Ribeira de Piquín

Ribeira de Piquín


Concello da comarca de Meira, situado no centro-L da provincia de Lugo e no NL da Comunidade Autónoma de Galicia. A súa posición xeográfica é 43° 12’ 07’’de latitude N e 7° 11’ 50’’de lonxitude O. Limita ao N co concello da Pontenova (comarca da Mariña Oriental), ao S cos da Fonsagrada e Baleira (comarca da Fonsagrada), ao L co da Fonsagrada (comarca da Fonsagrada) e ao O cos de Meira e Pol (comarca de Meira). Abrangue unha supercicie de 73 km 2 en que acolle unha poboación de 742 h (2007) distribuída entre as parroquias de Navallos, San Xurxo de Piquín, Santalla, Santiago de Acevo e Os Vaos. A súa capital é o lugar do Chao de Pousadoiro, na parroquia de San Xurxo de Piquín, localizada a 48 km da capital provincial. Está adscrito á diocese de Lugo e ao partido xudicial da Fonsagrada
Xeografía física
O relevo está composto por materiais de cuarcitas, lousas e xistos moi antigos, formados no Paleozoico, fracturados e erosionados. O río Eo cruza o concello pola súa parte central, e forma un val angosto e bastante encaixado, a excepción dalgúns tramos máis amplos, onde tivo lugar certa sedimentación de materiais. Nos rebordos O e L elévanse as montañas pertencentes á serra de Meira (que culmina a 863 m no Monteairos) e á de Candá (889 m na Pena Grande). O río Rodil, procedente do L, e o Lúa, do O, cortan esta aparente unidade das serras, que posúen unha dirección S-N, e están formadas por materiais resistentes (cuarcitas). O clima de Ribeira de Piquín está moi influenciado pola montaña, de maneira que á característica oceánica hai que lle engadir unhas temperaturas frías durante o inverno (5-6°C) e frescas no verán (16-17°C) e unhas precipitacións elevadas a causa da altura (1.600-1.700 mm), con néboas constantes no val do Eo, sobre todo no inverno, e neve nos cumios máis elevados. Existe, non obstante, un microclima particular no val do Eo, máis cálido e seco ca na montaña, a pesar das numerosas néboas. A rede fluvial está composta polo Eo, que discorre de SO a N, atravesando o concello, e os seus afluentes, o Rodil pola dereita e Lúa, pola esquerda. A vexetación clímax está constituída por frondosas caducifolias como o carballo, o bidueiro e o castiñeiro, que están en regresión pola crecente introdución do piñeiro e en menor medida do eucalipto. As matogueiras, xurdidas esencialmente da degradación da vexetación clímax, ocupan grandes extensións de terreo, no que dominan os toxos, as urces, os breixos e as xestas.
Xeografía humana
Ribeira de Piuquín tivo unha evolución demográfica de perda constante ao longo de todo o s XX. Desde principios de século, a perda de poboación foi consecuencia da intensa emigración cara a América e a outras áreas máis favorables para a agricultura. En 1900, o concello contaba con 2.159 h, que se reduciron a 1.958 h en 1960. Este descenso moderado, foi acompañado doutro moito máis forte: 1.296 h en 1981 e 1.054 en 1991, ata chegar en 2001 a 837 h e en 2007 a rebaixa a cifra a 742 h. O envellecemento da poboación é moi acusado, a taxa de natalidade é do 1,9‰ e a de mortalidade do 18,8‰ o que dá un saldo vexetativo negativo (-16,9‰). Os maiores de 65 anos representan o 41,8% fronte ao 8,4% dos menores de 20 anos; o grupo intermedio representa o 52,9%. Por sexos a composición está equilibrada : 50,80% de homes e 49,20% de mulleres. É un concello moi despoboado, con densidades demográficas baixas, aldeas pequenas e moi separadas, dadas as dificultades impostas pola montaña e os vales angostos. A poboación disponse en pequenas aldeas no val do Eo, tanto no fondo como a media ladeira. A agrupación máis grande é Santalla na parroquia do mesmo nome, seguida da capital municipal, O Chao de Pousadoiro que concentra os servizos de índole municipal.