Rois

Rois


Concello da comarca do Sar, situado no SO da provincia da Coruña e no O da Comunidade Autónoma de Galicia. Limita ao N con Brión (comarca de Santiago), ao S con Dodro (comarca do Sar), ao L con Padrón (comarca do Sar) e Teo (comarca de Santiago) e ao O con Lousame (comarca de Noia) e Rianxo (comarca de Barbanza). Abrangue unha superficie de 92,8 km 2 cunha poboación de 5.034 h (2007), distribuída nas parroquias de Augasantas, Buxán, Costa, Ermedelo, Herbogo, Leroño, Oín, Ribasar, Rois, Seira, Sorribas e Urdilde. A súa capital é o lugar dos Dices, situado na parroquia de Rois, a 42° 45’ 47’’ de latitude N e 8° 41’ 25’’ de lonxitude O, distante 87 km da Coruña e 24 km de Santiago de Compostela. Está adscrito á arquidiocese de Santiago, á provincia da Coruña e ao partido xudicial de Padrón.
Xeografía física
Rois é un concello que se sitúa entre a Depresión Meridiana e as superficies de erosión que inician os contrafortes da serra do Barbanza. A parte oriental do concello está dominada por unha chaira que se corresponde coa Depresión Meridiana, con alturas inferiores aos 100 m, mentres que o resto do concello está rodeado de montes. No sector occidental, destacan os restos das distintas superficies de erosión, que quedaron como residuos tras a oroxenia alpina, situadas sobre os 300-400 m. Nos extremos NO e SO é onde se sitúan as maiores altitudes do concello (Ricovo, 576 m e O Pedregal, 609 m). No centro do concello e, entre estas dúas unidades, ábrese o val do Liñares, que ocupa unha fractura incidida polo río homónimo. O substrato xeolóxico imperante é o granito, aínda que na Depresión Meridiana dominan os materiais aluviais cuaternarios. O clima do concello está dentro do dominio oceánico hiperhúmido, con temperaturas ao redor dos 12-13°C, especialmente nas áreas máis baixas. Os invernos son suaves (7°C) e os veráns frescos (18-19°C). As precipitacións son moi elevadas, debido ao efecto pantalla que exercen as superficies de erosión do occidente, con valores ao redor dos 2.000 mm. A apertura da Dorsal Meridiana ao mar facilita a entrada das masas húmidas, que acadan neste sector uns 1.500 mm anuais. O principal río é o Sar que, ademais de atravesar a parroquia de Ribasar, fai de liña divisoria durante un treito co concello de Padrón. A el van todas as augas do concello, agás as de parte das parroquias de Augasantas, Ermedelo e Urdilde. O principal afluente que recibe nesta zona é o Rois, que nace no monte do Pedregal, en Buxán. Séguelle o Valeirón, que ten orixe preto do lugar de Agrafoxo.
Xeografía humana
Rois mantivo a súa poboación practicamente estable ao longo de todo o s XX, cun tímido crecemento entre 1930 e 1950, data na que obtivo o seu máximo demográfico con 6.282 h. En 2001 acadou o menor numero de habitantes desde os primeiros censos (6.003 h en 1960; 5.715 h en 1970, 5.356 h en 1996, 5.117 h en 2001 e 5.034 h en 2007) debido a que a poboación se trasladou maioritariamente a Santiago de Compostela. En 2006 o crecemento natural foi negativo (-6,9‰) froito dunha baixa natalidade (6,7‰) e unha elevada mortalidade (13,6‰). Os maiores de 65 anos son o 24,5% da poboación fronte ao 14,8% dos menores de 20 anos; o grupo intermedio representa o 60,6%. Por sexos dominan as mulleres: 52,60% fronte ao 47,39% de homes. A poboación distribúese en pequenas aldeas, aínda que destacan dous pequenos núcleos, Os Dices, a capital, e Urdilde. Este último está a captar certos movementos centrífugos de poboación xurdidos da cidade de Santiago de Compostela.