Ribadeo

Ribadeo


Concello pertencencente á comarca da Mariña Oriental, situado no NL da provincia de Lugo e da Comunidade Autónoma de Galicia. A súa posición xeográfica é 43° 32’ 17’’ de latitude N e 7° 02’ 21’’ de lonxitude O. Limita ao N co Mar Cantábrico, ao S con Trabada (comarca da Mariña Oriental), ao L coa ría de Ribadeo e Asturias, e ao O con Barreiros (comarca da Mariña Oriental). Abrangue unha superficie de 108,9 km2, en que acolle unha poboación de 9.764 h (2007) distribuída entre as parroquias de Arante, Cedofeita, Couxela, Covelas, A Devesa, Ove, Piñeira, Ribadeo, Rinlo, Santalla de Vilausende, Vilaframil e Vilaselán. A súa capital é a vila de Ribadeo, localizada a 90 km da capital provincial. Está adscrito á diocese de Lugo e ao partido xudicial de Mondoñedo.
Xeografía física
O relevo de Ribadeo pódese dividir en tres unidades, a Rasa Cantábrica, os relevos residuais e as marxes da ría de Ribadeo. A Rasa Cantábrica, que ocupa a franxa setentrional, é unha área chá, elevada sobre o nivel do mar a uns 30-40 m, e que vai aumentando en altitude cara ao S con pendentes apenas inexistentes. Está formada por materiais de tipo cuaternario, sobre todo cantos rodados mariños e arxilas que os consolidan. Os relevos residuais, que con dirección L-O se dispoñen en bandas paralelas á costa, son elevacións cuarcíticas que culminan a 570 m no alto do Mondigo e que van descendendo cara ao L. Estes dous cordais deixan no medio un pequeno val formado polo río Grande, moi ondulado, formado sobre materiais máis brandos e recheo de sedimentos aluviais. As marxes da ría de Ribadeo posúen unha topografía moi variada, aínda que predominan as fortes pendentes, como consecuencia do contacto dos relevos residuais coa propia ría. O contacto co val do río Grande faise a través dunha pequena área pantanosa. As costas do concello non teñen demasiados accidentes, xa que son maioritariamente rectilíneas con acantilados sobre xistos, como os da praia das Catedrais. Existen entrantes como os das enseadas de Augas Santas e de Vilaselán e saíntes como a punta Corveira, que se orixinaron como consecuencia das diferenzas litolóxicas, da erosión diferencial, da incisión fluvial e da tectónica de fracturas. Climáticamente entra dentro do dominio oceánico húmido, con valores térmicos medios anuais moi suaves (14°C), con invernos temperados, tanto na costa (9°C) coma no interior (8°C), e veráns frescos, con temperaturas agradables (18-19°C). As precipitacións son relativamente escasas (900 mm) dada a súa situación ao abrigo das masas do SO. Sopran frecuentemente ventos do NL que refrescan as temperaturas estivais e provocan ondas de frío no inverno. O principal curso fluvial do concello é o río Grande, que xunto co Pequeno, verte as súas augas directamente á ría de Ribadeo, os outros cursos menores son de escasa lonxitude e caudal.
