Rúa, A
Concello da comarca de Valdeorras situado no NL da provincia de Ourense e no SL da Comunidade Autónoma de Galicia. A súa posición xeográfica é 42° 24’ 07’’ de latitude N e 7° 05’ 59’’ de lonxitude O. Limita ao N co concello de Quiroga (comarca de Quiroga) e co de Vilamartín de Valdeorras (comarca de Valdeorras), ao S cos de Petín e Larouco (os dous da comarca de Valdeorras), ao L co de Vilamartín de Valdeorras e ao O co de Quiroga. Abrangue unha superficie de 35,9 km 2 cunha poboación de 4.905 h (2007) distribuída entre as parroquias de Roblido, A Rúa de Valdeorras e San Xulián. A súa capital é a vila da Rúa de Valdeorras, localizada a 101 km da capital provincial. Está adscrito á diocese de Astorga e ao partido xudicial do Barco de Valdeorras.
Xeografía física
Desde o punto de vista xeomorfolóxico, o concello sitúase na depresión tectónica de Valdeorras, na súa parte máis occidental, onde contrasta a zona do val do Sil coa parte montañosa do N, onde se localiza a serra de Cereixido. A tectónica influíu moito na configuración do relevo, debido aos bloques elevados no N, con dirección xeral LNL-OSO, cortados en perpendicular, por outros de dirección N-S. No S domina a fosa tectónica do Sil, que se estreita paulatinamente cara a occidente, no límite coa provincia de Lugo. En canto á litoloxía, os materiais que dominan no espazo montañoso son as lousas e, en menor medida, os granitos, que forman as zonas de resalte. Na depresión, as formacións cuaternarias, compostas por aluvións e materiais brandos que achega o río, son o dominante. As maiores altitudes acádanse no extremo N do concello, no límite con Lugo (Lagoa Grande, 1.242 m e Lagoa Pequena, 1.200 m), que contrasta co val do Sil, cunha altura media de 350 m. A súa situación de val interior, resgardado da entrada directa das borrascas atlánticas, cargadas de humidade, fan que o clima posúa xa matices mediterráneos. Así, a temperatura media anual, duns 14°C, dá lugar a invernos frescos (6-7°C) e veráns calorosos (22-23°C), cunha oscilación térmica bastante marcada (14-15°C). As precipitacións son escasas (600-700 mm) dada a súa condición de val resgardado. As xeadas preséntanse nos meses de inverno, así coma as néboas de inversión térmica. A rede hidrográfica articúlase ao redor do río Sil, que forma o límite S do concello, aínda que tamén destacan outros afluentes deste como o rego de Pincheira ou o rego da Rúa. A vexetación clímax está moi modificada polo home, pero aínda así na zona montañosa aparecen os bosques de cerquiños, e por estar nunha área de transición, atópanse diferentes especies arbustivas mediterráneas calcícolas. No val do Sil, pódese atopar unha vexetación típica da rexión mediterránea, con numerosos exemplares de aciñeiras e sobreiras, mesturadas tamén con outras da rexión eurosiberiana (castiñeiros).
Xeografía humana
O comportamento demográfico da Rúa de Valdeorras é o típico dunha vila do interior cun certo desenvolvemento industrial e terciario. Desde 1900, cunha poboación de 2.411 h, a poboación non parou de crecer, acentuándose a partir de 1950 en que se acadan 4.096 h como consecuencia dun crecemento vexetativo positivo. Desde esa data, A Rúa seguiu crecendo, tanto pola súa consolidación como centro terciario como polo desenvolvemento da minaría, tanto no seu concello como nas áreas limítrofes do Barco de Valdeorras e Quiroga. Desde 1981, data do máximo poboacional (5.712 h), a poboación descendeu como consecuencia da competencia directa como centro urbano que exerce O Barco de Valdeorras, mellor dotado e comunicado. En 2006 o crecemento natural da poboación foi negativo (-7,9‰) froito dunha alta natalidade (6,2‰) e unha elevada mortalidade (14,1‰), síntoma do avellentamento da poboación. Os maiores de 65 anos representan o 26,1% da poboación fronte ao 14,5% dos menores de 20 anos; o grupo intermedio representa o 59,4%. Por sexos dominan as mulleres, 51,31% fronte a 48,66% de homes. A poboación concéntrase na súa maior parte, na capital municipal.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello da Rúa é do 51% (62,9% a masculina e 39,3% a feminina); a taxa de ocupación é do 45,5% (57,9% a masculina e 33,3% a feminina); e a taxa de paro é do 10,8% (7,9% a masculina e 15,3% a feminina). A súa economía está baseada nos sectores secundario e terciario, xa que o primario só emprega ao 3,1% da poboación activa. Este sector primario, está moi especializado no cultivo da vide que, cunha considerable superficie dedicada a este cultivo (353 ha), produce para as adegas e cooperativas locais, baixo a Denominación de Orixe Valdeorras. Na montaña, a gandaría e a explotación da castaña son as actividades máis destacadas. O sector secundario está encabezado tanto pola construción co 16,3% dos activos, como pola minaría da lousa ou a industria propiamente dita, que ocupa ao 22% da poboación activa. As canteiras que existen no concello, xunto coas localizadas no Barco de Valdeorras, Vilamartín de Valdeorras ou Quiroga, empregan a unha boa parte dos habitantes do termo. Así mesmo, tamén ten importancia a produción industrial, centrada nas adegas vitícolas, na transformación da lousa e na produción eléctrica, co encoro de Santiago. O sector servizos é o máis destacado, xa que xera máis da metade dos empregos (58,6%). A tradición urbana da Rúa de Valdeorras como cabeceira secundaria nunha comarca vitícola e mineira, fai que o comercio, os transportes e os servizos públicos sexan os subsectores máis destacados. O comercio está composto por pequenas firmas familiares, algunhas cadeas de alimentación e electrodomésticos así como empresas maioristas alimentarias e téxtiles. Por outra banda, no eido dos transportes, o subsector mineiro xera moitos movementos de exportación de materia prima, tanto por estrada como por ferrocarril. A principal vía de comunicación é a estrada N-120 (Vigo-Logroño) e a liña de ferrocarril A Coruña-Palencia, no seu tramo Monforte de Lemos -Ponferrada.
Historia
A historia do concello está ligada intimamente ao val do Sil, á área de Valdeorras, unha zona moi rica en recursos. A toponimia actual (As Medorras, Modorras) sinala a antigüidade do poboamento. Atopáronse mámoas en Roblido, gravados rupestres na Rúa Vella e os castros da Capela en Vilela, A Coroa na Rúa Vella e o Castrillón en Fontei. Sábese da existencia do pobo prerromano dos guigurros. Durante a dominación sueva e visigoda, A Rúa era coñecida como Georres ou Giorres, acadando certa relevancia por cuñar moeda durante os reinados de Witerico, Sisebuto e Suintila. Na Idade Media foi unha demanda especial sometida aos reis de Asturias, León e Galicia. O Rei Afonso IX concedeulle estas terras ao bispo de Astorga. O nome actual da Rúa non aparece ata o s XIX, xa que a antiga denominación era de Santo Estevo. Durante o Antigo Réxime as parroquias que integran o actual concello da Rúa pertenceron á xurisdición de Valdeorras, señorío do conde de Ribadavia. O concello da Rúa xurdiu en 1835, nas divisións anteriores a esta data non aparece ningún concello no seu territorio.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados, atopouse unha lápida de época romana na Rúa de Valdeorras na que se inscribe a carreira militar de Lucio Pompeio Fabro. Desta época consérvase a ponte da Cigarrosa pola que a Vía Nova atravesaba o Sil entre A Rúa e Petín. No mesmo lugar atopáronse mosaicos romanos. Destacan tamén as igrexas de Santo Estevo da Rúa de Valdeorras (s XVII), Roblido e Fontei, e a casa grande de Fontei ou casa de Ojea. Entre as festas que se celebran no concello destacan as de Santo Antonio en Fonteo, en xuño, San Roque na Rúa Vella, en agosto coa celebración do Volta Ecolóxica, e as de verán na Rúa.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | OURENSE |
|---|---|
| Comarca | Valdeorras |
| Extensión | 35 Km2 |
| Poboación Total | 4905 h |
| Poboación Homes | 2388 h |
| Poboación Mulleres | 2517 h |
| Densidade de poboación | 140.14 h/Km2 |
Parroquias
| Roblido |
| Rúa de Valdeorras, A |
| San Xulián |