romanización

romanización

(< romanizar)

  1. s f

    Acción e efecto de romanizar ou romanizarse.

  2. s f [HIST/LING]

    Proceso histórico de implantación da organización e da cultura de Roma en todo o Imperio Romano. A unidade política foi seguida da unidade cultural, facilitada polo uso do latín. Só Oriente, provisto dunha cultura superior e helenística, mantivo a lingua e a civilización gregas e alí o proceso foi menos intenso. A verdadeira romanización caracterizouse pola latinización e foi propia de Occidente no Mediterráneo. A pesar dun certo bilingüismo, o latín foi a lingua oficial nas provincias occidentais, imposta pola administración, a escola, a xustiza, o exército e o comercio. En moitos lugares, porén, debeu ser a penetración cristiá a que finalizou o proceso de latinización. Deste xeito, a literatura latina deixou de ser axiña unha creación exclusiva de Roma e de Italia. Pero, máis que a literatura escrita, foi o repertorio teatral o procedemento que tivo unha influencia superior na educación das masas. Tamén cumpriron funcións específicas neste proceso a concesión do dereito de cidadanía, a administración da xustiza, as disposicións oficiais, a fundación de cidades e de colonias e o réxime municipal. Máis eficaz foi aínda a xestión dos colonos e dos soldados romanos ou itálicos establecidos nas provincias. Así, dos axentes difusores da nova cultura e da nova orde social, destacan os representantes da administración romana, os membros dos destacamentos militares romanos e os indíxenas recrutados para o exército. A civilización romana constatouse ao mesmo tempo que a romanización no esplendor dunha serie de grandes cidades que chegaron a competir con Roma, como tamén na construción de edificios públicos como termas, teatros, acuedutos, anfiteatros, foros, templos, fortificacións, arcos triunfais, pontes e calzadas. O enorme complexo de vías de comunicación foi un dos factores máis decisivos para a intensificación do comercio e das relacións humanas e foi precisamente nas provincias máis romanizadas onde se formaron a partir dos ss VII-VIII as linguas románicas. Na Península Ibérica o proceso diferiu en intensidade segundo as zonas; de feito, no norte foi menor e produciuse en diferentes momentos, comezando moito antes no leste ca no oeste. Unha primeira fase de conquista militar iniciouse cara ao s III a C e estendeuse ata o s I a C. Posteriormente, procedeuse á asimilación cultural do territorio, sobre todo mediante as colonias fundadas por Caio Xulio César e Augusto e os campamentos militares. Un feito destacado foi a concesión do ius latii por parte do Emperador Vespasiano (9-79) aos cidadáns da Península Ibérica, que culminou coa Constitutio Antoniana de Caracalla que estendeu o dereito de cidadanía romana a todo o Imperio Romano.
    A romanización en Galicia
    A entrada de Gallaecia nos sistemas romanos de organización territorial, social e económica,non supuxo a ruptura inmediata do xeito de vida tradicional prerromano, malia que os indíxenas sufriron unha gradual alteración no seu modo de vida. Así, a partir da segunda metade do s I as comunidades indíxenas de Gallaecia abandonaron paulatinamente os vellos sistemas de organización sociopolítica, os populi, e os grupos aristocráticos integráronse con rapidez nas novas estruturas político-administrativas romanas, co desenvolvemento dos conventos xurídicos Bracarense, Astur e Lucense. A romanización supuxo unha reordenación territorial que provocou transformacións na repartición da poboación indíxena espallada e sen grandes núcleos de poboación. A partir da época flavia produciuse un abandono dos castros por asentamentos nas chairas, e os poboados artelláronse en unidades familiares pechadas, formadas por dúas ou tres vivendas cos seus correspondentes almacéns e un espazo común entre elas. Mentres, constituíronse cidades de novo cuño como Bracara Augusta (Braga), Asturica Augusta (Astorga) e Lucus Augusti (Lugo) para mellorar o dominio político e económico sobre as terras conquistadas. A romanización seguiu un ritmo máis lento no medio rural e, pese á diversificación nos asentamentos e nas formas de explotación da terra co desenvolvemento das villae a partir do s III, conserváronse durante moito tempo as vellas estruturas sociais e a cultura material. Outro factor destacable foi a construción dunha rede viaria que permitiu unir os diversos núcleos de poboación e campamentos militares, intensificou o comercio e favoreceu a introdución da moeda e o establecemento dun sistema de pesos e medidas que favoreceu a explotación económica e o control do territorio. O proceso incidiu tamén na relixión indíxena, que desde o s II comezou a substituír nas cidades o culto aos deuses prerromanos polos latinos, nun fenómeno de asimilación e superposición baseado nas semellanzas de rango ou funcionalidade. Porén, a fraxilidade desta romanización viuse confirmada pola persistencia de santuarios dedicados ás divindades indíxenas nas rexións afastadas dos centros de control romano.

Palabras veciñas

romanista | romanística | romanístico -ca | romanización | romanizador -ra | romanizar | Romano