Xeografía humana
A evolución demográfica de Ribadeo é dun claro estancamento ao longo do s XX, xa que a cifra de 1900 aseméllase moito á acadada a comezos do s XXI. En 1900 contaba con 8.847 h, cifra que foi evolucionando ata chegar ao máximo de 1940 con 9.567 h. A forte emigración cara a América, o elevado crecemento vexetativo e o mediocre crecemento da capital municipal explican esta evolución. Desde 1950, a poboación sufriu un lixeiro descenso no seu número de efectivos como consecuencia da emigración desde o rural cara ás cidades asturianas máis próximas, Madrid, Barcelona, os países europeos e algunhas vilas da comarca, entre elas a propia capital municipal. Así, os datos evidencian este lixeiro descenso, coa excepción do período intercensual 1970-1981, con 9.364 h en 1950, 9.138 h en 1960, 8.947 h en 1970, 9.068 h en 1981 e 8.761 h en 1991; nos comezos do s XXI continuou o crecemento e pasouse de 9.035 h en 2001 e 9.764 h en 2007. Tras a apertura da ponte que une o concello con Asturias, produciuse un crecemento propiciado pola vila de Ribadeo, que tivo un desenvolvemento moi importante. Esta evolución municipal contrasta, sobre todo nas últimas décadas do s XX, coa que tivo a capital municipal, onde o dinamismo, pese a non ser acelerado, foi constante. En 1900, o núcleo contaba con 2.954 h, a súa evolución demográfica mostra un crecemento sostido, pero moi moderado ao longo das primeiras décadas do s XX, xa que era unha vila mal comunicada co resto de Galicia, especialmente polo S, e incluso con Asturias. A emigración cara a América fíxose notar enormemente, e o crecemento debíase basicamente ao movemento vexetativo e a algúns desprazamentos definitivos desde o rural máis próximo. Nas seguintes décadas, a vila seguiu medrando moi lentamente, e as causas desde feble crecemento foron o seu illamento, os escasos investimentos que se facían na vila e a intensa emigración que se produciu no rural da comarca. Desde 1981, e, máis en especial, desde 1987, a vila de Ribadeo logrou medrar de forma moito máis forte. A construción da ponte fixo posible unha comunicación máis fluída con Asturias e co resto da comarca, e a mellora da N-634 a Vegadeo posibilitou tamén un desenvolvemento económico, urbanístico e demográfico da vila. A poboación do concello distribúese de forma irregular en dúas áreas: a rasa e o val do río Grande, na rasa, predominan as aldeas grandes, situadas ao redor das principais vías de comunicación, mentres que no val interior son máis pequenas e nucleares. A entidade con maior poboación é Ribadeo, seguida a distancia do pequeno porto de Rinlo. Polo que respecta ao crecemento natural da poboación, en 2006 foi de signo negativo (-4‰), pois a natalidad (8‰) é bastante inferior ca mortalidade (12‰). A estrutura por idades mostra o avellentamento da poboación pois os menores de 20 anos só son o 14,9% fronte aos maiores de 65 que son o 24,4%; o grupo intermedio representa o 60,6%. Por sexos, dominan as mulleres: 52,87% fronte ao 47,12% de homes.

Evolución do plano urbano
Na morfoloxía urbana da vila de Ribadeo, existe unha dualidade entre o centro histórico e a parte de recente construción. No recinto histórico destaca como característica fundamental, o trazado ortogonal da rede viaria. O conxunto de rúas que compoñen a zona antiga de Ribadeo presenta un trazado guiado por dúas vías principais, as rúas Antonio Otero e Amando Pérez. Paralelas a elas xurdiron outras de menor anchura e lonxitude, e outras perpendiculares de trazado máis irregular, que comunican a parte occidental da zona coa fortaleza da Atalaia, construída no medievo para a defensa do porto. Aínda se conservan edificacións medievais como a Casa do Patín. Ao redor destas rúas construíronse as vivendas urbanas do centro histórico, feitas en madeira e pedra na Idade Media, e reconstruídas con este último material xa en épocas posteriores. Trátase de vivendas unifamiliares, case sempre de máis dunha altura. Este pequeno espazo edificado estaba rodeado dunha muralla irregular, inexistente en moitos puntos, xa que as fortes rupturas de pendente facían as funcións de defensa. O mercado local tiña lugar na Praza da Vila, ás aforas do centro histórico, na que se construíron edificios comerciais na Baixa Idade Media, que xa non se conservan. No porto localizábanse xa na Idade Media os arrabaldes, poboados por pescadores. No s XVIII, momento de maior auxe comercial de Ribadeo, construíuse o palacio do marqués de Sargadelos, de estilo neoclásico, convertido en casa do Concello, desenvolvéronse os arrabaldes do porto e da parte occidental e construíuse o castelo de San Damián para a defensa do porto. Nos primeiros anos do XIX tirouse a muralla e construíuse