Rodríguez

Rodríguez
  1. [ONOM]

    Apelido de orixe patronímica, moi frecuente en toda a Península e o máis estendido en Galicia. Procede do nome persoal de orixe xermánica Rodrigo + o sufixo patronímico -ez (‘fillo de Rodrigo’).

  2. [HIST/HERÁLD]

    Liñaxe que en Galicia tivo a súa orixe nos concellos de Bóveda, Castro Caldelas, Maceda, Monterrei, Ribadeo e Xinzo de Limia. Trae como armas, en campo de goles, catro paus de ouro; bordo cosido de goles, cargado de oito aspas de ouro. Outro trae, en campo de goles, unha aspa de ouro, cantonada de catro flores de lis de prata, unha en cada oco. Outro trae, escudo cuarteado en cruz: 1 e 4, de goles, con catro paus de prata; 2 e 3, a xadrezado de ouro e azul, de doce pezas (3x4). Outro, de goles, tres cunchas de vieira, de prata, colocadas en faixa. Outro, de ouro, con cinco barras de goles; brochante en punta unha cuncha de vieira de prata. Outro, de ouro, con catro paus de goles; bordo de goles cargado de oito aspas de ouro. Outro, de azul, cunha torre de prata; bordo de sinople cargado de oito panelas de ouro. Outro, de prata, con tres bandas de goles; bordo de sinople cargado de oito panelas de ouro.