romanés -sa
(< topónimo Romanía)
-
adx
Relativo ou pertencente a Romanía, aos seus habitantes ou á súa lingua.
-
s
Natural ou habitante de Romanía.
-
s
m
[LING]
Lingua románica do grupo balcanorrománico do phylum indoeuropeo, falada en Romanía, Moldavia e, en diferentes graos, en todos os países da Península Balcánica. Distínguense catro variedades dialectais: o dacorromanés, que se fala en Romanía e nalgunhas zonas fronteirizas dos países veciños; o macedorromanés ou arromanés, que se fala en Grecia, Albania e Bulgaria; o meglenorromanés ou meglenítico, ao N do golfo de Salónica; e o istrorromanés, en Istria; tamén se engade o dálmata, xa extinguido (s XIX). O dacorromanés divídese en dous subdialectos: o moldavo e o valaco. A lingua literaria romanesa fundaméntase en ambos os dous, pero especialmente no segundo. As diferenzas que existen entre estas catro variedades dialectais son tan grandes que a comprensión entre os seus falantes é difícil: o grego influíu profundamente no macedorromanés, o búlgaro no meglenorromanés, o croata no istrorromanés e o eslavo no dacorromanés (ademais dos préstamos húngaros e alemáns que faltan no resto das variedades). A pesar do illamento xeográfico e as numerosas influencias estranxeiras, o romanés conserva claramente a súa esencia latina: a súa fonética e a súa fonoloxía son, con poucas excepcións, de orixe latina, e a súa estrutura gramatical é case enteiramente latina. Entre os trazos característicos do romanés están no sector da fonética histórica, o rotacismo do -L- intervocálico latino (-L- > -r-: GULA > gurǎ ‘boca’, MOLA > moarǎ ‘muíño’, SALE > sare ‘sal’); a labialización das velares latinas seguidas de UA (QUA > pa, GUA > ba: QUATTUOR > patru ‘catro’); o tratamento dos grupos consonánticos latinos KT, GN (LUCTA > lupta ‘loita’, OCTO > opt ‘oito’, SIGNU > semn ‘sinal’, LIGNU > lemn ‘madeira, leña’); a conservación de Ŭ e Ō latinos (HŌRA > oarǎ, BŬCCA > bucǎ); e a conservación das consoantes oclusivas xordas en posición intervocálica (RIPA > rîpǎ). No sistema vocálico presenta dous fonemas estraños ás demais linguas románicas: as vogis ǎ e î. No campo da morfosintaxe os trazos máis destacables son a persistencia (parcial) da declinación latina (por exemplo, nominativo casa ‘casa’, xenitivo e dativo case < CASAE; nominativo cumnat ‘cuñado’, vocativo cumnate); a existencia dun vocativo feminino en -o (por exemplo, nominativo Maria, vocativo Mario), préstamo do eslavo; a posposición do artigo determinado que se aglutina co substantivo: masculino -ul/-l, femenino -a, neutro -ul/-l, aínda que tamén existe a forma masculina -le (frate ‘irmán’, fratele ‘o irmán’ < FRATER ILLE); a formación do futuro cun auxiliar que significa ‘querer’ (eu voui veni ‘eu virei’); e a substitución do infinitivo polo subxuntivo (dornic są cunoascą ‘desexoso de coñecer’). Cómpre precisar que algúns dos trazos comentados (a posposición do artigo, o futuro co auxiliar ‘querer’ e a substitución do infinitivo polo subxuntivo) son propios tamén doutras linguas balcánicas, non románicas (constitúen características da denominada “área lingüística balcánica”). Para escribir en romanés usouse o alfabeto cirílico ata o s XIX e séguese a usar en Moldavia, pero en Romanía adoptouse o alfabeto latino, aínda que se empregan diacríticos para sons especificamente romaneses. O primeiro documento escrito enteiramente en romanés que se conserva é de 1521, que aínda contén algunhas palabras en eslavo e está redactado en alfabeto cirílico. Os primeiros textos literarios escritos enteiramente en romanés que se conservan son libros de carácter relixioso non anteriores á primeira metade do s XVI.
-
arte romanesa
[ARTE]
Arte desenvolvida nos territorios da actual Romanía. Recolle a arte dos antigos principados de Valaquia, de Moldavia e de Transilvania. Á parte dos vestixios prehistóricos e os de tradición grecorromana, destaca como característica da arte popular o traballo sobre madeira. As creacións artísticas presentan diferenzas entre Transilvania, máis influída por Occidente, e Valaquia e Moldavia, dentro da órbita da Igrexa Ortodoxa de Constantinopla. En Transilvania, ao lado de igrexas onde se mesturan elementos bizantinos e occidentais (Denşus, Strei-Sîngeorgiu, do s XIII), construíuse en estilo románico tardío (Alba Iulia), gótico (igrexa negra de Braşov) e renacentista (Bistriţa). O Renacemento empregouse en obras civís (Gherla, Criş), mentres que o barroco austríaco empregouse en obras civís e militares (Timişoara, Oradea, Cluj, Silbiu). En Valaquia adoptouse o estilo bizantino (igrexa de Curtea de Argeş, mosteiro de Cozia, s XIV), pero despois formouse un estilo propio (ss XVII-XVIII). Da segunda metade do s XVII son algunhas construcións suntuosas (palacios de Hierąştî, mosteiro de Hurez). En Moldavia, xa no s XIV, combinouse a estrutura bizantina con elementos góticos (Sfînt Nicolae en Rădăuti), pero a síntese fíxose no s XV, cando apareceron as bóvedas e tellados de estilo moldavo (Neamţ, Piatra Neamţ, Pătrăuti, Voronet). A pintura mural, de iconas ou de miniatura (Gavril Uric) dependía de Bizancio, pero o s XVI aportou a súa orixinalidade na pintura mural: os exteriores de diversas igrexas monásticas (Humor, Arbore, Moldoviţa, Suceviţa, Voronet), recubríronse de frescos, de acordo con cánones bizantinos. No s XVII a pintura cedeu un lugar, na ornamentación exterior, a unha decoración en pedra a maneira de bordados (igrexa dos Tres Xerarcas de Iaşi). O s XVIII foi de decadencia, pero no s XIX iniciouse un renacemento, no que destacan en pintura Theodor Aman (1831-1891), Nicolae Grigoresco (1838-1907), Nicolae N. Tonitza (1886-1940), Francisc Sirato (1877-1953), Nicolae Dărăşcu (1883-1953) e Dumitru Ghiaţă (1888-1972). En escultura, a comezos do s XX, sobresaíron Dimitrie Paciurea (1873-1932), Constantin Brăncuşi (1857-1957), Ion Jalea (1887-?) ou Georghe Anghel (1904-1966). En arquitectura destacan Ion Mincu (1873-1965), Horia Creangă (1892-1943) e Duiliu Marcu (1885-1965). O realismo socialista foi seguido por moitos arquitectos.
-
cine romanés
[IMAX]
Cine desenvolvido en Romanía. A primeira representación cinematográfica tivo lugar o 27 de maio de 1896, aínda que o cine deste país tivo nos seus inicios moi pouco apoio por parte do estado. En 1912 realizouse a primeira longametraxe: Rǎzboiul Independentei (A guerra da independencia, 1877-1878), dos irmáns Brezeanu. Destaca, tamén, o filme Manasse (1925) de J. Mihail. En 1948 iniciouse unha nova etapa a raíz da nacionalización da industria cinematográfica. Creáronse uns estudios que ofreceron, ademais da realización, a produción de filmes dunha ampla temática que vai desde a folclórica-popular ata a de temática científica. Utilizando como fonte de inspiración o pasado histórico, a loita do pobo romanés pola súa independencia e a adaptación de obras literarias, xurdiu unha nova etapa en que destacan os filmes În sat la noi (O pobo, a nosa casa, 1951) de J. Georgescu e V. Iliu; Eruptie (Erupción, 1958) de L. Ciulei; Lupeni 29 (1962) de M. Dragan; Pǎdurea spînzuratilor (O bosque dos aforcados, 1964) de L. Ciulei; Tudor (1964) de L. Batru; Rǎscoalǎ (Revolta, 1966) de M. Muresan; e Reconstituirea (A reconstitución, 1969) de L. Pintilie. O Primeiro Congreso de Cineastas (1990) confrontou o cine de dúas xeracións de realizadores. Os últimos cineastas en activo baixo o réxime de Ceauşescu afrontaron a caída do antigo réxime loitando pola autonomía creativa. Dos filmes da nova etapa destacan Adán e Eva (1990) de M. Danieluc, e Unde la soare e frig (Baixo o sol e o frío, 1991) de B. Dumitrscu.
-
literatura romanesa
[LIT]
Literatura cultivada en romanés. As primeiras obras, dos ss XV e XVI, foron relixiosas. No s XVII e comezos do XVIII apareceron obras profanas, en que destacaron unha serie de brillantes cronistas, como o humanista D. Cantemir. Progresivamente, a influencia eslava foi substituída pola influencia grega, a través da que chegou a Romanía o humanismo occidental. O desvelo nacionalista do s XIX produciu a afirmación intelectual da conciencia romanesa, que buscaba a súa fonte literaria nos contos e nos poemas populares. Conseguiron liberarse da submisión ás correntes literarias occidentais os poetas V. Alecsandri e M. Eminescu, o narrador I. Creangǎ e o dramaturgo I. L. Caragiale. A comezos do s XX a literatura romanesa orientouse, dunha banda, cara á exaltación dos valores populares do movemento sǎmǎnǎtorista, onde destacaron os poetas G. Cosbuc, S. Iosif e O. Goga, e narradores como M. Sadoveanu; e, doutra, cara á adhesión ás correntes occidentais, cunha brillante escola de poetas simbolistas e as primeiras novelas importantes, algunhas escritas por L. Rebreanu. Despois da Segunda Guerra Mundial, a literatura romanesa adoptou as doutrinas do realismo socialista, con poetas como T. Arghezi, M. Beniuc, E. Jebeleanu, M. Banus, O. Toma e D. Botez; prosistas como M. Sadoveanu, Camil Petrescu e Cezar Petrescu, coñecidos xa antes da guerra; e, entre os novos, Z. Stancu, E. Camilar e V. E. Galan. En canto aos escritores emigrados, a maioría imitaron as correntes literarias e utilizaron a lingua do país onde habitaban, como M. Eliade e E. Ionesco. Na década de 1960 dividíronse en dúas tendencias, a dos que prefiriron salvagardar a tradición literaria imperante, e a dos que quixeron seguir coas novas tendencias literarias provenientes, sobre todo, da Europa occidental e de EE UU. No campo da poesía destacaron S. Augustin, L. Dimov, M. Ivǎnescu, Stǎnescu e M. Sorescu; dos novelistas M. Preda, A. Ivasiuc e A. Buzura; e no teatro, A. Baranga, P. Everac e I. Omescu. Na década de 1980 houbo certas dificultades para a creación literaria no país, o que provocou o exilio de autores tan significativos como os novelistas P. Goma e P. Dumitriu, mentres que no país algúns poetas como M. Dinescu, I. Malanciouiu ou D. Cornea sufrían prisión polas súas críticas ao réxime. Coa caída do Muro de Berlín e co inicio do novo século, o país abriuse a Europa, cambiou radicalmente a situación e apareceron novas voces literarias de calidade, como o poeta Mircea Cartarescu.
-
música romanesa
[MÚS]
Arte musical cultivada en Romanía. A música popular romanesa é dunha gran riqueza e está constituída por modos, elementos pentatónicos e extensos melismas. Destacan as kolinde ou panxoliñas e as dóinǎ ou cancións pastorais. A música culta comezou a cultivarse no s XVIII. O máis grande representante da música romanesa foi Georges Enescu, formado en París; destacaron tamén Michal Andrico e o pianista Dinu Lipatti (1917-1950). Bucarest, centro operístico desde finais do s XVIII, ten unha vida musical moi activa.