Ribas de Miño, Santo Estevo de
Antigo mosteiro situado en Santo Estevo de Ribas de Miño (O Saviñao). Pode tratarse do mosteiro de Santo Estevo en Vila Nazara que dependía de Samos. Pode datar do s X. Do antigo cenobio consérvase a igrexa, que se converteu en parroquial. Construída posiblemente a finais do s XII, consta de nave rectangular dividida en catro tramos, separados por arcos apuntados, cada un deles cunha fiestra con arco de medio punto; unha única ábsida formada por un tramo recto e outro semicircular separados por un arco faixón. A sancristía atópase no lado sur, pegada ao tramo recto da ábsida. O arco triunfal é de medio punto peraltado en aresta e apóiase en columnas pegadas. A fachada principal da igrexa divídese en dúas partes, a inferior coa porta principal flanqueada por dous arcos de medio punto cegos, e a superior presidida por un gran rosetón. A porta presenta catro arquivoltas abucinadas con decoración figurada e vexetal nalgúns capiteis e sete figuras de anciáns apocalípticos sobre unha das arquivoltas. O rosetón da parte superior está moi traballado e debaixo del sitúase un extenso beirado de arquiños. Foi declarado BIC en 1931.