a Aduana Vella nos arredores do porto de Porcillán. A comezos do s XX, aínda que existiu unha certa tendencia ao crecemento do espazo edificado, Ribadeo tiña o mesmo aspecto que durante o s XIX, a causa da decadencia do seu comercio. Desta época é o monumento emblemático da torre dos Moreno. A expansión urbana de Ribadeo antes de 1960 tivo varias direccións, ao redor do primeiro trazado da N-634 (Virxe do Camiño, San Roque e Rodríguez Murias), ao redor do novo trazado desta (Avenidas de Galicia e Asturias), nas rúas perpendiculares a estas dúas (rúas Ramón González e Reinante), nas áreas do porto de Porcillán e no barrio de San Miguel. Desde 1960, o desenvolvemento urbanístico produciuse na parte suroccidental, con edificacións moi altas que contrastan coas do centro histórico. Tamén houbo unha expansión cara ao NL, pero menos importante ca a anterior. Ao compás deste crecemento da edificación, produciuse unha forte degradación da zona histórica, especialmente na área portuaria e nas rúas menos transitadas. Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Ribadeo é do 49,8% (59,8% a masculina e 41,2% a feminina); a taxa de ocupación é do 44,3% (55,9% a masculina e 34% a feminina) e a taxa de paro é do 11,2% (6,5% a masculina e 17,1% a feminina). A economía de Ribadeo xira ao redor do sector terciario, que co 59,3% dos activos, xera máis da metade dos empregos do concello. O sector primario, co 16,1% do emprego (13,8% nas actividades agropecuarias e 2,3% nas pesqueiras), conserva, non obstante, a súa importancia nas áreas rurais, mentres que o secundario, co 24,6% (12,3% na industria e na construción), está relegado a posicións máis modestas. As actividades primarias céntranse fundamentalmente no sector gandeiro, especialmente no vacún de aptitude láctea. O número de explotacións no concello non é demasiado elevado para a superficie territorial, ao igual que o número de parcelas, grazas aos traballos de concentración parcelaria que se levaron a cabo en varias parroquias costeiras e interiores. Os cultivos están orientados cara a gandaría, de forma que o 42,8% da superficie agraria útil está ocupada por pastos e prados. Tamén teñen relevancia os cultivos de invernadoiro como tomates e leitugas, que responden ás novas demandas do mercado. En canto á pesca, non é unha actividade básica para a economía, destaca o porto pesqueiro de Rinlo e o de Porcillán, en Ribadeo, en épocas anteriores con moita maior actividade, cunha frota non excesivamente grande, pero si destacada na pesca de baixura. O secundario non posúe a importancia dos outros sectores. A construción conta con empresas a nivel local, que se dedican tamén ás obras públicas. Na industria destacan o sector agroalimentario e os prefabricados para a construción. O sector servizos conta cunha ampla tradición comercial na capital, situada estratexicamente nun cruzamento de estradas e a cabalo entre dúas comunidades autónomas. O comercio e a hostalaría son os subsectores máis dinámicos na economía do concello, destacando as empresas familiares da cabeceira e as novas superficies comerciais de recente instalación. Este desenvolvemento comercial estivo influenciado pola actividade do seu porto comercial, bastante especializado na exportación de materias primas da comarca como a madeira, ou ben prefabricados como aglomerados ou ladrillos. A hostalaría tamén é un sector clave para Ribadeo, xa que o concello conta con numeros establecementos hoteleiros, e con máis dun centenar de licenzas en bares, restaurantes, cafetarías, pubs e discotecas. A vocación terciaria da vila complétase coa prestación de servizos públicos. As principais vías de comunicación do concello son as estradas nacionais N-634 (Santiago de Compostela-Donostia), e a N-642 no tramo Ribadeo-Vegadeo, así como a provincial LU-133. O ferrocarril FEVE Ferrol-Gijón atravesa o concello pola súa parte litoral.
Historia
Os restos máis antigos localizados son as mámoas situadas no Mondigo en Covelas, de época megalítica. De época castrexa atópanse os castros de Vilaselán, A Devesa e Arante. A vila semella que foi fundada en 1183 polo Rei Fernando II co afán de expandir o seu dominio pola costa setentrional de Galicia, moi dominada ata aquela pola alta nobreza e o bispado de Mondoñedo, e evitar desta forma as revoltas da poboación campesiña contra os seus señores. O emprazamento orixinal da poboación situouse na aldea de Vilavella, a menos dun quilómetro do centro do actual Ribadeo, pero posteriormente a poboación trasladouse a Vilanova, no actual porto, e a poboación que xa existía ascendeu ao rango de vila por privilexio real. A carta de poboamento librouna do dominio señorial. Posteriormente trasladouse a sé episcopal