rinoceronte

rinoceronte

(< lat rhinocĕros

s m [ANIMAL]

Mamífero perisodáctilo da familia dos rinocerótidos, que pertence aos xéneros Rhinoceros, Dicerorhinus, Diceros e Ceratotherium. Son animais de grandes dimensións, de corpo pesado e macizo, pel moi grosa e xeralmente núa ou case núa, con un ou dous cornos permanentes situados na rexión nasal, un detrás do outro, o anterior máis desenvolvido ca o posterior, e ás veces un terceiro unido ao segundo, ollos pequenos en posición lateral, orellas pequenas na parte superior da cabeza, cola moi pequena, cabeza curta ou media, segundo a especie, cun fociño aplanado e patas curtas, moi robustas e rematadas en tres dedos ben diferenciados. A pesar das súas dimensións, son animais moi asustadizos que adoitan fuxir e só atacan para defenderse mediante unha impetuosa carga contra o inimigo. Habitan en chairas estépicas, sabanas e bosques, en zonas próximas a marismas, lagoas ou ríos, ou nos arredores dos bosque pero sen introducirse nunca neles. Aliméntanse de herbas que pastan durante a noite, raíces e froitos. Báñanse moi a miúdo, aproveitando para cubrirse de lama, que os protexe dos insectos. Habitan en Asia meridional, o rinoceronte de Xava (R. sondaicus), o rinoceronte indio (R. unicornis) e o rinoceronte de Sumatra (Dicerorhinus sumatrensis), e en África, o rinoceronte branco (C. simum) e o rinoceronte negro (Diceros bicornis).

Palabras veciñas

Rinne, proba de | rino- | rinobátido -da | rinoceronte | rinocerótido -da | rinoconiose | rinodinia