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Rois é do 47% (60,7% a masculina e 34,8% a feminina); a taxa de ocupación é do 43,7% (56,8% a masculina e 32,1% a feminina); e a taxa de paro é do 7% (6,5% a masculina e 7,7% a feminina). Rois aínda segue a ser un concello maioritariamente rural e agrario, aínda que o terciario e o secundario están a medrar favorecidos pola proximidade de Santiago de Compostela ou de vilas como Padrón ou Noia. O sector primario ocupa o 23,2% da poboación activa, a industria o 22,1%, a construción o 18,1% e os servizos o 36,6%. As actividades agropecuarias teñen un peso específico considerable. Os pastos e os cultivos forraxeiros son os dominantes no sistema produtivo agrario, orientados todos eles cara a unha gandaría bovina cunha produción láctea. A maior parte destas granxas abastecen a cooperativa Feiraco, situada na veciña vila de Negreira. O secundario está encabezado polo sector industrial pola vecindade da vila de Padrón e da cidade de Santiago de Compostela, ás que acoden diariamente moitos habitantes do concello. Dentro do territorio municipal destacan as empresas de transformación metálica e as de construción. Co sector servizos sucede o mesmo, aínda que nos Dices se localizan os equipamentos básicos (sanidade, educación, administración) e en Urdilde certa actividade comercial e hostaleira. A principal vía de comunicación é a estrada local Padrón-Urdilde AC-301 e a AC-543 (Santiago de Compostela-Noia).
Historia
Os restos arqueolóxicos máis antigos datan de época megalítica, da que se atopou un torque de ouro nun enterramento da parroquia de Oín e un conxunto de mámoas no alto de Martelo e na aldea do Codeso, na parroquia de Ermedelo, aínda que desapareceron tras unhas obras de ampliación da estrada. Ademais en Caraveles (Urdilde) encontrouse unha pequena figura prerromana. Todas estas terras foron poboadas polos amaeos ou amaacos, que deron lugar ao nome de Amaía, comarca natural que engloba aos concellos de Brión, Ames e Rois. Estes pobos vivían en castros coma o de Francos, situado na converxencia dos termos municipais de Rois, Teo e Brión. Durante a Idade Media, a situación do concello entre Santiago de Compostela e Padrón, fixo que a súa historia estivese rexida, polo menos desde o s IX, pola mitra compostelá. En 924, o Rei Froila II cedeu o territorio do concello á Igrexa de Santiago de Compostela, á que estivo unida ata 1811. En Ribasar instalouse en 1714 a primeira fábrica de papel de Galicia, primeiro para envoltura de tabaco, e logo para escritura. Ademais desta parroquia eran orixinarios parte dos gardacostas que acompañaban ao rei a Castela. No Antigo Réxime as parroquias que integran o concello de Rois pertenceron á xurisdición de Quintá, señorío do arcebispo de Santiago de Compostela. A proclamación da Constitución de 1812 supuxo a abolición do réxime señorial e a súa substitución por unha administración municipal do territorio. Creáronse os concellos de Rois ou Erbogo, Sorribas e Aguas Santas. En 1823 o Rei Fernando VII derrogou a constitución, feito que supuxo a supresión destes concellos e a restauración do réxime señorial. A definitiva recuperación do municipalismo produciuse en 1835 coa formación do concello de Rois.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados, destacan as igrexas parroquiais, como a de Santa María de Leroño, que conserva a nave románica do s XII, e a de San Miguel de Costa, tamén románica. De estilo barroco son as igrexas parroquiais de San Pedro de Herbogo, San Vicente de Augasantas, San Mamede de Rois, San Tomé de Sorribas ou Santa María de Urdilde, todas elas do s XVIII. Sobresaen tamén o pazo de Antequeira, construído por un cabaleiro da orde de Santiago, en estilo barroco no XVIII, con planta en U e dous corpos rectangulares protexendo a fachada; e o pazo do Faramello (s XVIII), no que se instalou a fábrica de papel. O patrimonio natural está representado polo espazo natural do sistema fluvial Ulla-Deza, declarado Lugar de Importancia Comunitaria dentro do Rede Natura 2000. Entre as festas que se celebran no concello, ademais das patronais, destaca a de santo Isidro, que se celebra o 15 de maio en Rois.

Datos de poboación (2007)

Provincia A CORUÑA
Comarca Sar, O
Extensión 92 Km2
Poboación Total 5034 h
Poboación Homes 2386 h
Poboación Mulleres 2648 h
Densidade de poboación 54.72 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias