Rodeiro

Rodeiro


Concello da comarca de Deza, situado no NL da provincia de Pontevedra e no centro da Comunidade Autónoma de Galicia. A súa posición xeográfica é 42° 39’ 04’’ de latitude N e 7° 57’ 01’’ de lonxitude O. Limita ao N cos concellos de Agolada (comarca de Deza) e Antas de Ulla (comarca da Ulloa), ao S cos de Piñor e San Cristovo de Cea (os dous da comarca do Carballiño), ao L cos de Taboada, Chantada e Carballedo (os tres da comarca de Chantada) e ao O cos de Dozón e Lalín (os dous da comarca de Deza). Abrangue unha superficie de 154,9 km 2 , cunha poboación de 3.261 h (2007), distribuídos entre as parroquias de Álceme, Arnego, Camba, Carboentes, Fafián, Guillar, Negrelos, Pedroso, A Portela, Río, Riobó, Rodeiro, O Salto, San Cristovo do Az, San Martiño de Asperelo, San Paio de Senra, San Salvador de Camba, Santa Baia de Camba, Santa Mariña de Pescoso e Vilela. A súa capital é o núcleo de Rodeiro, que está localizado a 95 km da capital provincial e 65 km de Santiago de Compostela. Está adscrito á diocese de Lugo e ao partido xudicial de Lalín.
Xeografía física
O seu relevo está constituído por unha especie de chanzo que descende paulatinamente de SL a NO. A presenza de dúas importantes unidades de relevo, as serras orientais e surorientais e o val do Arnego, danlle unha configuración morfolóxica particular. As áreas montañosas do O e SO, onde se atopan as serras do Faro, Cabezas e Costa das Bagarelas, son aliñacións que pertencen á Dorsal Occidental Galega que, neste concello, cambia a dirección N-S, que serve de límite natural coa provincia de Lugo, pola O-L, que tamén exerce como fronteira con Ourense. Cara ao S atópanse o monte Pena de Francia (914 m) e o couto Salgueiro (1.072 m) que, xunto co monte Faro (1.181 m), son as elevacións máis importantes. Cara ao N e NO aséntase o val de Camba, unha ampla depresión regada polo río Arnego, tributario do Deza. Trátase dun amplo espazo de topografía ondulada, cunha altitude que non supera os 600 m. A área de transición é unha área de chanzo topográfico, de altitude variable (600-900 m), con pendentes suaves, máis pronunciadas canto máis se achegan á montaña. En canto ao clima, atópase nunha área de transición entre o dominio oceánico costeiro e o de matiz continental. O afastamento do océano e a súa posición de pé de monte fan que os valores térmicos medios se extremen. As temperaturas sitúanse en 11°C de media, con invernos de 5-6°C e veráns que non chegan a superar os 18°C. A presenza de xeadas no inverno é considerable, mentres que a neve, a pesar de non ser abondosa, adoita aparecer na montaña. As precipitacións son elevadas (1.500 mm), de forma especial na montaña, que fai de barreira ante as masas húmidas que proceden do O. Os principais cursos fluviais son o Arnego, afluente do Deza, e algúns tributarios do primeiro como o río Pequeno e o río Rodeiro. A vexetación de frondosas, como os carballos ou o castiñeiros, nas zonas máis altas e frías, os bidueiros nos vales fluviais, as sobreiras, os rebolos e os loureiros, foi substituída en parte por especies de repoboación. Nas áreas máis elevadas o bosque deixa paso á matogueira, onde predominan xestas e toxos.
Xeografía humana
Demograficamente sufriu un considerable e progresivo descenso. En 1900 contaba con 7.066 h, que medraron ata os 8.593 h de 1940, data a partir da que o declive foi imparable (6.014 h en 1960; 4.700 h en 1981, 4.578 h en 1996, 4.229 h en 2001 e 3.261 h en 2007). As causas deste descenso débense ao éxodo rural que sufriu o concello e a incapacidade da capital de absorber o exceso de poboación, que fixeron que a maior parte dos emigrantes se dirixisen cara a outras áreas urbanas ou á veciña vila de Lalín. En 2006 o saldo vexetativo foi negativo (-10,4‰) froito dunha baixa natalidade (4,7‰) e unha alta mortalidade (15,1‰). Os maiores de 65 anos representan o 34,4% da poboación fronte ao 12,3% dos menores de 20 anos; o grupo intermedio representa o 53,3%. Por sexcos a composición está equilibrada: 50,84% de homes e 49,15% de mulleres. A distribución da poboación é bastante desigual con contrastes entre as áreas de montaña, máis despoboadas, e as de val, onde residen a maior parte dos efectivos. As entidades de poboación concéntranse nos espazos onde os cultivos e os pastizais teñen un mellor arraigamento. A entidade máis grande é a capital, Rodeiro.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Rodeiro é do 47,7% (56% a masculina e 39,2% a feminina); a taxa de ocupación é do 43,8% (51,3% a masculina e 36,1% a feminina) e a taxa de paro é do 8,1% (8,3% a masculina e 7,9% a feminina). A súa estrutura socioprofesional mostra un concello que xira arredor das actividades agropecuarias, especialmente a gandaría bovina e a explotación forestal. O sector primario, polo tanto, ocupa ao 52,7% da poboación activa, mentres do resto de sectores, os servizos teñen certo peso relativo e en aumento (28,9%) concentrándose na capital municipal. A industria, co 9,8%, e a construción, co 8,6% dos activos, teñen pouca representación. A gandaría destaca como o principal subsector xerador de riqueza en Rodeiro, e as explotacións de bovino presentan un tamaño medio considerable. A gandaría de aptitude láctea desenvólvese nas áreas de menor altitude, onde os pastos son máis abondosos, mentres que as de aptitude cárnica predominan nos espazos máis elevados. A agricultura está orientada cara ás necesidades do sector gandeiro, polo que destacan os cultivos de pastos, millo e forraxes. A explotación forestal tamén se desenvolveu en Rodeiro, dada a considerable masa forestal que existe, que serve para abastecer de madeira a pequena industria local. O sector secundario apenas ten relevancia, só destaca algún pequeno serradoiro, empresas de transformación agropecuaria, e canteiras de extracción de áridos. A maior parte dos activos deste sector desprázanse diariamente á veciña vila de Lalín, onde a actividade industrial está moi desenvolvida. Nos servizos destacan os transportes, as comunicacións e o comercio local. As principais vías de comunicación do concello son a vía rápida CRG-22 e a estrada local PO -212 (Agolada-Rodeiro).
Historia
Os restos máis antigos de poboamento datan de época megalítica, da que se conservan mámoas en Álceme, Rodeiro e Pedroso. Ademais encontráronse restos como unha machada pulimentada e, xa de época castrexa, documéntanse varios castros, dos que destacan o de Casasoa (Río) e o conxunto castrexo da Devesa (Rodeiro). A vila romana descuberta en Porta de Arcos (Faifán) testemuña a presenza romana. Durante o medievo o matrimonio entre Alonso Deza e Maior Vázquez de Rodeiro deu lugar á orixe da familia dos Churruchaos, que tiñan casa solariega en Rodeiro. Esta familia enfrontouse cos arcebispos composteláns e cos irmandiños que, finalmente, destruíron a súa fortaleza. Durante o Antigo Réxime as parroquias que integran o concello de Rodeiro pertenceron ás xurisdicións de Camba, señorío do arcebispo de Santiago de Compostela con algunha parroquia compartida co mosteiro de Oseira e cun señor laico; e Salto, señorío do mosteiro de Oseira. A proclamación da Constitución de 1812 supuxo a abolición do réxime señorial e a súa substitución por unha administración municipal do territorio. Daquela produciuse a creación dos concellos de Guillar, Rodeiro, Carboentes e Camba. En 1823 o Rei Fernando VII derrogou a constitución, feito que supuxo a supresión destes concellos e a restauración do réxime señorial. A definitiva recuperación do municipalismo produciuse en 1835 coa formación do concello de Rodeiro.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados, destacan as igrexas románicas de San Martiño de Asperelo, Santo Estevo de Carboentes, San Xiao de Pedroso, Santa Mariña de Pescoso e San Vicente de Rodeiro, e as barrocas de San Cristovo do Az e Santa María de Guillar. Na arquitectura civil destacan o pazo de Trasulfe e o pazo de Camba, ambos os dous do s XV, as casas reitorais de Couto, do s XVIII, e de Guillar, de mediados do s XVIII, as casas do Coxo e da Guerra do Arco e a torre de Santa María en Guillar, declarada BIC en 1995. Do seu patrimonio natural destaca o espazo do Monte Faro, declarado Lugar de Importancia Comunitaria dentro da Rede Natura 2000. Entre as festas que teñen lugar no concello destaca a de San Vicente na capital municipal en xaneiro.

Datos de poboación (2007)

Provincia PONTEVEDRA
Comarca Deza
Extensión 154 Km2
Poboación Total 3261 h
Poboación Homes 1658 h
Poboación Mulleres 1603 h
Densidade de poboación 21.18 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias