Rio Grande do Sul
Estado de Brasil, o máis meridional de todos (282.062 km2; 10.187.798 h [2000]). A súa capital é Porto Alegre. Limita ao N co estado de Santa Catarina, ao L co Océano Atlántico, ao S con Uruguay e ao O con Arxentina. Distínguense dúas rexións fisiográficas separadas pola depresión central. A rexión septentrional forma parte do escudo brasileiro (Serra Geral), con altiplanos de gres e basalto. Ao S, coñecido como La Campanha, dominan as chairas, aínda que algunhas serras de materiais graníticos se prolongan ata Uruguay. O clima é de tipo subtropical e continental en La Campanha e as chuvias, moi irregulares, pero abundantes. Destacan a gandaría e a agricultura con cultivos de arroz, tabaco, mandioca e viño. Posúe carbón, ouro, cobre, ferro e cinc. A zona foi reclamada polos portugueses desde 1531, pero converteuse nun territorio fronteirizo que disputaron tamén os españois. Provincia do imperio portugués (1821) e escenario dunha guerra civil (1835-1845), foi tamén a base das guerras contra Arxentina (1823-1827), a pesar da oposición popular, e contra Paraguay (1865-1870). Converteuse en estado en 1889.