1 rodio
(
Elemento químico de número atómico 45 e peso atómico 102,9055, que pertence ao grupo VIIIB da táboa periódica. É un dos metais da segunda serie de transición, e forma parte do grupo do platino. Foi descuberto por W. H. Wollaston en 1803, e illado por el mesmo e S. Tennant en 1804. É un elemento raro, que constitúe un 10-7 % da codia terrestre e aparece na natureza en forma nativa asociado cos depósitos de platino. É un elemento monoisotópico, pouco reactivo, que é atacado lentamente polos ácidos sulfúrico e bromhídrico quentes, e disólvese rapidamente en auga rexia. Emprégase na preparación de aliaxes de platino, na fabricación de útiles destinados ao traballo a temperaturas elevadas, como termopares e resistencias de calefacción para fornos eléctricos, como contacto eléctrico, en xoiaría e como catalizador nalgúns procesos sintéticos de oxidación e hidroxenación.