Rocas, San Pedro de

Rocas, San Pedro de

Antigo mosteiro situado en Rocas. A súa construción pode datar de 573 segundo consta nunha lápida conmemorativa atopada no lugar. Estivo abandonado durante séculos, e non foi redescuberto e rehabitado ata o s X. En 1007 o Rei Afonso V confirmou a posesión dos bens do mosteiro que doara Afonso III e neste documento constátase a restauración da vida monástica por parte do abade Gemondo. O s XII foi a época de máximo esplendor, a mediados do s XII sufriu varias reformas e nos ss XIV e XV iniciouse a súa decadencia. Pouco habitado e con escasas rendas, no s XV os Reis Católicos redactaron un documento para frear os abusos dos nobres, que ansiaban as terras do mosteiro, e finalmente incorporouse ao priorado de San Salvador de Celanova. Foi destruído por varios incendios, ardeu en 1641 pero foi restaurado, e en 1928 queimouse a igrexa do mosteiro, que non se restaurou. Escavado na rocha, na súa orixe, constaba dunha dobre nave aberta á rocha e posteriormente abríronse tres naves, realizadas durante a reforma do s XII, con tres capelas abovedadas con planta de ferradura, así como un engadido frontal (ss XII-XIII). As tres capelas primitivas comunícanse entre si e teñen arcos de entrada decorados con columnas arrimadas e capiteis labrados na rocha. Conservan os altares primitivos en forma de mesas e o chan do templo cóbrese de sepulcros, uns escavados na rocha con formas antropomórficas e outros con laudas. Consérvase un altar do s X, que foi trasladado da súa situación orixinal ao Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, con motivos decorativos similares aos da lápida fundacional do s VI, e no interior da igrexa tamén se atoparon restos de pinturas murais do s XII. Destaca tamén a espadana do s XV tallada sobre un penedo. A igrexa, de estilo románico e datada no s XIII, é unha prolongación das primitivas capelas. O conxunto foi declarado BlC en 1923.