rexionalismo

rexionalismo

(

  1. s m

    Afecto ás cousas da propia rexión.

  2. s m [POLÍT]
    1. Doutrina política e social que favorece, dentro dun mesmo estado, o papel das agrupacións rexionais delimitadas pola xeografía e a historia. Representa a conciencia rexional en acción como ideoloxía, movemento social ou programa reivindicativo dalgunha forma de recoñecemento daquela personalidade rexional. En España xurdiu a finais do s XIX, despois de que se reactivara o provincialismo e fracasara o federalismo e a vía armada do carlismo. O rexionalismo galego mantivo tres correntes: a derivada do provincialismo, liderada por Manuel Murguía e representada entre outros por Eduardo Pondal ou Manuel Lugrís Freire, que defendía a autonomía pero non o independentismo; a tradicionalista, máis conservadora e que defendía os valores do pasado, representada por Alfredo Brañas; e a federalista, máis democrática, representada por Aureliano Pereira e que presentou o Proyecto de Constitución para el Estado Galaico. Todas elas entendían a Galicia como unha rexión con dereito a ter unha autonomía política e formaron en 1890 a Asociación Regionalista Gallega.

    2. Doutrina de política internacional que propugna o establecemento de vínculos particulares entre os estados e as nacións dun mesmo continente, subcontinente ou zona xeopolítica ampla. Así, fálase de europeísmo, panafricanismo, panamericanismo ou paneslavismo.

  3. [ARTE]

    Corrente que se desenvolveu na pintura galega no derradeiro cuarto do s XIX e nos primeiros anos do s XX. Caracterizouse pola representación de temas galegos, fundamentalmente paisaxes e xentes de Galicia. Está representada, entre outros, por Fernando Álvarez de Sotomayor, Francisco Llorens e Carlos Sobrino.

Palabras veciñas

rexio -xia | rexión | rexional | rexionalismo | rexionalista | rexionalización | rexionalizar