Rubiá
Concello da comarca de Valdeorras situado no NL da provincia de Ourense e no SL da Comunidade Autónoma de Galicia. A súa posición xeográfica é 42° 27’ 06’’ de latitude N e 6° 57’ 28’’ de lonxitude O. Limita ao N coa provincia de León, ao S cos concellos do Barco de Valdeorras e Carballeda de Valdeorras (os dous da comarca de Valdeorras), ao L de novo, coa provincia de León e ao O, co Barco de Valdeorras. Abrangue unha superficie de 100,7 km 2 , en que acolle unha poboación de 1.617 h (2007), distribuída entre as parroquias do Barrio de Cascallá, Biobra, Covas, Oulego, Pardollán, O Porto, Quereño, O Robledo da Lastra, Rubiá e A Veiga de Cascallá. A súa capital é a vila de Rubiá, localizada a 118 km da capital provincial. Está adscrito á diocese de Astorga e ao partido xudicial do Barco de Valdeorras.
Xeografía física
O termo municipal de Rubiá é un espazo de contrastes, entre as áreas de val e as zonas montañosas, que se elevan con fortes pendentes sen que existan espazos planos de transición. A parte montañosa disponse en forma de arco na parte occidental, oriental e setentrional, cunha pequena planicie no NL, no interfluvio entre os ríos Sil e Éntoma ou Galir. Este arco montañoso está formado por xistos e lousas e posúe direccións variables (NO-SL, NL-SO, N-S) en forma de bloques elevados, incididos pola acción fluvial dos afluentes directos do Sil como do Éntoma. As maiores alturas acádanse no N, no Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra (Tara 1.112 m) e no O (Penas Marías, 1.268 m). As áreas de val están perfectamente individualizadas, no L. O río Sil discorre por un espazo angosto de material duro, que o obriga a abrirse paso desta forma. Así, as chairas aluviais son practicamente inexistentes e, se existen, son moi estreitas. Na parte central do concello e, separado do val do Sil por unha aliñación montañosa que culmina a 937 m, emprázase o val do Éntoma, que discorre desde a parte montañosa do NL, NO e N en forma de abano e toma logo dirección NL-SO, para confundirse xa coa depresión do Sil, unha área rechea de sedimentos terciarios e cuaternarios. O clima oceánico ten matices de montaña e indicios de mediterraneidade. A temperatura media é de 13°C, son frías no inverno (4-5°C) e calorosas no verán (21-22°C), aínda que moito máis rigorosas na montaña. As precipitacións son escasas (700 mm) agás nas áreas máis elevadas, onde se superan os 1.000 mm, moitas veces en forma de neve. A rede hidrográfica articúlase ao redor do río Ril, que forma o límite S e O, e os seus afluentes, como o Éntoma ou Galir e rego de Eirós. A vexetación, a pesar da acción do home, mostra unha excepcional diversidade, hai sabinas, castiñeiros, aciñeirais e varios endemismos (Petrocoptis grandiflora, Rhamnus legionensis), ademais de matogueira, formada por xenebros rastreiros, piornos, xestas e queirugas, e nas áreas máis húmidas as arandeiras.
Xeografía humana
Rubiá tivo unha evolución demográfica regresiva, especialmente desde a década de 1950, na que o éxodo rural supuxo un forte descenso da poboación. Desde 1900 (3.738 h), ata 1950 (4.296 h) a poboación medrou suavemente, aínda que cun claro descenso entre principios de s XX e 1920 (neste ano acadouse a cifra de 3.626 h). Esta dinámica responde a unha natalidade moi alta, unha mortalidade baixa, pero tamén un movemento migratorio constante cara a América. Desde 1950 a situación cambiou, e a poboación comezou a emigrar cara a outros espazos urbanos e industriais, abandonando o concello, de xeito que en 1970 a poboación era de 3.933 h e en 1981 xa de 2.734 h, cunha forte caída. Nas dúas derradeiras décadas do s XX, esta perda acentuouse e en vinte anos perdéronse 1.000 h, como consecuencia do negativo crecemento vexetativo, froito do forte avellentamento que sofre a poboación do concello. En 2006 o crecemento natural foi negativo (-10,6‰ ) a causa dunha baixa natalidade (3,7‰) e unha elevada mortalidade (14‰ ). Os maiores de 65 anos representan o 39,1% fronte ao 9,7% dos menores de 20 anos; o grupo intermedio é do 51,1%. Por sexos dominan lixeiramente as mulleres, 51,02%, fronte ao 48,98% de homes. O hábitat é de pequenas aldeas situadas nas áreas máis baixas, ben no val do Sil, ben no do Éntoma. A vila de Rubiá é o único espazo con certo trazos urbanos, que concentra todos os servizos e equipamentos de índole local.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Rubiá é do 42,5% (53,8% a masculina e 31,4% a feminina); a taxa de ocupación é do 37,9% (47,5% a masculina e 28,4% a feminina) e a taxa de paro é do 10,9% (11,7% a masculina e 9,5% a feminina). A economía do concello está moi vinculada ao sector secundario, e, en concreto, á minaría de lousas. O sector primario, anteriormente a base económica do concello, ocupa a tan só o 10,9% da poboación activa, centrándose na gandaría porcina e cabalar, dada a importancia da matogueira e do espazo forestal (79% do territorio), e no cultivo da vide, baixo a Denominación de Orixe Valdeorras, que ocupa máis de 200 ha. O máis destacado dentro do secundario (48,7% dos activos) é a minaría. Esta importancia vén dada polas canteiras que existen no termo e polas que se atopan tamén nos concellos veciños do Barco de Valdeorras, A Rúa, Carballeda de Valdeorras e incluso na provincia de León (Puente de Domingo Flórez). A industria está moi relacionada con este sector, xa que destacan algunhas empresas de transformación, así como a produción hidroeléctrica no Sil (encoros de Penarrubia e Pumares). No sector servizos (40,4%) moitos habitantes de Rubiá desprázanse diariamente ao veciño concello do Barco de Valdeorras para desempeñar o seu posto de traballo. A vila de Rubiá concentra certos servizos e equipamentos básicos para a poboación do termo. A principal vía de comunicación do concello é a N-120 (Vigo-Logroño) e o ferrocarril A Coruña-Palencia no seu tramo Monforte de Lemos -Ponferrada.
Historia
A orixe do topónimo Rubiá ten diversas interpretacións. Pode ser un topónimo viario referente a un lugar ou a un pobo situado nun camiño en costa ou relacionarse cunha divindade indíxena local, Revveana Bareco. Os restos máis antigos conservados nestas terras son os castros de Pardollán e Cabeza. En época romana a Via Nova atravesaba o concello por Rubiá, O Robledo da Lastra e o Ourego, desde onde partía unha vía secundaria. Durante a Idade Media pertencceu ao mosteiro de San Pedro de Lemos e aos condes de Lemos e Ribadavia. Durante o Antigo Réxime as parroquias que integran o actual concello de Rubiá pertenceron ás xurisdicións de Valdeorras, señorío do conde de Ribadavia; Merindad de Aguiar, señorío do marqués de Villafranca; Abadía de Carracedo, rexida por xustizas pedáneas; a parroquia de Pardellán, que tiña xurisidición sobre si mema exercida polo Hospital de Astorga. A proclamación da Constitución de 1812 supuxo a abolición do réxime señorial e a súa substitución por unha administración municipal do territorio. Creouse o concello de Santo Estevo. En 1823 o Rei Fernando VII derrogou a constitución, o que supuxo a supresión destes concellos e a restauración do réxime señorial. A definitiva recuperación do municipalismo produciuse en 1835 coa creación do concello de Rubiá.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados, consérvanse vestixios da Via Nova. Destacan tamén as igrexas parroquias de Rubiá, Biobra e Oulego, a ponte de Regueiral e a casa Grande de Rubiá. No eido do patrimonio natural cómpre destacar que en 2001 a Serra da Enciña da Lastra foi incluída como Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) na proposta da Rede Natura 2000. No concello celébranse, entre outras, as festas patronais da Ascensión en maio e san Bertomeu en agosto, o Carmen en Oulego en xullo, o Corpus Christi no Robledo da Lastra e a romaría de Poulo do Couso en Biobra.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | OURENSE |
|---|---|
| Comarca | Valdeorras |
| Extensión | 100 Km2 |
| Poboación Total | 1617 h |
| Poboación Homes | 792 h |
| Poboación Mulleres | 825 h |
| Densidade de poboación | 16.17 h/Km2 |