pasou a ser exercido polo Movimento das Forças Armadas (MFA), cunha forte influencia do PCP. En 1975 Angola, Moçambique, Cabo Verde e Guiné-Bissau obtiveron a independencia, e en marzo, tras un frustrado intento de golpe de estado de Spínola, constituíuse un goberno integrado polos xenerais Francisco da Costa Gomes e Vasco Gonçalves e o maior Otelo Saraiva de Carvalho. Iniciouse a nacionalización de industrias e bancos, seguida de ocupacións de terras. En abril dese ano o PS, de Mário Soares, venceu nas eleccións pero tivo que enfrontarse cunha frustrada tentativa de golpe de oficiais de extrema esquerda. A nova constitución, promulgada en 1976, adoptou un réxime parlamentarista e proclamou que as nacionalizacións e a reforma agraria eran irreversibles. No mesmo ano foi elixido presidente da república o xeneral António dos Santos Ramalho Eanes e o socialista Mário Soares converteuse en primeiro ministro dun goberno minoritario. O Conselho da Revolução aboliuse en 1982 e elimináronse as restricións ao capital privado.

Palabras veciñas

revoltiza | revolto -ta | revoltoso -sa | Revolução dos Cravos | revolución | Revolución Chinesa | Revolución Cristera