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Ribeira de Piquín é do 42,3% (51,7% a masculina e 33% a feminina); a taxa de ocupación é do 38% (48,6% a masculina e 27,3% a feminina) e a taxa de paro é do 10,3% (6% a masculina e 17,2% a feminina). Ribeira de Piquín é un concello rural e agrario, tal e como o demostran os datos da estrutura por sectores de actividade, xa que o 53,9% de empregos son no primario, o 13,2% son no secundario e o 32,9% son no terciario. No sector primario a gandaría é a principal fonte de ingresos. A superficie dedicada a pastos e só o 27% da superficie total, polo que a maioría son explotacións de vacún de carne, especialmente nas áreas de matogueira e monte baixo. Tamén é destacada a explotación silvícola, sobre todo pinos e eucaliptos. O microclima do val do Eo permite, así mesmo, o cultivo de árbores froiteiras, especialmente cerdeiras, tanto para consumo local como para os mercados próximos. A industria non é destacable, só teñen presenza algunhas empresas de transformación láctea, serradoiros e canteiras. O terciario, en constante aumento, está moi influenciado pola veciña vila de Meira, centro de servizos a onde se dirixen os habitantes do concello. As principais vías de comunicación do termo son as estradas locais que comunican O Chao de Pousadoiro con Meira, A Pontenova e A Fonsagrada.
Historia
A antigüidade do poboamento móstrase nas mámoas megalíticas atopadas nos Vaos e nos diversos castros conservados, como os de Teixeira, Cabaceira en Santalla e o Pico do Castro en Navallos. Ademais, preto de Pena de Nurias e A Insua atopáronse restos dun poboamento antigo e varios vestixios que poderían ser prerromanos. Da dominación romana son testemuños os restos de instrumental, varias machadas e puntas de lanza de ferro atopados en Montefurado, onde os romanos levaban a cabo explotacións mineiras. No s XI, coa fundación do mosteiro de Santa María de Meira constátase a existencia de certas aldeas situadas “tras a Serra”, onde hoxe se sitúa o termo municipal. Varias doazóns da condesa Sancha, irmá do Rei Afonso VII, realizadas entre 1171 e 1182, e do conde Rodrigo, mestre de Santiago, fan mención ás terras do concello que pasaron a mans do nobre Arias Méndez, por mediación do mosteiro de Santa María de Meira, a cambio de que este defendera os vasalos do mosteiro das rapinas que sufrían. A pesar das doazóns reais ou particulares que se prolongaron durante séculos non se perderon os vínculos coa Pobra de Burón, señorío dos Osorio e dos Altamira, que dominaban todo o val do Eo. Durante a Guerra da Independencia (1808-1814) as tropas francesas de Maurice Mathie foron fustrigadas por parte dos locais en Santalla. Desde 1833 durante as Guerras Carlistas, houbo algunhas partidas carlistas no territorio dominadas polo cura meirés Gregorio Colmenero, que se enfrontaron cos liberais. Durante o Antigo Réxime as parroquias que integran o actual concello de Ribeira de Piquín pertenceron ás xurisdicións de Meira, señorío do mosteiro de Meira e de diversos señores; e Burón, señorío do conde de Altamira. Ribeira de Piquín xurdiu como concello en 1935, cando varias parroquias do concello de Meira se converteron en entidades locais menores, para posteriormente agruparse nun novo concello. A súa configuración territorial definitiva acadouse en 1969 cando se agregou a parroquia dos Vaos, pertencente anteriormente ao concello da Fonsagrada.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados, destacan as igrexas de San Xoán dos Vaos, cun retablo maior neoclásico e a imaxe policromada de Santo André do s XV; San Xurxo de Piquín, neoclásica de 1782; e a Santalla, que posúe varios retablos barrocos. Do seu patrimonio natural destacan os espazos naturais do Río Eo e de Carballido, declarados Lugares de Importancia Comunitaria dentro da Rede Natura 2000.Das festas que se celebran no concello destacan as patronais e a romaría de San Xurxo de Piquín.

Datos de poboación (2007)

Provincia LUGO
Comarca Meira
Extensión 72 Km2
Poboación Total 742 h
Poboación Homes 377 h
Poboación Mulleres 365 h
Densidade de poboación 10.31 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias