1 rima
(< occit rim < lat rhythmu < gr ñõèìüò ‘movemento concertado’)
Termo da poética que designa a total ou parcial concordancia de fonemas entre dúas ou máis palabras a partir da última vogal acentuada. Emprégase sobre todo para obter terminacións iguais ou semellantes entre dous ou máis versos. Derivada do occitano rim, significaba tradicionalmente ‘verso’ e ‘composición rimada’. Limitada á súa acepción moderna ten precedentes en certos recursos da poesía clásica latina, e xa apareceu en himnos cristiáns do s VIII e nas primeiras manifestacións da poesía románica. Segundo o grao de coincidencia dos fonemas nas palabras afectadas, a partir da última vogal acentuada, a rima pode ser consonante se esta coincidencia é completa, isto é, entre sons consonánticos e vocálicos, ou asonante, se só se produce nas vogais. A coincidencia ten que ser necesariamente fonética e non gráfica. No relativo á posición do acento na rima, pódense distinguir a rima oxítona, aguda ou masculina, se recae na última sílaba da palabra; paroxítona, grave ou feminina, se o leva na penúltima; e proparoxítona ou esdrúxula, se está na antepenúltima.