de Mondoñedo a Ribadeo e estableceuse o dominio do bispo mindoniense sobre a vila, ademais creouse un extenso alfoz que se prolongaba cara ao sur e ao oeste. Co regreso da sé episcopal a Mondoñedo, concedeuse a Ribadeo unha colexiata. Nos ss XIII e XIV instaláronse na vila os conventos de San Francisco e Santa Clara. Nos séculos centrais da Baixa Idade Media consolidouse como centro urbano e desenvolveu un importante comercio marítimo coas principais cidades da Europa do Norte e comezou a atraer poboación do medio rural e a comerciantes procedentes doutros espazos que se estableceron na cidade. A existencia dunha gran cantidade de gremios tamén explica a importancia comercial. Ribadeo, que fora unha cidade libre que dependía do poderío real, pasou en 1369 a mans do cabaleiro francés Pierre de Villaines, axudante do Rei Enrique II de Castela no s XIV, quen, anos máis tarde, vendeu a xurisdición ao condestable de Castela, Ruy López Dávalos. Finalmente a cidade e o condado de Ribadeo reacaeron nos Villandrando. A principios do Antigo Réxime, a vila estaba ligada á carreira de Indias, con intensas relacións cos portos coloniais de Lisboa e Sevilla, a onde se destinaban importantes producións artesanais (lenzos, panos de liño, ourivaría procedente das ferrarías ou cerámica) pero tamén materias primas da comarca como gando, cereais, viño, e, sobre todo, madeira. No s XVIII coñeceu o maior auxe comercial e comezou a desenvolver contactos cos portos do Báltico, desde onde se importaban liño e cánabo para a incipiente industria lenceira da comarca. Instaláronse algunhas familias enriquecidas do occidente de Asturias (Villaamil, Lanza, Campoamor), pero o máis salientable foi a chegada de Antonio Raimundo Ibáñez, creador de Sargadelos. A partir de mediados do s XIX, a perda da capitalidade provincial por parte de Mondoñedo e o declive do comercio con América, ademais do desenvolvemento da industria vasca e catalá, fixeron decaer as ferrarías e a produción de lenzos na comarca, e provocaron unha crise na cidade da que non se recuperou ata finais do s XX, cando comezou un novo rumbo como capital comarcal. Durante o Antigo Réxime as parroquias que integran o actual concello de Ribadeo pertenceron ás xurisdicións de Ribadeo, señorío do duque de Hijar; Santé, rexida polos seus veciños; e o couto redondo de Cedofeita, señorío do conde de Amarante. A proclamación da Constitución de 1812 supuxo a abolición do réxime señorial e a súa substitución por unha administración municipal do territorio. Creáronse os concellos de Ribadeo e Cedofeita. A derrogación da Constitución de 1812 por parte de Fernando VII en 1823 supuxo a supresión destes concellos e a restauración do réxime señorial. A definitiva recuperación do municipalismo produciuse en 1835 cando se crearon os concellos de Ribadeo e Santé. En 1840 formáronse os concellos de Vilaodrid, Santé, Cabarcos e Ribadeo, e ao ano seguinte desapareceu Santé e apareceron catro novos: Cedofeita, Reinante, Trabada e Vilameá. En 1843 suprimiuse Cedofeita. A definitiva composicion de Ribadeo conformouse en 1845.
>Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados, da arquitectura relixiosa destacan a igrexa de Santa María do Campo (s XIII), a capela da Atalaia, que protexía o antigo porto, cunha portada románica do s XII, a igrexa de San Roque, a de San Lázaro e a da Virxe do Camiño, o convento de Santa Clara e a igrexa da Ponte en Arante, na que se conservan pinturas murais. O castelo de San Damián e as murallas da vila foron declarados BIC en 1994. Destacan tamén o pazo de Ibáñez (s XVIII), de estilo neoclásico que alberga a casa do concello, a Aduana Vella (s XVIII), mostra do dinámico pasado comercial, a torre dos Moreno, edificio de principios do s XX, de estilo ecléctico e con trazos modernistas (BIC, 1997), o pazo de Cedofeita e o pazo de Quinta Longa. Do seu patrimonio natural destacan os espazos do río Eo e da praia das Catedrais, declarados Lugares de Importancia Comunitaria dentro da proposta Rede Natura 2000, ademais a praia das Catedrais foi declarada monumento natural pola Xunta de Galicia en 2005. A Ría de Ribadeo foi declarada Sitio Ramsar e Zona de Especial Proteción para as Aves (ZEPA). Das festas que se celebran no concello salientan as de Entroido, a romaría das Cruces en A Ponte (Arante) a finais de maio, as festas da Virxe do Carme en xullo, a de San Roque en agosto, a Feira do Mel en agosto e a da Virxe do Campo o 8 de setembro.

Datos de poboación (2007)

Provincia LUGO
Comarca Mariña Oriental, A
Extensión 108 Km2
Poboación Total 9704 h
Poboación Homes 4573 h
Poboación Mulleres 5131 h
Densidade de poboación 89.85 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias