Romanía
Estado do SL de Europa situado entre Bulgaria ao S, o Mar Negro, Ucraína e Moldavia ao L, Ucraína ao N, e Hungría e Serbia e Montenegro ao O (238.391 km2; 21.680.974h [2000]). A súa capital é Bucarest.
Xeografía física
Romanía é o país dos Cárpatos, que a atravesan formando un gran S que culmina no Negoiu a 2.544 m de altitude. Distínguense tres grandes unidades: a montaña carpática, os altiplanos e as chairas. Os Cárpatos están formados por un gran núcleo central cristalino cuberto por formacións volcánicas e sedimentarias de flysch, que estivo intensamente afectado polos movementos tectónicos, polo que presenta numerosas depresións e concas. A zona de altiplanos atópase a ambas as dúas vertentes da cordilleira. Na vertente interna está o altiplano de Transilvania, que ocupa o centro do país e está formado por unha serie de niveis de aplanamento e por unha cubeta sedimentaria que os afluentes do Tisza tallaron en amplos vales. Na vertente externa, ao L do país, está o altiplano de Moldavia, plataforma situada entre os Subcárpatos, o val do Prut e o curso baixo do Siret, que está cuberta de depósitos tallados polos afluentes dos dous ríos. É unha rexión de bosques. As chairas ocupan o O, o S e o SL e corresponden ao Tisza e ao Danubio. Unha rexión singular é o delta do Danubio, que forma unha paisaxe natural que se caracteriza pola presenza de cordóns fluviais e litorais cubertos de dunas e que constitúe unha rexión de gran riqueza de flora e fauna única en Europa, onde destacan os bosques. A continentalidade do clima determina o rigor dos seus invernos que, a excepción do sector litoral do Mar Negro, ten unhas temperaturas moi baixas. As choivas, excepto nas zonas altas, son relativamente escasas. A rede hidrográfica forma parte da conca do Danubio, río que forma ao mesmo tempo a súa fronteira meridional.
Xeografía económica
Sectores de actividade
Ata a Segunda Guerra Mundial, Romanía era un país predominantemente agrícola e, a pesar dos esforzos para desenvolver a industria e mecanizar o campo durante a etapa socialista (1945-1989), o sector primario aínda ocupa ao 43% da poboación activa. Os principais cultivos son o millo, o trigo, as patacas, a remolacha, a cebada e a uva, coa que se produce unha estimable cantidade de viño. Ademais, hai outros cultivos alimentarios tradicionais como os legumes e as hortalizas e outros, parcialmente novos, como a froita, especialmente mazás, coas que se elabora a zuica, licor nacional. A gandaría é importante, destaca a de la, seguida da porcina e a bovina. A avicultura tamén ten unha relevancia considerable. A explotación forestal é destacable, especialmente faiais e bosques de abetos. A pesca ten importancia no Océano Atlántico, seguida da fluvial, mentres que a dos mares Mediterráneo e Negro case é inexistente. Destaca a industria mineral, sobre todo, de gas natural e petróleo. Así e todo, as producións son insuficientes para satisfacer as necesidades enerxéticas do país. As reservas de petróleo do interior atópanse nun estado próximo ao esgotamento, aínda que hai diversas plataformas na costa do Mar Negro. A explotación do gas natural atópase sobre todo en Transilvania. A abundancia das reservas de carbón converteu este mineral na principal fonte de enerxía do país. A produción de electricidade é fortemente deficitaria e procede de térmicas de carbón, de hidrocarburos, hidroeléctricas e xeotérmicas. O sector secundario ocupa ao 26% da poboación activa, pero está en declive. É importante a produción de aceiro, fertilizantes, ácido sulfúrico, derivados do petróleo, caucho, aluminio e aliaxes, motores, maquinaria (tractores e ferrocarrís) e electrodomésticos (televisións). No sector alimentario destacan o azucre, a cervexa e o viño. Polo que se refire ao transporte, a rede de estradas ten 73.260 km dos que 114 km son de autoestradas (1999). O primeiro porto do Mar Negro é o de Constanţa. Ten 1.613 km de vías navegables internas das que destaca o Danubio, aberto á navegación internacional por diversas canles. Hai aeroportos internacionais en Bucarest, Timişoara, Constanţa e Arad.
Economía
A balanza comercial é claramente deficitaria. As principais importacións son os carburantes e os combustibles, o equipamento industrial e de transportes, os produtos químicos, os fertilizantes, as materias primas e os artigos alimentarios. Polo que respecta ás exportacións, predominan as materias primas, o equipamento de transporte e os produtos químicos. Rusia é o principal cliente e provedor, seguido de Alemaña, Italia e Arabia Saudí como subministrador de petróleo. O turismo é o servizo máis importante. Estado comunista desde 1945 a 1989, os planos quinquenais, comezados en 1951, consolidaron unha economía fundamentada na industria pesada e posteriormente na industria química. A industrialización forzada comportou deficiencias que comprometían a viabilidade do conxunto da economía. Ao caer Nicolaie Ceauşescu (1989), a economía derrubouse e as exportacións diminuíron. O novo goberno emprendeu unha reforma, baseada na depreciación da moeda e as privatizacións de empresas de propiedade estatal, para a introdución do sistema de libre mercado co soporte de institucións como o FMI ou o BERD. En 1990 foi establecida unha Axencia Nacional para a Privatización e, nos primeiros anos da década de 1990, a situación romanesa estivo marcada pola forte inflación, o deterioro das condicións de vida e o conseguinte malestar da poboación. A finais da década de 1990, Romanía non acadou a instauración dunha economía de mercado. A comenzos da de 2000 as perpectivas económicas non melloraron e rexistrou escasos progresos no crecemento económico.
Xeografía humana
A dinámica demográfica de Romanía estivo marcada polo crecemento natural. Ata 1955 o índice de natalidade era dos máis altos de Europa. A partir desta data sufriu un importante descenso ata chegar a unha taxa de natalidade do 10,5‰ en 2000, mentres que a mortalidade foi do 11,64‰. A distribución da poboación manifesta o contraste entre as rexións industrializadas e as rurais, aínda que a diferenza non é excesiva. A poboación urbana tivo un forte crecemento e en 2000 representaba o 56,2%; o principal núcleo de poboación é a capital, que concentra a case 2 millóns de persoas, seguida a moita distancia de cidades como Constanţa, Timişoara, Galaţi e Iaşi.
Sociedade e goberno
Diversidade étnica e cultural
O maior grupo étnico é o dos romaneses, que representa un 89,5% da poboación. Outros grupos destacados son os maxiares (7,1%), os xitanos (1,7%), os alemáns (0,5%), os ucraínos (0,3%), os rusos (0,2%) e os turcos (0,1%). A maioría da poboación é ortodoxa (86,8%), mais tamén hai católicos (5,1%) e doutras relixións (8,1%). A lingua oficial é o romanés, pero tamén hai dous núcleos lingüísticos, minoritarios pero importantes: o húngaro e o alemán. A escola é obrigatoria e gratuíta desde os 7 aos 14 anos, e a maioría da poboación continúa os seus estudos a partir dos 16 anos. Conta con 7 universidades e 4 universidades politécnicas.
Desenvolvemento humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano sitúa a Romanía entre os países cun desenvolvemento humano medio (ocupa o 69° posto cun índice do 0,778). Este indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida ao nacer é de 67 anos para os homes e de 74 anos para as mulleres; o índice de alfabetización de adultos é do 97,3% da poboación; o índice bruto de escolaridade é do 68%; e o PNB real por habitante é de 6.560 $ EE UU.
Goberno e política
República popular desde o 30 de decembro de 1947, estivo baixo o réxime ditatorial de Nicolaie Ceauseşcu desde 1965 ata a revolta popular de 1989. Segundo a Constitución do 8 de decembro de 1991, reformada en 2003, o poder lexislativo reside no Parlamentul României, estrutura bicameral que está formada pola Camera Deputaţilor e o Senat, cuxos membros se elixen entre 42 circunscricións electorias mediante sufraxio universal, directo e proporcional. A Camera Deputaţilor está formada por 345 deputados e o Senat por 140 senadores, en ambos os dous casos son elixidos para un período de catro anos aínda que o número dos membros do Parlamentul României pode variar en proporción da poboación. O poder executivo é exercido polo presidente durante catro anos, con dereito só a unha reelección. O sistema xudicial baséase no dereito europeo continental, con influencia da doutrina xurídica marxista, e conta cunha Corte Suprema de Xusticia e co Curtea Consţitucionalĕ Românei. Non está en vigor a pena de morte. As principias forzas políticas son: o Partidul Social Democrat Român (PSDR), o Partidul Umanist din România (PUR), o xenófobo Partidul România Mare (PRM), o socialdemócrata Partidul Democrat (PD), o liberal Partidul Naţional Liberal (PNL) e a minoría húngara Uniunea Democratica Maghiara din România/Romániai Magyar Demokrata Szövetseg (UDMR). Forma parte das seguintes organizacións internacionais: CEFTA, Consello de Europa, EBRD, ONU, OSCE, OTAN e membro asociado á UE.
Historia
As orixes
O territorio romanés conserva moitos vestixios arqueolóxicos do Paleolítico e do Neolítico. Entre finais do III milenio a C e comezos do II produciuse a expansión de pobos indoeuropeos (tribos tráceas) que se instalaron no espazo carpato-balcánico. Na súa cultura material e espiritual, estes pobos asimilaron influencias escitas, gregas e celtas. Baixo o reinado de Burebista (s I a C) establecéronse as bases do estado escravista dacio, pero foi con Decébalo (87-106) cando o estado dacio alcanzou o apoxeo. Os intentos do Imperio Romano por establecer unha fronteira no Baixo Danubio provocaron frecuentes conflitos entre dacios e romanos, que desembocaron nas guerras do Emperador Traxano contra Dacia e na transformación desta en provincia romana (106-271). A romanización dos dacios e a constitución dunha poboación dacio-romana foron a base do futuro pobo romanés. Máis tarde quedou baixo a influencia política, económica e cultural do Imperio Bizantino. Durante varios séculos, Dacia foi invadida por sucesivas ondadas de pobos xermánicos e eslavos que foron parcialmente asimilados. Foi neste período cando se formou o pobo romanés e a súa lingua. Desde o s X os habitantes da antiga Dacia aparecen nas fontes históricas co nome de valacos.
O nacemento dos estados romaneses
A evolución histórica do pobo romanés ao longo da Idade Media está marcada pola división en Valaquia, Moldavia e Transilvania. O estado feudal de Valaquia naceu ao S dos Cárpatos a comezos do s XIV coa figura de Basarab I, que se independizou do Rei Carlos I Roberto de Hungría (Vitoria de Posada, 1330). Ao L dos Cárpatos o estado de Moldavia rexeitou, baixo Bogdan I, os reiterados intentos do reino húngaro por instaurar o seu dominio. Mentres, Transilvania continuou ligada a Hungría cunha certa autonomía. Nos ss XIV e XV os estados feudais romaneses loitaron contra as tendencias expansionistas dos reinos húngaro e polaco e, despois de vencer, retomaron unha longa loita contra os otománs para salvagardar a súa independencia. Destacan nesta loita Mircea I de Valaquia, Vlad IV de Valaquia e Estevo III de Moldavia. Pero a crecente forza do Imperio Otomán derrotou a Hungría na Primeira Batalla de Mohács e obrigou os tres países romaneses a aceptar a soberanía turca, aínda que conservaron certa independencia. No s XVI Transilvania converteuse en principado autónomo (1541) e, pouco despois, o príncipe Miguel II de Valaquia conseguiu por primeira vez a unión política de Valaquia, Moldavia e Transilvania (1600).
O sometemento dos estados romaneses
O Tratado de Karlowitz (1699) converteu a Transilvania en provincia do imperio dos Habsburgo e someteuna a unha forte presión maxiar que orixinou revoltas. En Moldavia e en Valaquia, en cambio, a Sublime Porta instaurou o opresivo réxime dos fanariotas que, a pesar de ser fieis instrumentos do Imperio Otomán, aplicaron importantes reformas. As frecuentes guerras ruso-austro-turcas dos ss XVIII e XIX utilizaron o territorio romanés como teatro de operacións, o que ocasionou reducións territoriais. No s XIX reavivouse a loita para a emancipación nacional e social dos romaneses (T. Vladimirescu, 1821) e restablecéronse os reinos autóctonos en Valaquia e Moldavia. A vitoria rusa de 1829 sobre os turcos instaurou unha administración militar que elaborou uns “rexementos orgánicos” para Valaquia e Moldavia. A Revolución de 1848 nos países romaneses tivo un carácter democrático-burgués que tendeu á constitución dun estado unitario. Aplacada a revolución, Valaquia e Moldavia foron ocupadas por turcos, rusos e austríacos ata 1856, cando a Paz de París estipulou que fose consultada a poboación sobre a posible unión dos principados. Pero as grandes potencias impuxeron unha constitución híbrida que establecía un príncipe, un goberno e unha asemblea para cada un dos ‘principados unidos de Moldavia e Valaquia’. A unión efectuouse de feito ao escoller nos dous principados un mesmo príncipe, Alexandre Xoán I Cuza (1859).
O nacemento de Romanía
En 1862 a unión quedaba plasmada nunha nova constitución que afirmaba a existencia dun só estado, Romanía, sobre o que o Imperio Otomán mantiña certa soberanía. As reformas liberais do príncipe Cuza levantaron a oposición de terratenentes e burgueses, que o obrigaron a abdicar. Sucedeuno Carlos de Hohenzollern-Sigmaringen, que en 1881 tomou o título de rei (Carlos I). A participación de Romanía na Guerra Ruso-turca (1877-1878) permitiulle proclamar a súa independencia, recoñecida no Congreso de Berlín (1878). Ata a Primeira Guerra Mundial houbo un período de estabilidade que se caracterizou por un desenvolvemento industrial que conservou, porén, a estrutura agrícola. O trazo característico da vida política romanesa consistiu na polarización arredor de dous partidos, o conservador e o liberal, e na súa alternancia de poder. O crecemento numérico da clase obreira deu pé ao nacemento en 1893 do PSDR. A persistencia de vestixios feudais nas relacións agrícolas provocou frecuentes revoltas entre o campesiñado. Durante a Primeira Guerra Mundial, en 1916, uniuse aos aliados e declarou a guerra a Austria-Hungría, e así recuperou Bukovina e Transilvania, tal como o consagraron os tratados internacionais de paz de Saint-Germain-en-Laye (1919) e de Trianon (1920).
Romanía ata a Segunda Guerra Mundial
O primeiro problema que tivo que afrontar o país despois da guerra foi a reconstrución económica. Destaca neste sentido a reforma agraria de 1921 e unha aceleración do proceso industrializador. O movemento revolucionario ampliouse e culminou na folga xeral de 1929. Os primeiros anos do reinado de Carlos II (1930-1940) estiveron marcados pola crise económica mundial e os graves conflitos sociais. A política exterior romanesa orientouse a consolidar a soberanía nacional e a integridade territorial, e con este fin colaborou na creación da Pequena Entente, con Checoslovaquia e Iugoslavia. En febreiro de 1938 o Rei Carlos II impuxo un réxime autoritario e subordinou a economía mundial aos intereses da política de expansión alemá, cedeu Transilvania a Hungría e Besarabia e Bukovina do norte á URSS, o que provocou que tomase o poder o xeneral Ion Antonescu, que obrigou ao Rei Carlos II a abdicar no seu fillo Miguel I de Romanía e instaurou unha ditadura militar. Ata 1941 apoiouse na organización fascista da Garda de Ferro. En xuño de 1941 Antonescu declarou a guerra á URSS para dar apoio ás tropas hitlerianas, ata que en 1944 foi destituído e arrestado. O Rei Miguel I constituíu un goberno de coalición, demandou o armisticio aos aliados e declarou a guerra ao Terceiro Reich. No Armisticio de Moscova (1944), ratificado despois polo Tratado de Paz de París (1947), os territorios quedaron delimitados: Besarabia e Bukovina do norte foron para a URSS, Dobrudja meridional para Bulgaria e Romanía recuperou Transilvania setentrional.
República popular e república socialista
O Partidul Comunist Român (Partido Comunista Romanés, PCR) impuxo un goberno presidido por Petru Groza, que iniciou a reconstrución económica. Vencedor nas eleccións de 1946, prohibiu todos os partidos da oposición, obrigou o Rei Miguel I a abdicar (1947) e proclamou a república popular. A Gran Asemblea Nacional votou a nova constitución (1948) e unha serie de leis para socializar a economía pero as dificultades económicas levaron á substitución de Groza por Gheorghe Gheorghiu-Dej e á adopción dunha nova constitución na que era considerada tamén a autonomía da minoría húngara en Transilvania. Na primavera de 1962 considerouse pechado o proceso de transformación da agricultura, e en 1965 fíxose outra constitución que proclamaba a República Socialista de Romanía. Ese mesmo ano morreu Gheorghiu-Dej e sucedeuno Nicolaie Ceauşescu, que implantou un réxime totalitario e personalista. En política exterior o país separouse da URSS e intentou achegarse a China e aos países occidentais. A industrialización acelerada deu lugar a unha elevadísima débeda exterior que Ceauşescu intentou eliminar a cambio do empeoramento do nivel de vida, o que provocou revoltas e manifestacións. O descontento culminou en 1989, ano en que a revolta popular derrotou a Ceauşescu, que foi executado coa súa muller.
A Romanía poscomunista
Derrocado o réxime comunista, constituíuse a Frontul Salvarii Naţionale (Fronte de Salvación Nacional, FSN) con funcións de goberno provisional presidido por Ion Ilescu, antigo funcionario comunista. Nas primeiras eleccións presidenciais e lexislativas libres (maio de 1990), Ilescu e a FNS obtiveron a vitoria. En decembro de 1991 aprobouse en referendo unha constitución democrática. Puxéronse en práctica diversas medidas para a introdución do libre mercado, pero a deteriorada situación económica, a continua axitación social e as divisións no interior do FNS fixeron caer o primeiro goberno. Nas eleccións de 1992 saíu elixida a Frontul Democraţiei Salvarii Naţionale (Fronte Democrática de Salvación Nacional, FDSL) escisión da FNS encabezada por Ilescu, confirmado como presidente do país, con Nicolae Vacaroiu como primeiro ministro. O FDSL, que en xullo de 1993 cambiou o seu nome polo de Partidul Democraţiei Sociale din România (PDSR), formou un goberno de coalición. As eleccións parlamentarias de 1996 deron a vitoria á Convenţia Democrat ǎ Român ǎ (CDR) encabezada por Emil Constantinescu, como presidente, e Victor Ciorbea como primeiro ministro. O novo goberno de centrodereita aplicou unha política económica marcada pola austeridade e os criterios esixidos polo FMI. No plano internacional, Romanía mantivo relacións tensas con Rusia polo intento de unificación coa antiga república soviética de Moldavia, e tamén con Hungría polo trato discriminatorio á minoría maxiar. Non foi ata a formación do goberno de Constantinescu cando esta minoría entrou no goberno. En 1998 estoupou unha crise política dentro da coalición de goberno e Ciorbea tivo que dimitir. Foi substituído por Radu Vasile, que iniciou un verdadeiro programa de economía de mercado e ante a débil mellora do país destituíuno en 1999 e nomeou a Mugur Isarescu. En 2000 celebráronse eleccións lexislativas e presidenciais nas que os candidatos do PDSR foron nomeados primeiro ministro, Adrian Nastase, e presidente da república, I. Iliescu. Catro anos despois a alianza do Partidul Naţional Liberal (PNL) e do Partidul Democrat (PD) venceron nas eleccións e Traian Basescu foi nomeado presidente e Carin Popescu Tariceanu primeiro ministro. O novo goberno asinou o 25 de abril de 2005 en Luxemburgo o tratado de adhesión á UE que prevee o ingreso o 1 de xaneiro de 2007, aínda que podería atrasarse ata 2008 en caso de que non culmine o proceso de reformas políticas e económicas necesarias para a unión. En xullo de 2005 o Tribunal Constitucional rexeitou como non constitucionais unha serie de leis para reformar a xustiza, consideradas polo goberno necesarias para o ingreso na UE, o que provocou a dimisión de C. Popescu Tariceanu.