Riotorto

Riotorto


Concello da comarca de Meira situado no NL da provincia de Lugo e da Comunidade Autónoma de Galicia. A súa posición xeográfica é 43° 20’ 52’’ de latitude N e 7° 15’ 06’’ de lonxitude O. Limita ao N cos concellos de Lourenzá e Mondoñedo (os dous da comarca da Mariña Central), ao S co de Meira (comarca de Meira), ao L co da Pontenova (comarca da Mariña Oriental) e ao O coa Pastoriza (comarca de Terra Chá). Abrangue unha superficie de 66,3 km 2 en que acolle a unha poboación de 1.583 h (2007), distribuída entre as parroquias de Aldurfe, Espasande de Baixo, Ferreiravella, Galegos, A Muxueira, A Órrea, Riotorto e Santa Marta de Meilán. A súa capital é o lugar das Rodrigas, na parroquia de Riotorto, localizada a 55 km da capital provincial. Está adscrito á diocese de Mondoñedo-Ferrol e ao partido xudicial de Mondoñedo.
Xeografía física
Riotorto é un concello situado na área de transición entre a meseta lucense e os vales da Mariña Lucense. A parte situada cara ao SL é a máis plana de todo o territorio, e correspóndese coa prolongación desta superficie de aplanamento, que está separada dos vales da conca do Eo por unha liña de cumios de dirección N-S (Becerreira, 775 m e Pico das Penas, 614 m). No N do concello dominan as aliñacións da serra de Lourenzá, con dirección xeral O-L, que culminan nos picos Carracedo (833 m) e Chao Grande (767 m), nos límites con Mondoñedo e Lourenzá. Cara ao L, ábrese o val do río Torto, afluente do Eo, cunha sucesión de pequenos regatos de dirección S-N, que aflúen a el, dando lugar a un val artellado en dúas direccións (O-L e N-S). O S do concello está dominado polo val do río Órrea, de dirección S-N, separado do val do Eo, que discorre polo extremo suroriental, polos contrafortes da serra de Meira (Fonseca, 725 m). Este conxunto do SL está illado do resto do concello pola serra do Pousadoiro, que culmina a 650 m no couto de Regocorto. Esta complexidade no relevo do concello explícase polas diferenzas litolóxicas (lousas e cuarcitas), así como pola intensa fracturación. O clima é oceánico húmido e de transición cara á montaña, matizado en certas áreas pola altitude. Deste xeito, a media anual está ao redor dos 13°C, con invernos suaves (7,5°C) e veráns frescos (18°C). As precipitacións son abondosas na montaña (1.400 mm) e menos frecuentes nos vales (900-1.000 mm). As néboas son un fenómeno presente nas etapas de inversión térmica nas áreas máis deprimidas. A rede hidrográfica organízase ao redor dos ríos Riotorto, Órrea e pequenos afluentes todos eles pertencentes á conca o Eo, a excepción do extremo O, no que o Madalena rega un pequeno espazo. A vexetación clímax, atópase en continua recresión en favor de especies de repoboación como piñeiros e eucaliptos.
Xeografía humana
Desde o punto de vista demográfico, a evolución do concello é regresiva, cun descenso constante da súa poboación, especialmente desde a década de 1950. A poboación de principios do s XX era de 4.695 h, máis do dobre da de comezos do s XXI. O descenso foi paulatino ata 1950 (4.026 h), a pesar da pequena recuperación da década de 1930. A emigración explica este declive demográfico xeneralizado, o que non puido contrarrestar o elevado crecemento vexetativo. Entre 1950 e comezos do s XXI produciuse o verdadeiro descenso poboacional xa que de 3.167 h en 1970 pasou a 2.046 h en 1996; xa no s XXI continuou o descenso e pasouse dos 1,799 h en 2001 a 1.583 h en 2007. O éxodo rural, imposto neste caso polas duras condicións agrarias na montaña e a imposibilidade de desenvolver mellor actividades industriais, fixeron que o declive fose xeneralizado. O resultado deste decrecemento é unha poboación avellentada, con moi baixas taxas de natalidade. En 2006 o saldo vexetativo foi negativo (-14,7‰) froito dunha taxa de natalidade moi baixa (2,1‰) e dunha alta mortalidade (16,8‰). Os maiores de 65 anos supoñen o 37,7% da poboación fronte ao 9% dos menores de 20 anos; o grupo intermedio representa o 53,4%. Por sexos a composición está equilibrada: 50,85% de mulleres e 49,14% de homes.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Riotorto é do 44,6% (54,3% a masculina e 35,1%); a taxa de ocupación é do 41,1% (49,7% a masculina e 32,5% a feminina) e a taxa de paro é do 8% (8,4% a masculina e 7,4% a feminina). A súa economía xira ao redor do sector primario, a pesar do progresivo descenso en número de empregos. O 33,5% da poboación activa traballa neste sector, en especial coa gandaría e coa explotación forestal. A superficie ocupada por pastos é do 25,2% do total e a de montes do 60,8%, deste xeito, os principais cultivos están orientados cara ao sector gandeiro, que conta cun predominio do vacún de leite, sobre outras especies como o porco. A explotación madeireira susténtase na riqueza forestal, en especial en eucaliptos e piñeiros, explotados directamente polas empresas locais. No secundario, que emprega ao 31,8% da poboación activa, destacan a minaría, baseada nas canteiras de cuarcitas e lousas do N do concello, e a industria de transformación dos produtos agrarios (lácteas e cárnicas) e da madeira. O sector servizos está encabezado polo comercio e os servizos públicos, e dá traballo ao 34,6% dos activos, concentrándose na capital municipal. As principais vías de comunicación do concello son a estrada N-640 (Vegadeo -Pontevedra) a LU-131 (Vilanova-Cruz da Cancela) e a LU-124 (Mondoñedo-Vilameá).
Historia
Os restos máis antigos de poboamento do territorio datan de época castrexa, da que se atoparon numerosos castros e posteriormente documentouse a presenza dos romanos. A primeira referencia documental data de 1509, cando a Real Chancillería de Valladolid concluíu un preito entre o bispo de Mondoñedo, Diego III de Muros, e o señor Álvaro González e declarou estas terras propiedade do bispado. Durante a Guerra da Independencia, en Santa Marta de Meilán e no monte Carracedo tiveron lugar diversos episodios violentos entre as faccións de ambos os dous bandos. Durante o Antigo Réxime as parroquias que integran o actual concello de Riotorto pertenceron ás xurisdicións de Riotorto, señorío do bispo de Mondoñedo e de diversos señores; os coutos redondos de Ferreira Vella, rexida pola fábrica da catedral de Mondoñedo, A Moxoeira, señorío do marqués de Bendaña, e A Órrea, señorío do cabido de Mondoñedo. A proclamación da Constitución de 1812 supuxo a abolición do réxime señorial e a súa substitución por unha administración municipal do territorio. Daquela produciuse a creación dos concellos de Riotorto e A Órrea. En 1823 o Rei Fernando VII derrogou a constitución, o que supuxo a supresión destes concellos e a restauración do réxime señorial. A definitiva recuperación do municipalismo produciuse en 1835 coa formación dos concellos da Órrea e Riotorto, que se fusionaron posteriormente.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados, destacan a igrexa de Santa Marta de Meilán, Santa María de Espasande de Baixo, San Xillao de Ferreiravella, San Pedro de Riotorto e Santa Comba da Órrea e a capela de San Roque, do s XI. Sobresaen tamén a torre do Mouro (s XIV), con arco oxival, as casas de Rancaño, a dos Moirón, a do Peineiro ou a casa da familia Santomé-Rico. Celébranse, entre outras, as festas de san Pedro e santa Isabel nas Rodrigas o 29 e 30 xuño, as de san Cristovo nas Rodrigas o segundo sábado de xullo, e a feira anual da Augaxosa (A Muxueira) o segundo sábado de setembro.

Datos de poboación (2007)

Provincia LUGO
Comarca Meira
Extensión 66 Km2
Poboación Total 1583 h
Poboación Homes 778 h
Poboación Mulleres 805 h
Densidade de poboación 23.98 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias